Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
Capítulo 3
A súa xente
A illa de Ons estivo habitada de forma permanente dende o século XIX. A mediados do século XX é cando se rexistra o maior nivel de ocupación. A partires dese momento comeza a súa caída, especialmente a partires dos anos 70/80 que será cando comece o acelerado descenso da súa poboación, as súas vivendas queden en estado ruinoso e os campos de cultivo abandonados. Na actualidade na illa viven de forma permanente aproximadamente media ducia de persoas, ademais de varios traballadores do Parque Nacional (un garda e varios operarios). Esta poboación vese incrementada notablemente en época estival, cando a maior parte das familias retornan as súas casas, aumenta o número de empregados do Parque Nacional, e o turismo fai patente a súa presenza, dando lugar a un gran dinamismo social e favorecendo un crecente impacto na economía local.
A xente de hoxe son os descendentes dos antigos colonos da illa, que desde mediados do século XIX instaláronse nela. Procedían principalmente da zona do Salnés, de Sanxenxo, Noalla e posteriormente da península do Morrazo: Loira, Meira, Bueu ou Cangas. Nun principio, os veciños das zonas costeiras máis próximas traballaban as terras baldías, ás que levaban o gando e das que recollían o toxo para fertilizar as terras de labradío de terra firme, nunha illa que pertencía á Igrexa. Será a partir da Desamortización do 1836 cando pase a mans privadas, primeiro á familia Valladares e posteriormente á de Riobó, cando algúns deses primeiros colonos decidan asentarse definitivamente na illa enfrontándose ás roturacións dunhas terras que levaban sen traballar séculos. Eles non eran donos das terras e polo seu uso debíanlle de pagar unha renda ao dono, o amo, unha parte dos froitos da terra (o millo) e os froitos do mar (todo o polbo que pescaban tíñanllo que vender).
Lonxe de pensar nunha illa bucólica, baleira ou afastada, no seu momento máis álxido chegou a ser poboada por medio millar de persoas que habitaban en oitenta vivendas agrupadas en barrios: Caño, Curro, Canexol, Pereiró, Chan da Pólvora, Cucorno e Centulo.
Imaxinemos un momento de intenso tránsito pola illa a mediados do século XX:
Xente traballando no mar: en 1942 estaban rexistradas 150 dornas dedicadas á pesca do polbo. Na fábrica de salgadura, nos secadoiros de polbo, na pesca a pé, no marisqueo, na recollida do sargazo… Xente traballando a terra: a principal fonte de sustento debido a que os longos temporais de inverno facían imposible vivir cara o mar. Pensemos que a totalidade do territorio da illa estaba traballado. O que non era para labradío o era para recoller o toxo pequeno, co que estrumaban as terras, ou o toxo grande para quentar a cociña, e terras ambivalentes que mantiñan o gando e producían cereal. Non había máis terra, é a que é, un territorio acoutado no que os límites os pon o mar. Había escola á que asistían os nenos e nenas no tempo roubado ás tarefas domésticas. Os intercambios económicos, as tabernas, os traballos comunais.
Tamén lles chegou a Guerra Civil e a fame na postguerra. A falta de madeira para quentar a cociña facía que os que tiñan menos recursos e, polo tanto, menos terras, tiveran que ir a Onza na dorna a recoller o toxo grande xa queimado polos continuos incendios para aproveitalo, aínda que todos ían alí a recoller a herba que crecía de forma natural para alimentar o seu gando. Tamén roubaban algún piñeiro, a escondidas.
Agora, imaxinemos un momento o tránsito entre a illa e o continente. A obtención de recursos mariños na illa, como o polbo e o percebe, e a súa posterior venta no continente. No imaxinario simbólico, a procesión dos mortos “A Santa compaña” ven do punto máis preto de terra firme, alá na Lanzada, atravesando o mar para chegar á illa polo areal de Melide e desaparecer finalmente no camposanto da illa. En Beluso está a súa parroquia. Alí, en ocasións, cando non viña o cura á illa, ían a bautizar, a casar ou, máis recentemente a enterrarse.
Pero chegaron os anos 60, e con eles a expropiación da illa polo Estado, pasando a depender agora do Instituto Nacional de Colonización. Neste momento decídese facer unha reforma integral da illa argumentando, como noutros casos ocorridos na península, a necesidade de efectuar unha reforma social e económica da terra despois da Guerra Civil.
Baixo estes parámetros decídese construír unha nova aldea en Curro. Alí estarían agora os edificios públicos, ocupando os terreos da antiga fábrica de salgadura, co fin de centralizar os usos públicos e comerciais para un control máis efectivo destas actividades. Constrúese unha nova igrexa en substitución da que había en Canexol, faise unha nova escola separando agora aos nenos e nenas substituíndo á que xa tamén había en Canexol, faise unha casa para o mestre, para o cura, para o médico, a “Casa forestal”, lavadoiros comunitarios, e incluso un graneiro de tipo castelán. Pero non se construíu un embarcadoiro novo solicitado polos mariñeiros insulares. A maior parte deles xa estaban dando o cambio da dorna polos modernos barcos a motor. As dornas varaban na praia pero estes barcos non. Necesitábase un embarcadoiro en condicións que lles desa abrigo as novas embarcacións. Pero, ante as continuas negativas, pouco a pouco os habitantes da illa foron marchando para Bueu, onde si tiñan un embarcadoiro que reunía as condicións aptas para o seu amarre. Marcharon os mariñeiros e a súas familias. A escola usouse poucos anos, a vivenda do cura e do médico nunca se chegaron a utilizar, o graneiro menos. En 1980 a illa estaba practicamente abandonada.
Agora é outra illa. Agora hai outro tipo de poboamento marcadamente estacional, xorden outro tipo de problemas o seren Parque Nacional, hai outro usos que nada teñen que ver cos do pasado, outros conflitos que solucionar.
Quizais non todo se perdeu. A vida, a morte, as festas, as enfermidades, as sanacións, os remedios, o lume, os contos, as lendas, o vento, o mar, a terra, … o coñecemento da xente da illa aínda está na memoria dalgúns, creando tamén outra nova. Os que quedan son os herdeiros do coñecemento absoluto do seu territorio e do ciclo da vida e da morte que nel se mesturaban.
Imaxes:
© CSIC
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace.
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada