A XXVII edición da Semana de Cine Submarino mergulla ao público na riqueza da costa galega

Portada » O Parque Nacional » A XXVII edición da Semana de Cine Submarino mergulla ao público na riqueza da costa galega

Nov 20, 2017 | ACTUALIDADE

Con entrada de balde, a cita será do 22 ao 24 de novembro no Teatro Afundación

A XXVII edición da Semana de Cine Submarino mergulla ao público na riqueza da costa galega

Os documentais ‘Mareas Vermellas’ e ‘O descoñecido mundo dos signátidos’ son os grandes reclamos da programación

D. Besadío | Vigo

É unha das grandes citas da programación cultural de outono e este ano, no que acada xa a súa XXVII edición, a Semana de Cine Submarino cede todo o protagonismo aos grandes tesouros do mar galego. A cita será do 22 ao 24 de novembro, pero hoxe os seus organizadores, avanzaron os detalles dunha edición na que os grandes protagonistas son os documentais galegos Mareas Vermellas, de Manuel E. Garci e Jorge H. Urcera; e SyngDoc: o descoñecido mundo dos signátidos, un traballo asinado por Miquel Planas e no que se desvelan os principais segredos do día a día dos cabaliños de mar.

A presentación da nova edición tivo lugar este luns na sede do Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, no Edificio Cambón, e nela coincidiron o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel J. Fernández Iglesias; José Luis González, director da Semana, e Mª Teresa Fernández, coordinadora da Área de Cultura de Afundación que se referiu a semana como unha cita “ineludible e agardada” por todos os vigueses e viguesas, especialmente no ámbito escolar, adiantando que este ano participarán nesta actividade preto de 1900 escolares de 34 colexios de Vigo e a súa contorna.

“Desde a Universidade entendemos este festival como parte de nosa identidade”

“Desde a Universidade entendemos este festival como parte de nosa identidade, leva con nós desde o noso nacemento e agardamos que siga sendo así”, subliñou o vicerreitor, que lembrou que o obxectivo desta semana é, precisamente, “facer do mar algo que estea omnipresente na cidade de Vigo, que os nosos estudantes poidan ter sempre información de primeira man do que acontece nel, tanto no seu, ese mar ao que xa lle cantaba Martin Codax, como noutro de calquera lugar do mundo”, así como, “facilitarlle á cidadanía en xeral compartir cos expertos mariños todas estas temáticas que rodean ao mar e, este ano, centrándonos especialmente no noso propio mar”.

O director da semana, José Luis González, foi o encargado de afondar nos detalles dunha programación que, como é habitual, se centra en dous grandes bloques: as proxeccións internacionais e as nacionais, nesta ocasión, “con pedigree galego ambas”, recalcou González, que fixo tamén fincapé en que a súa intención á hora de seleccionar os traballos que formarán parte este ano da mostra “foi buscar neles ofrecerlle ao público comportamentos nunca vistos ou nunca filmados, o que servirá para enriquecer o noso coñecemento sobre os animais acuáticos e a súa loita pola supervivencia”.

Con entrada de balde ata completar aforamento as sesións realizaranse ás 20.00 horas no Teatro Afundación de Vigo e cada mañá haberá pases especiais para o público escolar co fin de facilitar de que nenas e nenos coñezan desde cativos a riqueza, a complexidade e a realidade dos océanos e aprendan a respectalos.

submarino1

José Luis González, María Teresa Fernández e Manuel J. Fernández Iglesias na presentación

As proxeccións arrancan o mércores con dous traballos asinados por National Geographic

As proxeccións arrancan este mércores con dous traballos asinados por National Geographic: O home e a natureza: océanos, no que se afonda no vínculo entre o home e o animal a través da visión e das experiencias vividas polo doutor M. Sanjayan no océano; e A vida secreta das perlas, no que se retrata o descubrimento da xoia mariña máis valiosa e rara, perlas forxadas pola natureza e cultivadas polo home que nacen nunha das paraxes máis remotas e impresionantes do mundo. Neste primeiro día, asistirá como convidado o profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Francisco Ramil, que responderá ás dúbidas que poida formular o público sobre o tratado no documental.

Estrea para o gran público de Mareas Vermellas

O xoves trae consigo a estrea para o público de Mareas Vermellas, unha produción de FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) e o CSIC (Centro Superior de Investigación Científicas), rodado na ría de Vigo para explicar, de xeito moi divulgativo, como se orixina o fenómeno das mareas vermellas, algo moi habitual en Galicia, pero sobre o que aínda existe un gran descoñecemento. O documental explica os tipos de biotoxinas detectadas, as clases de fitoplancto que as producen e as principais causas e factores que favorecen a aparición destes episodios tóxicos.
Ademais ese mesmo día proxectarase tamén Siluros: as quenllas do río, documental no que se conta a vida dun animal, o siluro, o peixe de auga doce máis grande de Europa. Como convidado comentará ambos documentais o investigador do Instituto Español de Oceanografía, Francisco Rodríguez Hernández.

Mergullados no sorprendente mundo dos cabaliños de mar

A xornada de clausura, o venres 24, mergullará aos espectadores no sorprendente mundo dos cabaliños de mar, os peixes pipa e os dragóns de mar coa proxección de SyngDoc: o descoñecido mundo dos signátidos, e guiados polo seu autor, o científico Miquel Planas, quen en 2006 iniciou o proxecto Hippocampus, o primeiro proxecto centrado no estudo e na conservación de poboacións salvaxes e cría en cautividade de especies europeas de cabaliños de mar. Ademais, proxectarase tamén O arrecife secreto de Cuba, de National Geographic, no que se amosan imaxes de como sería o Caribe se non fora pola man do home.

Schooner. School-ship. Training ship. Common Sea Horse (Hippocampus guttulatus). Eastern Atlantic. Galicia. Spain. Europe

Schooner. School-ship. Training ship. Common Sea Horse (Hippocampus guttulatus). Eastern Atlantic. Galicia. Spain. Europe

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos