A praia tamén é para o outono

  /  ACTUALIDADE   /  A praia tamén é para o outono

A praia tamén é para o outono

O programa de actividades Augaventura CampusMar Life ofrece seis actividades deportivas no medio mariño

A praia tamén é para o outono

Flyboard, kaiak, rafting, surf, wakeboard e windsurf para o primeiro cuadrimestre

 

Duvi | Vigo
Deporte e mar unidos para ofrecer á comunidade universitaria un programa de actividades diverso que permita iniciarse na práctica de modalidades deportivas como flyboard, kaiak, rafting, surf, wakeboard e windsurf. Así vén sendo dende 2011, cando o Campus do Mar e a Área de Benestar, Saúde e Deporte uniron esforzos para deseñar unha proposta atractiva de lecer no medio mariño con dúas edicións anuais, unha en primavera e outra en outono. O programa ofrece experiencias dun día para achegarlle á comunidade universitaria o mar e o río, co gallo de dar a coñecer os deportes acuáticos de maneira divertida e informal, grazas á implicación de empresas colaboradoras con moitos anos de experiencia no sector. Desta volta, o programa comprende seis propostas, algunhas delas por primeira vez nesta oferta universitaria. O flyboard repite, igual que o kaiak, que se complementará na mesma xornada cunha andaina e a práctica do snorquel nas inmediacións das illa de San Simón. O programa inclúe tamén rafting, surf e windsurf, e a principal novidade desta edición e o wakeboard ou esquí acuático. As actividades desenvolveránse principalmente nos últimos días deste mes e nas primeiras semanas de outubro.

Seis deportes pasados por auga

O flyboard realizarase en colaboración coa empresa Tierra y Mar no porto deportivo de Moaña con dúas datas a elixir: os sábados 1 e 8 de outubro. Trátase dunha innovadora modalidade náutica que emprega unha táboa con dous potentes chorros que fai que os participantes se eleven sobre a auga, se mergullen ou dean saltos e piruetas. O prezo da sesión varía entre os 12 e os 18 euros dependendo de se se trata de voluntarios do Campus do Mar, persoal investigador do campus de excelencia ou comunidade universitaria en xeral.

Tamén o 8 de outubro terá lugar a actividade combinada de kaiak + andaina + snorquel na illa de San Simón e con prezos entre os 7 e os 10 euros en colaboración coa empresa Marexada. A actividade consiste nunha travesía/excursión en kaiak pola enseada de San Simón realizando diferentes paradas de interese como a estatua de Xulio Verne ou as dependencias da illa a través dun percorrido guiado polas súas instalacións tanto dende o punto de vista histórico como cultural. De regreso faráse tamén parada nos illotes de San Bartolomé e San Norberto e coñecer a auténtica lenda dos naufraxios de Rande.
As e os interesados en practicar rafting poderán elixir entre o 30 setembro e 7 de outubro cun prezo entre 10 e 15 euros. A actividade desenvolveráse no río Miño ao seu paso por Arbo en colaboración con Arrepións.

 

Para os que elixan o surf as datas serán o 2 e o 9 de outubro e a cita será na praia de Patos, en Nigrán, coa axuda de Prado Surf. Os participantes terán unha primeira hora de explicación sobre o material, as normas de seguridade na auga e de quecemento muscular e estiramentos para dar paso a unha segunda hora na que se achegarán á remada, á toma de ondas deitado e á técnica do Stand Up. O prezo varía entre 3 e 5 euros.

 

O wakebord ou esquí náutico, ten como data elixida o 9 de outubro no Liceo Marítimo de Bouzas, en colaboración coa empresa Tierra y Mar e o prezo está entre os 7 e os 10 euros. Con esta mesma empresa se organiza a actividade de iniciación ao windsurf o 27 deste mes de setembro tamén no Liceo Marítimo de Bouzas e cos mesmos prezos.

Fonte:

Duvi

Share This