A morea de Monteagudo

  /  NATUREZA   /  A morea de Monteagudo
Fotografía: Jorge Hernández Urcera

A morea de Monteagudo

Esta impresionante morea duns 150 cm de lonxitude,  foi localizada en novembro de 2012 na illa de Monteagudo a uns 7 metros de profundidade. No seu día xa foi portada do Faro de Vigo por tratarse dun dos exemplares de morea máis grandes documentados en Cíes. Probablemente sexa unha femia, posto que adoitan ser máis grandes que os machos e, polo seu tamaño, podería pesar ao redor de 20 kg.

Trátase da especie Muraena helena, especie que normalmente alcanza unha talla máxima de entre 1,3 e 1,5 metros. Adoita vivir en gretas, entre rocas, de forma solitaria. De día só asoman a cabeza e de noite é activa, cazando entón peixes e cefalópodos dos que se alimenta. Pódese atopar en profundidades de ata 100 metros. A reprodución das morenas sucede normalmente entre os meses de xullo a setembro. Reprodúcese en zonas próximas á costa e pon uns ovos duns 5 mm. Nacen como larvas e os alevíns son transportados pola corrente. Requiren entre 2 e 3 anos ata que chegan a estado adulto. Unha vez finalizada a posta, no inverno, volven a augas máis profundas.

Author: Jorge Hernández Urcera

Doutor en Bioloxía Mariña pola Universidade de Santiago de Compostela, Técnico Superior en Produción Acuícola (IGAFA) e Mergullador Profesional (IGAFA). Traballou en L'Oceanogràfic de Valencia, na Universidade de Vigo, no Instituto Español de Oceanografía, no Scottish Oceans Institute e no Consello Superior de Investigacións Científicas. Durante a súa traxectoria profesional, cursou diferentes estancias de investigación nacionais e internacionais, presentou comunicacións científicas en numerosos congresos e participou en varias campañas de investigación oceanográfica, unha delas, a bordo do BIO Hespérides, na Antártida (2010). Desde o 2012, é guía acreditado do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. En canto a mergullo científico, colaborou como mergullador en diversos proxectos, entre os que destacan: "Cartografiado de pecios no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia", da Xunta de Galicia; "Estudo do recrutamento da navalla (Ensis arcuatus) na Ría de Pontevedra" da Universidade de Vigo; "Poboacións naturais, reprodución en catividade e ensaio de repoboación co caballito de mar Hippocampus guttulatus" e "Caracterización de hábitats de posta de cefalópodos de interese comercial no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e no Parque Nacional de Cabrera", os dous últimos do Instituto de Investigacións Mariñas. Nos últimos anos recibiu diversos premios relacionados coa fotografía biolóxica. As súas fotos foron publicadas en en medios como "National Geographic", "Muy Interesante", "Ruta Pesquera (portada)", "Revista Mar", "El Mundo", "El País", "Faro de Vigo (portada), etc. Realizou traballos fotográficos que forman parte das exposicións itinerantes: "Fondos Mariños do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia", do PNIAG; "Acuicultura? Descúbrela", da Fundación OESA; e "InvestigArte", da Fundación Barrié.

Share This