Gaivotas (I). A gaivota chorona por Mar de Aves

Portada » O Parque Nacional » Gaivotas (I). A gaivota chorona por Mar de Aves

Nov 9, 2017 | NATUREZA

Gaivotas (I). A gaivota chorona por Mar de Aves

Gaivotas

Gaivotas Laridae

As gaivotas son aves mariñas de tamaño mediano ou grande co manto (lombo e dorso das ás) de cor gris e o resto do corpo de cor branca. Forman, xunto cos carráns, o grupo dos láridos (Laridae).

As especies máis pequenas adoitan presentar unha carapucha escura polo verán.

Os xuvenís das especies grandes son de cor parda e riscada e botan de tres a catro anos en acadar a plumaxe adulta en sucesivas mudas. Nas gaivotas pequenas as etapas xuvenís duran un par de anos e caracterízanse igualmente por un plumaxe apardazado.

As gaivotas son un grupo cosmopolita que está presente nunha gran variedade de hábitats, mesmo as hai que ocupan hábitats de interior e media ducia de especies son capaces de vivir e reproducirse nas cidades.

A súa dieta é moi variada e son moitas as especies de gaivota que saben como tirar partido dos recursos que o ser humano rexeita ou desaproveita.

Ata cinco especies de gaivota poden ser consideradas como habituais nas Rías Baixas. Tres delas, a gaivota patiamarela, a gaivota escura e máis o gaivotón aniñan nas illas do Parque. As outras dúas gaivotas habituais nas rías Baixas son a gaivota chorona e a gaivota de cabeza negra. A chorona é abundante entre setembro e abril, porén a gaivota de cabeza negra é escasa e localizada tanto no tempo como no espazo.

A única especie de gaivota que cría en Galicia e non cría no Parque Nacional é a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla). Esta pequena gaivota peláxica ten o seu único lugar de aniñamento nas illas Sisargas (Malpica) e trátase dunha poboación en grave perigo de extinción.

Nas Rías Baixas é posible observar algunha especie máis de gaivota, polo xeral en moi escaso número e principalmente durante o inverno.

GAIVOTA CHORONA (Croicocephalus ridibundus)

GAVIOTA REIDORA / GUINCHO / BLACK-HEADED GULL
Chroicocephalus ridibundus

37 cm de lonxitude × 100 cm de envergadura. No período reprodutor os adultos desta especie presentan unha característica carapucha da cor do chocolate. Outro risco característico é o bordo de ataque das asas é de cor branca. O peteiro é de cor vermella coa punta negra e as patas son igualmente vermellas.

A carapucha desaparece polo inverno, máis conserva unha mancha con forma de faba detrás dos ollos. Os xuvenís aseméllanse moito aos adultos en plumaxe invernal.

Común en hábitats de auga doce do interior, é unha das gaivotas máis abondosas e con máis ampla distribución no mundo, distribuída por toda Europa.

Non aniña no Parque nin no resto de Galicia. As Rías Baixas acollen unha nutrida poboación invernante (setembro-abril) asentada de preferencia en zonas recollidas preto da costa: esteiros, praias e portos.

Seica ten criado na Galiza na década de 1970, nas Xunqueiras de Baldaio (Carballo).

Gaviota reidora

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas

Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas

Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla

Imaxe destacada: Gaivota chorona lucindo a plumaxe de inverno (Chroicocephalus ridibundus) © Ricardo Figueroa

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos