Un estudo demostra que a presenza de eucaliptais a carón dos regatos diminúe a biodiversidade

Portada » O Parque Nacional » Un estudo demostra que a presenza de eucaliptais a carón dos regatos diminúe a biodiversidade

Abr 3, 2017 | CIENCIA

Segundo un artigo publicado polos profesores Adolfo Cordero e Maruxa Álvarez e a egresada Alba Martínez

Un estudo demostra que a presenza de eucaliptais a carón dos regatos diminúe a biodiversidade

O seu estudo centrouse na presenza de macroinvertebrados en en 16 pequenos afluentes de cabeceira do Lérez

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Diferentes estudos teñen constatado que a substitución da vexetación propia das ribeiras dos ríos por outro tipo de especies vexetais e arbóreas ten efectos negativos sobre a biodiversidade nas concas fluivais. Algo que tamén acontece no caso dos pequenos regatos, como constataron o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero e a docente da Facultade de Bioloxía Maruxa Álvarez, nun estudo que realizaron xunto coa egresada da EE Forestal Alba Martínez, en 16 afluentes de cabeceira do Lérez e que lles permitiu comprobar que a diversidade de macroinvertebrados víase diminuída naquelas bacías nas que os eucaliptais substituirán á vexetación nativa é a propia das ribeiras.

O artigo que veñen de publicar na revista Animal Biodiversity and Conservation parte das mostraxes que Martínez realizou, xunto con estes dous docentes, para o seu traballo de fin de grao, en “regatos de pequeno tamaño”, nos que analizaron a presenza de diferentes especies de “larvas de insectos e insectos adultos que viven dentro do regato, alimentándose das follas e outro material que procede dos ecosistemas terrestres”, como explica Cordero. “Hai unha serie de traballos feitos en ríos dunha certa entidade onde se ve que cando se planta eucalipto todo ao redor do río, este deixa de recibir a maior parte das achegas que obtén da vexetación de ribeira, pero había moi pouco feito dos que chamamos ríos da orde 1, os primeiros regos”, explica o investigador principal do grupo EcoEvo dun estudo que constatou por unha banda, como a diversidade de macroinvertebrados aumentaba canto maior era a superficie da conca e a proporción de superficie cuberta por bosque autóctono, mentres que, pola contra, a riqueza e diversidade destas especies diminuía a medida que aumentaba o solo ocupado por eucaliptais.

gal2

As investigadoras, tomando mostras

Comunidade menos diversas

Partindo de fotografías aéreas, o autor e autoras deste artigo clasificaron cinco categorías de solo na superficie analizada; bosque autóctono, eucaliptal, zona agrícola, matos e zona urbana. Partindo destas imaxes, avaliaron que porcentaxe da bacía de cada rego era cuberta con cada tipo de uso. En seis dos casos, o bosque de ribeira, combinando nalgúns casos cos arbustos e usos agrícolas, constituía a vexetación predominante. Os eucaliptais érano noutros seis regatos e os arbustos en dous, ao tempo que nos restantes predominaba a agricultura e os usos mixtos. “Dos usos forestais, o eucalipto é o peor escenario”, explica Cordero dun estudo que non abrangueu a análise dos tramos urbanos e na que se atoparon que nalgúns dos regos “non quedaba outra vexetación que eucaliptos toxos e ericáceas”.

gal3

O rego de As Pozas, en Campo Lameiro

A través do uso dunhas redes que permitían cuantificar “a abundancia dos organismos nunha superficie do fondo do río”, o autor e autoras deste artigo, analizaron a presenza das 65 familias de macroinvertebrados que atoparon nestes regatos, nos que “as comunidades son máis simples” naqueles casos nos que a vexetación autóctona se viu substituída. “Hai poucas especies, aínda que dalgunha delas poida haber moitos individuos localmente”, explica Cordero, que incide no papel que xogan estes macroinvertebrados nunha “complexa rede trófica”. Non en van, estes insectos, que se alimentan das follas, principalmente de especies como o ameneiro, e doutros materiais “procedentes dos ecosistemas terrestres”, son a súa vez “alimento principal dos peixes do río”.

gal4A través de redes, analizouse a presenza de macroinvertebrados no fondo dos regatos

De aí que unha das conclusións principais do artigo sexa incidir na importancia de recuperar os bosques de ribeira para “mitigar as repercusións dos monocultivos”, xa que, como explican, “os usos dos solo dunha conca hidrográfica exercen un efecto importante na estrutura e funcionamento dos seus ecosistemas fluviais”, ao tempo que destacan tamén que aqueles regatos cubertos principalmente por eucaliptais presentan “unha maior probabilidade de secarse completamente en verán”.

Imaxe destacada:

Vista do rego de Maneses, en Campo Lameiro, unha das superficies analizadas.

Fonte: Duvi

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...