Chasca outeando dende a matogueira costeira

Portada » O Parque Nacional » Chasca outeando dende a matogueira costeira

Feb 27, 2017 | NATUREZA, VIDEOBLOG

Chasca outeando dende a matogueira costeira

A chasca (Saxicola rubicola) é unha ave terrestre, un paxariño de aspecto rechoncho. Trátase dunha ave sedentaria que conta cun deseño cromático moi rechamante nos machos. Como exemplo os individuos que mostramos nas imaxes. En Galicia resulta unha especie común.

Atópase amplamente distribuída pola Península e Baleares. É unha especie de paseriforme ligada principalmente a espazos abertos, onde se inclúen diversas formacións de matogueira (nas imaxes do vídeo, sobre toxo), bordos, claros de bosque, cultivos e tamén en pasteiros con arbustos dispersos.

Os machos teñen a cabeza de cor negra, peito arrubiado e unha mancha branca no pescozo, mentres que as femias e xuvenís son de cores máis discretas, acastañadas. Resulta ademais doado de identificar polo seu inconfundible e insistente reclamo (“chac-chac”), de onde lle ven a súa acertada nomenclatura en galego.

Vive entre a matogueira e mesmo en campos con sebes, facendo o seu niño en arbustos e sendo quen de criar ata dúas ou mesmo tres veces ao ano.

Aliméntase xeralmente de pequenos invertebrados, sobre todo insectos, que moitas das veces logra capturar en voo logo de estar observando dende os seus pousadoiros. Tamén adoita aproveitarse de sementes e froitos.

A chasca ou chasca é un dos paxaros máis doados de observar nos diferentes arquipélagos do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, onde resulta máis raro pola falla de espazos abertos), tanto pola súa abundancia como sobre todo polo seu hábito de pousar ao descuberto, no alto de arbustos, penedos ou estacas.

As imaxes, tomadas na Costa da Vela (Cangas do Morrazo) por Basilio Cegarra, mostran un inquedo macho de chasco outeando dende o alto das ramas dun toxo (Ulex europaeus) da matogueira costeira.

Pódenche interesar tamén os seguintes artigos:

Introdución ás aves terrestres do Parque Nacional

Chasca sobre penedo colonizado por uva de gato

A relevancia da matogueira no Parque Nacional. Presentación

VER VÍDEO:

Imaxe destacada: 

© Pedro Figueras/Arquivo da Luz Atlántica

Imaxe audiovisual:

© Basilio Cegarra

Santiago Boado Aguinaga
Author: Santiago Boado Aguinaga

Santi Boado é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago. Investigador, divulgador e redactor. Naturalista vocacional, ten formación en comercialización e información turística, interpretación do patrimonio e educación ambiental. Exerce de guía-intérprete en espazos con valor patrimonial. Tamén é guía acreditado do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e membro da Asociación de Guías Acreditados das Illas Atlánticas de Galicia-Agaia, do clube de montaña Pena Trevinca-Montañeiros de Galicia e da Seo-Birdlife.

Otros artículos