Alianza pola conservación do cabalo de monte galego

  /  ACTUALIDADE   /  Alianza pola conservación do cabalo de monte galego

Alianza pola conservación do cabalo de monte galego

A través dos acordos de custodia do territorio asinados este xoves polo grupo de investigación AF-4

A EE Forestal, Cotobade, Cerdedo e a CMVMC de Caroi alíanse pola conservación do cabalo galego do monte

Esta iniciativa permite dar continuidade á liña aberta cun proxecto financiado pola Fundación Biodiversidad

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Cando, hai preto dun ano, o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, puña en marcha un proxecto de investigación sobre o estado e a conservación da raza Cabalo Galego do Monte, financiado pola Fundación Biodiversidad, situaba entre os seus obxectivos prioritarios alcanzar acordos de custodia do territorio con diferentes colectivos e entidades que permitisen dar continuidade no tempo a esta liña de traballo. E isto é precisamente o que fan posible os tres acordos que o grupo que encabeza o director do centro, Enrique Valero, asinou este xoves cos concellos de Cotobade e Cerdedo e coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Caroi, que permitirán aos investigadores da Universidade de Vigo seguir analizando o estado das poboacións desta raza autóctona no espazo protexido da serra do Cando.

A través destes acordos, asinados na Casa Consistorial de Cotobade polo alcalde deste municipio, Jorge Cubela; o presidente da CMVMC de Caroi, Jesús Fortes, e o propio Valero, o grupo AF-4 comprométese a prestar asesoramento para a adecuada xestión dos espazos naturais, así como a traballar na busca de convocatorias públicas que permitan obter financiamento para proxectos que fagan posible a implantación medidas concretas dirixidas á conservación da especie. Os concellos e a comunidade de montes, pola súa banda, asumen o compromiso de ter en conta a conservación do cabalo e do seu hábitat dentro das súas actuacións cotiás, ao tempo que contribuír tamén á difusión do proxecto e dos resultados para lograr un maior número de axentes e entidades implicadas, así como aumentar a concienciación e sensibilización.

“Básicamente, o que se pretende é que todas as medidas de xestión ou conservación que leven a cabo, se fagan sempre velando pola conservación do cabalo e a mellora das súas poboacións”, sinala a investigadora do grupo AF-4 Xana Álvarez, dun compromiso que, no caso da CMVMC de Caroi, abrangue tamén que nos traballos de conservación que se realicen “prime sempre unha convivencia cos usos tradicionais destes espazos, como o agrícola e o gandeiro”.

Un xeito de dar continuidade á experiencia piloto

Seleccionado pola Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, dentro da súa convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2015, o proxecto Estudo e conservación do Cabalo Galego do Monte a través de acordos de custodia do territorio na Serra do Cando e no Monte Cabalar, constituíu, como explica Álvarez, unha “ primeira experiencia piloto”, dirixida a coñecer o estado das poboacións deste animal nestas dúas áreas, o seu comportamento natural e os diferentes factores que inflúen nelas. Do mesmo xeito, o proxecto, que se pecha neste mes de setembro, comprendía tamén a análise da problemática territorial, sectorial ou sanitaria que puidese implicar a súa especie, así como a súa contribución, por exemplo, “á redución do risco de incendios forestais, xa que ao alimentarse de certos matos, polo que diminúen a biomasa forestal da zona, mellorando hábitats de interese comunitario”.

Os resultados desta “experiencia piloto, que nos permitiu coñecer unha poboación que ata agora era bastante descoñecida” serán presentados o vindeiro mes de outubro nunhas xornadas na EE Forestal, anuncia Álvarez do que será o peche a un proxecto que levou ao grupo AF-4 a contactar con centros de investigación de Alemaña e Portugal cos que analizar “liñas futuras de traballo, como ver a relación que hai entre os cabalos salvaxes galegos e os portugueses”.

Mais, ao mesmo tempo, a sinatura destes acordos permitirá ao grupo “ir un pouco máis aló e seguir estudando estas poboacións a unha maior escala”, co propósito de “poder desenvolver accións sobre o terreo para melloralas”, como explica esta investigadora.

Fonte:

Duvi

Imaxe destacada:

© Paulo Brandao

Share This