Culturmar celebrará en 2017 o XIII encontro de embarcacións tradicionais co apoio de Cultura

  /  ACTUALIDADE   /  Culturmar celebrará en 2017 o XIII encontro de embarcacións tradicionais co apoio de Cultura

Culturmar celebrará en 2017 o XIII encontro de embarcacións tradicionais co apoio de Cultura

Culturmar celebrará en 2017 o XIII encontro de embarcacións tradicionais co apoio de Cultura

 

Esta iniciativa bianual e itinerante, que o próximo ano chegará a Poio, constitúe unha das manifestacións máis singulares a prol da recuperación e difusión do patrimonio marítimo tradicional.

 

A Xunta de Galicia apoiará a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, na realización da nova edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Así llelo confirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nunha reunión, a representantes de Culturmar e do Club Mariño A Reiboa, organizadores, xunto co concello de Poio, da décimo terceira edición do encontro, que se levará a cabo neste concello pontevedrés o próximo ano.

No ámbito do patrimonio marítimo, ademais de apoiar este encontro, a Consellería de Cultura e Educación promove tamén múltiples iniciativas, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e dos centros culturais do departamento vinculados ao medio mariño: o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, as actividades da illa de San Simón, en Redondela, e o Museo Massó, de Bueu.

A colaboración da Administración galega neste ámbito tamén se traduce noutras iniciativas como a incoación da declaración como ben de interese cultural inmaterial das técnicas construtivas das embarcacións tradicionais galegas.

Unha conmemoración da cultura marítima

Desde 1993, ano da celebración da primeira edición en Ribeira, Culturmar vén organizando ininterrompidamente, de maneira itinerante e bianual, o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, unha conmemoración da cultura marítima que congrega en diferentes vilas mariñeiras un número cada vez maior de embarcacións tradicionais galegas e outras chegadas do resto da península Ibérica e doutros países, como Francia, Irlanda etc.

En terra, ao pé das embarcacións, desenvólvense diferentes actividades culturais e de lecer arredor do patrimonio marítimo-fluvial dirixidas a participantes e público en xeral: xornadas de conferencias e coloquios, exposicións e obradoiros, mostra de artesanía, presentación de publicacións e manifestacións artísticas diversas, como a música, a danza e o teatro.

A última edición do encontro, que se presentou baixo o lema ‘Vento da historia, mar de futuro…’, tivo lugar no no porto de Cabo da Cruz, no concello de Boiro, co apoio da Xunta de Galicia a través das consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Mar, e de Economía, Emprego e Industria.

Fonte:

Xunta de Galicia

Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial . Culturmar

Imaxe:

© Culturmar

Share This