Un estudo analiza os bosques primixenios da ría de Vigo e explica a desaparición do carpe

Portada » O Parque Nacional » Un estudo analiza os bosques primixenios da ría de Vigo e explica a desaparición do carpe

Feb 14, 2018 | CIENCIA

O traballo foi realizado polo Grupo XM-3 Análisis de Concas

Un estudo analiza os bosques primixenios da ría de Vigo e explica a desaparición do carpe

A través do pole que se atopa nos sedimentos mariños, percorre a evolución da vexetación da contorna

Duvi | Vigo

A vexetación primixenia é a presente no territorio antes de que os ecosistemas terrestres empezasen a ser profundamente transformados, hai uns 6000 anos, coa chegada da gandaría e a agricultura, é dicir, un período que abarca, polo menos, os últimos 60.000. Da evolución destes bosques ocúpase unha das liñas de investigación do proxecto Avaliación e contextualización de reservorios de metano da rías galegas con relación ás variacións no nivel do mar e os cambios ambientais durante o pos-glaciar, desenvolvido polo grupo XM-3 Análises de Concas. A revista Vegetation History and Archaeobotany vén de publicar un artigo que recolle algúns resultados deste estudo, realizado en colaboraron con científicos do Ibader (Instituto de Biodiversidadade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC), da Fundación Ikerbasque, da Universidade do País Vasco, e do Institute of Plant Sciences and Oeschger Centre for Climate Change Research, da Bern Universitëit. Deste proxecto xurdiu tamén a tese de doutoramento de Iria García-Moreiras, defendida en novembro.

munhoz2

O investigador do grupo Grupo XM-3 Castor Muñoz

Neste traballo, as e os investigadores céntranse en desvelar que sucedeu coa poboación de carpe (Carpinus betulus L.), unha árbore caducifolia común en Europa e Asia Menor pero da que apenas existen na actualidade unhas poucas poboacións ibéricas. “Antes da última glaciación era bastante común no noroeste ibérico, pero comezou a decaer hai 60.000 mil anos”, apunta o investigador do grupo XM-3 Castor Muñoz. Para coñecer que provocou esa paulatina diminución, os sedimentos da ría de Vigo ofrecen unha fonte de información importante, xa que durante o último ciclo glaciar (entre 110.000 e 10.000 anos) o nivel do mar estivo situado como mínimo unhas decenas de metros por debaixo do nivel medio actual. “Moitos dos segredos daquelas épocas quedaron almacenados e preservados en estratos que hoxe están baixo o mar”, explica Castor Muñoz. Así, os sedimentos da ría conteñen poles de Carpinus “en secuencias coherentes e datadas entre hai 60.000 e menos de 9000 anos” que amosan a historia desta árbore, “bastante diferente e moito máis complexa do que se cría”.

munhoz1

Detalles de follas de ‘Carpinus betulus L.’ (Foto Muñoz Sobrino)

Hai 45.000 anos

Os investigadores que forman parte deste estudo debuxan unha historia en catro episodios. O primeiro deles sitúase hai 45.000 anos, cando o mar estaba 40 metros por debaixo do nivel actual e apenas penetraba mais aló de Toralla e punta Balea, en Cangas. “Neste escenario, a ría albergaba unha riqueza de ecosistemas que hoxe en día é difícil de imaxinar”, explica Muñoz. Grandes volumes de area fóronse acumulando fronte ás chairas litorais do sur de Galicia e norte de Portugal, formando extensos ecosistemas de praia-duna, “que penetraban cara o interior en forma de dunas fixas e chans areosos colonizados por piñeiros e cimbros costeiros”. Tras estes ecosistemas dunares emerxía o antigo val, cuberto de meandros, marismas, zonas húmidas de transición e breixos costeiros. Augas arriba, nos leitos fluviais aparecían salgueiros e amieiros, nas marxes máis elevadas destes bosques xa comezaban a aparecer os primeiros carpes. En ladeiras máis altas e soleadas os carpes daban paso a árbores caducifolias como freixos, abeleiras, carballos, etc. esclerófilas como acivros, sobreira ou érbedos.

