Un estudo da UDC localiza ricas pradarías de seba nos fondos mariños de Cortegada e Sálvora

  /  BIBLIOGRAFÍA   /  Un estudo da UDC localiza ricas pradarías de seba nos fondos mariños de Cortegada e Sálvora

Un estudo da UDC localiza ricas pradarías de seba nos fondos mariños de Cortegada e Sálvora

Un estudo universitario localiza ricas pradarías de seba nos fondos mariños de Cortegada e Sálvora

A illa situada na bocana da ría de Arousa presenta maiores valores de cobertura e densidade, mentres que a situada fronte a Carril dispón das plantas máis altas

Os investigadores da Universidade da Coruña Verónica García Redondo, Ignacio Bárbara e Pilar Díaz Tapia, acaban de publicar un estudo polo que se dá a coñecer a distribución, extensión características, biodiversidade e flora asociada das pradarías da seba no Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia. O traballo destaca que se atoparon pradarías nos arquipélagos de Sálvora e de Cortegada, mentres que a que existía nas illas Cíes desapareceu.

O Parque Nacional rexistra 1,03 hectáreas de pradarías mariñas, sendo a illa situada na bocana da ría de Arousa a que presenta maiores valores tanto de cobertura e densidade da zoostera (conxunto de plantas acuáticas), mentres que na illa carrilexa as plantas son máis altas.

Os traballos realizáronse en todos os arquipélagos de Illas Atlánticas mediante mergullo autónomo co fin de delimitar a localización, extensión e cobertura das pradarías. Recolléronse mostras e no laboratorio levaron a cabo as biometrías das plantas.

Os resultados do estudo indican que se atoparon pradarías de seba en tres zonas dos arquipélagos de Sálvora e Cortegada. Na primeira só atopouse un na contorna do peirao da illa a unha profundidade de 2,2 metros. O informe indica que esta pradaría está delimitada polos fondos mixtos de maërl e cascajo e abarca unha extensión de 1.296 metros cadrados, cunha cobertura media próxima ao 70%.

No arquipélago de Cortegada acháronse dúas pradarías de seba. A primeira delas, denominada Cortegada 1, atópase na zona norte da illa preto de Punta Fradiño e é máis somera que a de Sálvora. Esta pradaría abarca un total de 2.575 metros cadrados dos cales a cobertura de zostera supera o 50% no terzo da extensión, sendo inferior no resto.

A pradaría Cortegada 2 está localizada na zona noroeste da illa preto de Pedra do Pico. Está fóra dos límites marítimos do Parque Nacional e a unha profundidade de +0,2 metros, polo que queda ao descuberto coas mareas vivas. Esta pradaría, segundo o estudo, abarca 6.391 metros cadrados dos cales o 71% presenta coberturas de zostera mariña superiores ao 50%. Aínda que son máis densas en Sálvora, a altura media das follas é maior en Cortegada.

O estudo indica que a localización da pradaría Cortegada 2, máis protexida da ondada, favorece a sedimentación dos seus fondos, o que é aproveitado polos habitantes da contorna para o cultivo da ameixa.

Os investigadores tamén advirten que a retirada das plantas de zoostera marina no cultivo da ameixa supón un impacto potencialmente negativo nas pradarías xa que as fragmenta e no peor dos casos, elimínaas, o que podería reducir a súa extensión.

Os autores do estudo indican que nestas tres pradarías rexistráronse un total de 87 especies de algas, o que denota unha elevada riqueza específica de macroalgas.

A diversidade destas macroalgas das pradarías do Parque Nacional é maior que a rexistrada en pradarías doutras rexións europeas

Descargar estudo completo en PDF clicando AQUÍ: Zostera

 

Imaxe destacada: By Colin.faulkingham at English Wikipedia – Create by Colin Faulkingham in Summer 2007., Public Domain, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=5754192

Share This