Capítulo 5 (Introdución). A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

  /  BIBLIOGRAFÍA   /  Capítulo 5 (Introdución). A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

Capítulo 5 (Introdución). A súa historia. “Ons: unha illa habitada”

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 5

A súa historia (Introdución)

 

A xente de hoxe son os descendentes dos antigos colonos da illa, que dende mediados do século XIX instalouse nela. En época medieval, esta illa pertencía á Igrexa. Será a partir do século XX cando pase a mans privadas e cando algúns deses primeiros colonos decidan asentarse definitivamente na illa enfrontándose a posta en cultivo dunhas terras que levaban séculos sen traballar.

Eles nunca foron donos das súas casas e terras e polo seu uso debían pagarlle unha renda ao dono, unha parte dos froitos da terra (en millo) e dos froitos do mar (todo o polbo que pescaban llo tiñan que vender a él).

Porto do Son 446

Procesión de San Xoaquín © Santiago Boado Aguinaga

A mediados do século XX é cando se rexistra o maior nivel de ocupación. A partir dese momento comeza a súa caída, especialmente a partir dos anos 70/80 que será cando comece o acelerado descenso da súa poboación, as súas vivendas queden en estado ruinoso e os campos de cultivo abandonados. Pero cambiaron os tempos e pouco a pouco a xente volveu ás súas casas, aínda que doutro modo: agora residen só en época estival. Os cultivos redúcense a unhas poucas hortas, aumenta o turismo, os horarios dos barcos son máis numerosos que a calquera outro lugar do continente e a illa é dende o 2002 do Parque Nacional e a súa xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

PitisosVeciños de Ons regresan ao continente

                                                                 © Santiago Boado Aguinaga

A elaboración do Estudo Histórico e Documental conlevou unha procura exhaustiva e a análise das fontes documentais da historia moderna, ademais da busca bibliográfica completa do arquipélago de Ons, que abarcara tanto temas relacionados coa propia illa como aqueles temas que puideran gardar algún tipo de relación co obxecto deste traballo.

Para isto fíxose necesario levar a cabo unha consulta bibliográfica, procedendo, ao tempo, á consulta dos bens documentais existentes nos seguintes arquivos: Arquivo Histórico da Deputación de Pontevedra, Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela, Arquivo Catedralicio de Santiago de Compostela, Arquivo do Concello de Bueu e Arquivo Histórico Nacional. Igualmente visitáronse o Museo de Pontevedra e o Museo Massó. Na procura desta información, ademais da documentación facilitada polos descendentes de Dª Joaquina Gelabert Castella, foi posible contactar coa familia Riobó, que nos cedeu parte da documentación da súa propiedade.
Nesta busca, por unha banda, obtivemos documentación relevante que axudou a montar a historia da illa pero, por outra, fíxonos conscientes dos grandes baleiros históricos, especialmente antes da época moderna.

A elaboración deste, fíxose atendendo á orde cronolóxica da información de documentación histórica existente da illa de Ons, dende as primeiras noticias de época romana ata a actualidade. De feito, onde hai máis información é no tocante á época contemporánea, especialmente polos cambios na adscrición municipal das illas e os problemas derivados que se inician pola petición do Marqués de Valladares de que as illas se agreguen a Bueu. Tamén hai información de como a Guerra Civil e, sobre todo, a posguerra influíu nos habitantes da illa, tanto a nivel social, como económico, pasando a ser, a partir dese momento, propiedade do Estado.

Porto do Son 460Cesáreo e dorna, habitantes da illa de Ons © Santiago Boado Aguinaga

Paralelamente, grazas a este estudo histórico puidemos chegar a comprender os procesos dinámicos de poboacióndespoboamentorepoboación, asociados a cambios de propietarios e de tipo de propiedade.
Así por exemplo, a documentación histórica da illa remóntase cara o ano 899, no que o monarca Alfonso III dona a illa de Aunes ao bispo compostelán (Lucas Álvarez, 1997). A partires desa data, imos atopar outros documentos que nos permiten observar os diversos cambios de propiedade que se deron ao longo do tempo.

Sucede algo parecido cos procesos de poboación. As entidades arqueolóxicas nos permiten falar dun poboamento prehistórico na illa, constante ou non.

No Catastro do Marqués da Ensenada, do século XVIII, a illa aparece deshabitada e, en momentos anteriores a documentación móstranos unha alternancia entre ocupación e abandono; e será, a partires do século XIX, cando pase a estar habitada de forma permanente.

 

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Imaxes: © Santiago Boado Aguinaga

Share This