Cambios na propiedade de Ons (III). Capítulo 5. A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

  /  BIBLIOGRAFÍA   /  Cambios na propiedade de Ons (III). Capítulo 5. A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

Cambios na propiedade de Ons (III). Capítulo 5. A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 5

A súa historia

Cambios na propiedade de Ons III

1911

O Marqués de Valladares, propietario da illa, arrenda esta a Marcial Bernadal, veciño dela, a cambio dunha renda anual de seis mil cincocentas pesetas.
Arréndalle a illa coas súas rendas, dereitos, regalías e a lancha para servizo da illa por cinco anos; estipúlase que o pago se efectuará en dúas partes: cinco mil cincocentas pesetas o día dezaseis de xaneiro e as mil restantes o primeiro de abril, todo en moeda de prata. O propietario resérvase o dereito exclusivo para cazar nas illas e poboalas de especies de caza; o arrendatario debe garantir que ninguén cace nas illas sen permiso do arrendador nin que se destrúa a caza ou os niños, para o que prohibe os cans. En canto á relación cos colonos, o arrendatario non consentirá que vivan na illa persoas que non a cultivan, e só poderá desafiuzar aos que se neguen a facer dito cultivo ou aos que non paguen os canons correspondentes. O arrendatario deberá procurar que os habitantes fagan desmontes e sementeiras de piñeiro, e poderá facilitar aos colonos o gando que precisen sen cobrarlles máis que a metade das utilidades do mesmo. Cada colono poderá ter unha cabeza de gando se o adquire co seu propio diñeiro, caso no que o arrendatario non terá ningunha participación nas utilidades de dita cabeza de gando.

[Contrato de arrendamento (1911). Documentación facilitada pola familia Riobó]

1919

Marcial Bernadal (veciño de Ons) e Manuel Riobó Guimeráns mercan a illa de Ons aos herdeiros do X Marqués de Valladares. Segundo Fernández de la Cigoña terían pagado 300.000 pesetas pola compra da illa.

[Fernández de la Cigoña Núñez, E. (1989), Illas de Ons e Sálvora, historia natural e humana e outros traballos, Vigo, p. 41]

1921

Manuel Riobó merca a Marcial Bernadal a súa parte da illa, converténdose no único propietario. Realiza unha acta de conciliación cos colonos, na que estes o recoñecen como propietario e na que se recolle o que cada veciño tiña arrendado, así como as condicións do pago das rendas e de propiedade do gando.

[Acta de conciliación (1921). Documentación facilitada pola familia Riobó]

1924

O propietario da illa Manuel Riobó, crea a Sociedade Limitada “Islas de Ons”, para a comercialización do polbo e do congro que se pescaba nela. Nesta sociedade entra a participar Didio, o fillo do doutor, quen uns anos máis tarde recibe as illas en herdanza. [Documentación facilitada pola familia Riobó]

1936

Falece Didio Riobó, propietario da illa como herdeiro de Manuel Riobó; segundo as fontes orais, teríase suicidado en Ons. A xestión da illa e da sociedade “Isla de Ons” queda en mans dos irmáns Gaspar e Antonio Massó. [Documentación facilitada pola familia Riobó]

1941

O Estado franquista expropia a illa, en principio con fins militares, polo que pasa a depender do Ministerio do Exército. Compran a illa pola cantidade dun millón de pesetas, das que se reteñen duascentas vinte cinco mil ata que a familia non cancele a hipoteca que pesaba sobre a illa, feito que sucede a finais de 1942.

[Expropiación de las islas de Ons y Onza (1941). Documentación facilitada pola familia Riobó]

1964

Ons pasa a depender do Ministerio de Agricultura, integrándose nun primeiro momento no Instituto Nacional de Colonización (INC), logo no Insitituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario (IRYDA) e máis tarde no Instituto para la Conservación de la Naturaleza (ICONA).

[Documentación facilitada pola familia Riobó]

1983- 1984

A illa é transferida á Xunta de Galicia.

[Vilas Paz, Ana; Gamallo Liste, Beatriz; Framil Barreiro, Jesús; Bomache López, Jorge; Sanz Ochoa, Katya; Lois Silva, Marta e Toubes Porto, Mónica. 2005. Guía de visita do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O. A. Parques Nacionales]

2002

A illa intégrase no Parque Nacional Marítimo- Terrestre das Illas Atlánticas.

[“Ley 15/2002, de 1 de julio, por la que se declara el Parque Nacional marítimo-terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia”, Boletín Oficial del Estado de 2 de xullo de 2002]

2008

O Estado transfire todas as competencias relacionadas co Parque Nacional Marítimo- Terrestre das Illas Atlánticas á Comunidade Autónoma de Galicia.

[“REAL DECRETO 1082/2008, de 30 de junio, sobre ampliación de las funciones y servicios de la Administración del Estado traspasados a la Comunidad Autónoma de Galicia, en materia de conservación de la naturaleza (Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia)”, Boletín Oficial del Estado de 1 de xullo de 2008]

Imaxe: Illote do Gaiteiro © Santiago Boado Aguinaga

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Share This