Pardelas (II). La pardela balear por Mar de Aves
Pardelas Procellariidae
As pardelas son aves mariñas de tamaño medio ou grande. A plumaxe é de cor escura, negra, gris ou apardazada, coas partes inferiores polo común máis claras. O peteiro é recto, moi ganchudo no bico e con dous “tubos” colocados en paralelo ao longo do eixo da mandíbula superior.
Formidables voadoras, pasan a meirande parte da súa vida en mar aberto cubrindo enormes distancias tódolos anos. Ás longas, estreitas e afiadas. Peitean as ondas cun voo característico que alterna planadas e bater de ás.
Alimentanse de peixe e de invertebrados mariños que tanto “recollen” en voo como capturan na auga. Son capaces de mergullar uns poucos metros e de irlle enriba ao peixe nadando coas ás.
Os tubos do bico están relacionados co sentido do olfacto que é moi fino nestas aves, o que lles permite localizar o alimento no medio do mar. Este consiste maiormente en peixe peláxico e cefalópodos. Son varias as especies que tiran partido dos descartes da pesca.
Aniñan baixo terra, en tobos e coviñas. onde depositan un único ovo. A vida nas colonias é nocturna.
En conxunto, as pardelas son un dos grupos de aves máis ameazados do planeta, e son varias as especies que están a piques de desaparecer para sempre. Unha das causas desa situación tan desfavorable ven dada por elas concentrar os seus efectivos reprodutores en poucos lugares, por veces nunha illa só o que fai que sexan moi vulnerables a calquera cambio a peor nas condicións ecolóxicas da illa. Ademais ao poñer un ovo ao ano a súa taxa reprodutiva é moi baixa polo que lles costa moito recuperarse das perdas de poboación.
No Atlántico Ibérico só se coñece da existencia dunha especie de pardela a criar, a pardela cincenta, mentres que as outras especies comúns nos mares deGalicia, a balear e a furabuchos, vense no verán e no outono principalmente.
Outras especies de pardela poden observarse nas Rías Baixas, sobre todo no tempo do paso migratorio de outono. A máis abundante delas é, probablemente, a pardela escura (Puffinus griseus).
- Pardela balear (Puffinus mauretanicus)
- Pardela cincenta(Calonectris diomedea)
- Pardela furabuchos(Puffinus puffinus)
PARDELA BALEAR (Puffinus mauretanicus)
PARDELA BALEAR / FURA-BUCHO BALEAR / BALEARIC SHEARWATER
Puffinus mauretanicus
35 cm de lonxitude × 80 cm de envergadura. Pardela pequena de cor apardazada coas partes inferiores algo máis claras. Voo rápido pola tona da auga no que alterna planadas longas con períodos máis curtos de rápido bater de ás.
Especie exclusiva das illas Baleares que adoita dispersarse cara ao Atlántico despois da reprodución.
Nas augas das Rías Baixas e do Parque Nacional está presente, principalmente de xullo a outubro, unha poboación aberta constituída por aves que non se reproduciron ou que xa completaron a reprodución. Sempre no mar, é doado observar bandos cativos pousados na auga ou ben individuos solitarios en voo. na boca de las Rías e ao redor das illas do Parque.
A pardela balear está considerada como unha das aves máis ameazadas de extinción da avifauna do noso planeta. Isto é debido, en parte, ao feito de concentrarse a especie nunhas poucas colonias do arquipélago balear. As augas exteriores das rías, xunto co espazo marítimo del Parque, seica constitúen unha zona de alimentación importante no período despois da reprodución.
- Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas
- Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas
- Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla
Imaxe destacada: Pardela balear (Puffinus mauretanicus) por Xabier Vázquez Pumariño