Espectáculo nas illas Cíes mergullando con Pedro Alonso

Portada » O Parque Nacional » Espectáculo nas illas Cíes mergullando con Pedro Alonso

Ago 16, 2018 | NATUREZA, VIDEOBLOG

Viñamos de facelo na enseada de Bastián de Val na illa de Ons. Agora mergullámonos de novo aínda que en augas do arquipélago das illas Cíes, tamén con Pedro Alonso

A través destas imaxes xa estamos inmersos baixo o mar, nunha aventura que supón observar e desfrutar deste valioso e importantísimo ecosistema mariño. Contemplamos como van xurdindo, aflorando e emerxendo, entre estes fondos de area, cascallo e rochas, espléndidas imaxes de vida. No fondo rochoso, destaca moitas das veces a colonización por algas, xa ben ramallos de mar, leitugas de mar e mesmo animais mariños como os ramos de mar. Atopámonos hoxe no arquipélago das illas Cíes que xunto a Ons, Sálvora e Cortegada forman parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Deste xeito, neste ecosistema mariño atopapámonos cunha importante cantidade de hábitats onde xurden estes distintos grupos de animais mariños. Xa ben sexan peixes, moluscos, poliquetos, cnidarios ou equinodermos.

Así, distinguimos neste audiovisual de Pedro Alonso, entre outras moitas especies, fanecas, chaparelas, pintos, maragotas, doncelas, lorcho de cabeza negra, peixe pipa e babosas de mar. Tamén estrelas, anémonas, lebres de mar, polbos, chocos, espirógrafos, ascidias, estrugas, carallos de mar, ourizos e mesmo ofiuras.

Todas elas conforman un conxunto, unha relación, unha orde, un equilibro necesario que compre respectar para conservar esta riqueza en forma de cantidade e calidade de vida. Un conxunto que representa excelentes indicadores de valores da biodiversidade que albergan estes fondos mariños do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Polo tanto, todos os seres vivos que conforman este conxunto tan biodiverso, atopan aquí as condicións ideais de vida para se refuxiar e alimentar. Así acontece nas augas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Nesta ocasión mostramos unha entrada das illas Cíes.

  • Destaca sobre maneira neste audiovisual o intento fallido da captura dun peixe por parte dun polbo (Octopus vulgaris), entre os minutos 05:30 e 05:36 desta excepcional gravación do mergullador galego Pedro Alonso

Son imaxes todas que parten dunha outra de tantas inmersións de Pedro Alonso, que sempre nos aportan riqueza, e dan boa conta da biodiversidade de valores e importancia que alberga o medio mariño no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Aquí, representa o 86% da súa superficie total. O 16% restante  correspóndese coas propias illas emerxidas e coicide coa superficie terrestre dos arquipélagos das illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Xunto ao o Parque Nacional Marítimo Terrestre do Arquipélago de Cabrera en Baleares, no mar Mediterráneo, son os dous únicos parques nacionais existentes con esta singularidade. Referímonos ao feito de ter a maior parte da súa superficie cunha condición marítima.

Red de Parques Nacionales está conformada por un total de 15 espazos naturais que contan con esa categoría de protección no conxunto do estado.

Uns fondos mariños cheos de vida que compre respectar e protexer. Aínda así, aquí faena de xeito regular a pesca e o marisqueo profesional e tradicional de carácter artesanal. Unha frota de baixura das localidades costeiras próximas que atopa nas augas do Parque Nacional e seu entorno un dos seus principais recursos e caladoiros.

Así todo, manter este equilibro non é doado nin está garantido, malia ser imprescindible para a conservación destes ecosistemas mariños. Compre apostar polo desenvolvemento sustentable “real” para asegurarmos un futuro mellor para o sector pesqueiro e marisqueiro e polo tanto para a sociedade en xeral.

Este audiovisual foi gravado en augas da do arquipélago das illas Cíes por Pedro Alonso e publicado o 18 de xuño de 2016 na súa canle de Youtube.

Audiovisual: © Pedro Alonso

Imaxe destacada: captura de pantalla audiovisual de Pedro Alonso

Santiago Boado Aguinaga
Author: Santiago Boado Aguinaga

Santi Boado é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago. Investigador, divulgador e redactor. Naturalista vocacional, ten formación en comercialización e información turística, interpretación do patrimonio e educación ambiental. Exerce de guía-intérprete en espazos con valor patrimonial. Tamén é guía acreditado do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e membro da Asociación de Guías Acreditados das Illas Atlánticas de Galicia-Agaia, do clube de montaña Pena Trevinca-Montañeiros de Galicia e da Seo-Birdlife.

Otros artículos