A morea de Monteagudo

  /  NATUREZA   /  A morea de Monteagudo
Fotografía: Jorge Hernández Urcera

A morea de Monteagudo

Esta impresionante morea duns 150 cm de lonxitude,  foi localizada en novembro de 2012 na illa de Monteagudo a uns 7 metros de profundidade. No seu día xa foi portada do Faro de Vigo por tratarse dun dos exemplares de morea máis grandes documentados en Cíes. Probablemente sexa unha femia, posto que adoitan ser máis grandes que os machos e, polo seu tamaño, podería pesar ao redor de 20 kg.

Trátase da especie Muraena helena, especie que normalmente alcanza unha talla máxima de entre 1,3 e 1,5 metros. Adoita vivir en gretas, entre rocas, de forma solitaria. De día só asoman a cabeza e de noite é activa, cazando entón peixes e cefalópodos dos que se alimenta. Pódese atopar en profundidades de ata 100 metros. A reprodución das morenas sucede normalmente entre os meses de xullo a setembro. Reprodúcese en zonas próximas á costa e pon uns ovos duns 5 mm. Nacen como larvas e os alevíns son transportados pola corrente. Requiren entre 2 e 3 anos ata que chegan a estado adulto. Unha vez finalizada a posta, no inverno, volven a augas máis profundas.

Share This