Este outono descobre as máis de 800 especies de cogomelos da illa de Cortegada

  /  FOTOBLOG   /  Este outono descobre as máis de 800 especies de cogomelos da illa de Cortegada

Este outono descobre as máis de 800 especies de cogomelos da illa de Cortegada

Este outono descobre as máis de 800 especies de cogomelos de Cortegada

Froito dun traballo de 13 anos, a Guía Micológica de la Isla de Cortegada destaca por ser a publicada en Galicia co maior número de especies de setas

O investigador do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Saúl de la Peña presentou hai cousa dun mes na Facultade de Bioloxía a Guía Micológica de la Isla de Cortegada, froito do traballo dun grupo de seis persoas cuxa intención principal é dar a coñecer esta illa única en Europa polos seus valores micolóxicos. A guía destaca por ser a publicada en Galicia co maior número de especies de fungos e cogomelos e por supor un traballo cun dos seguimentos (13 anos) máis longos e que aínda segue en curso.

Na Illa de Cortegada –o lugar de Europa estudado ata a data con máis especies por superficie– atopáronse ata hoxe máis de 800 especies, das que 620 se recollen na guía en fotografías. Ademais, nestes anos os investigadores descubriron tres novas “aínda que se pensa que haberá unhas 30”, explica De la Peña. Nese espazo aparecen tamén catro especies da Lista Vermella Europea e 9 da Lista Vermella Preliminar de Fungos Ameazados na Península Ibérica.

Na presentación púxose de manifesto tamén a problemática actual da xestión do Parque, que a maiores do cambio climático ten que enfrontarse á desaparición das cabras e a sobrecarga de xabaríns, un dos principais inimigos dos fungos segundo os autores.

Acompañaron no acto a Saúl de la Peña o director do Padroado do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e o presidente da Federación Galega de Micoloxía e á súa vez da asociación A Cantarela, unha das de maior antigüidade e prestixio de Galicia.

As persoas interesadas en mercar o libro deben poñerse en contacto co seu autor a través do correo saul.delapena@gmail.com.

Fonte:

USC

Imaxe:

© Pedro Figueras/Arquivo da Luz Atlántica

Share This