munhoz4

Hai 20.000 anos

Unha segunda etapa sitúanos hai 20.000 anos, no período máis frío do último máximo glaciar, cando o nivel relativo do mar se situou 120 metros por debaixo do nivel actual. Naquel intre, explica Castor Muñoz, “poderíamos ter ido a pé ata as illas Cies” e, cun clima máis frío, a altitude máxima dos bosques descendeu, de modo que moitas das cinturas de vexetación fóronse trasladando ao longo do antigo val, en dirección ao mar. O frío intenso fixo que as faias desaparecesen e, nalgúns puntos das Rías Baixas apareceron bidueirais costeiros. O resto dos tipos de bosque persistiron, incluídos os de carpe, desprazados val abaixo, cara a actual boca da ría.

Hai 10.000 anos

Un novo aumento da temperatura trouxo máis cambios, cando a finais da última glaciación a temperatura media estival aumentou uns 6 °C na costa do sur de Galicia. “A fusión dos glaciares provocou unha subida rápida do nivel mariño, e hai uns 10.000 anos o mar comezou a inundar e erosionar as antigas chairas situadas na boca norte da actual ría”. Hai 9000 anos o mar xa alcanzaba A Guía e este movemento reduciu drasticamente a superficie emerxida nas marxes da ría, en especial os sistemas dunares colonizados por piñeiros e cimbros, e as zonas húmidas e de breixo costeiro. Tamén aumentou a frecuencia de desbordamento das marxes fluviais e isto favoreceu ás especies que soportan mellor as inundacións frecuentes e prolongadas, como amieiros, salgueiros e freixos, fronte ao carpe, unha árbore máis propia de climas sub-húmidos e temperados ou frescos, que como apunta Muñoz, “unicamente tolera inundacións eventuais e durante períodos curtos”. Os datos que manexan os investigadores do grupo XM-3 amosan que o carpe sobreviviu á última glaciación nos vales costeiros do noroeste ibérico e que só desapareceu máis adiante, durante os primeiros milenios do Holoceno.

O impacto humano durante o Holoceno

A cuarta etapa correspóndese coa última parte do Holoceno, cando o nivel do mar foi ascendendo gradualmente ata a súa posición actual. As lamas intermareais, marismas e bosques aluviais fóronse retraendo pouco a pouco ata quedar restrinxidos ás desembocaduras das concas do Verdugo-Oitavén e do Alvedosa-Redondela na zona máis interna; e os ríos Lagares e Miñor na marxe sur. Os científicos apuntan tamén que o clima rexional, marcadamente oceánico, favoreceu o desenvolvemento e predominio de bosques caducifolios mesotermófilos con carballo, tileiro, freixo, abeleira, bidueiro, pradairo, lamigueiro, castaños, amieiro, salgueiro, etc. Non obstante, os sinais da transformación humana dos bosques xa comezaron a facerse evidentes no período de Óptimo Climático do Holoceno (hai entre 8000 e 3000 anos), explica Muñoz, e, a partir de entón acentuáronse, “debido a certo deterioro climático e, sobre todo, aos sucesivos cambios culturais das idades de Bronce e Ferro, da romanización, etc”. Así, o terreo anteriormente forestal pasou a converterse en zonas de cultivos, pastos ou núcleos de poboación e tan só se preservaron algúns bosques de ribeira de amieiros e salgueiros e pequenas superficies de outros bosques de caducifolias mesturadas con coníferas e esclerófilas, polo xeral acantonados nas zonas máis abruptas, inaccesibles ou inhóspitas. Así, o carpe foi convertendo progresivamente nunha árbore marxinal neste área.

En conclusión, os resultados confirman que “os cambios climáticos poden ter efectos drásticos sobre os nosos ecosistemas e biodiversidade e, a partir de aí, sobre todo o que de eles poida depender”.

Imaxe destacada: © Pedro Figueras

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...