Científicos vigueses acadan unha patente para a criopreservación de embrións de ourizo de mar

Portada » O Parque Nacional » Científicos vigueses acadan unha patente para a criopreservación de embrións de ourizo de mar

Set 14, 2016 | CIENCIA

Concedida aos investigadores Ricardo Beiras e Estefanía Paredes, da Ecimat, e Juan Bellas, do IEO

Científicos vigueses acadan unha patente para a criopreservación de embrións de ourizo de mar

O Servizo de Preservación Funcional de Toralla consigue financiamento do MINECO para mellorar o seu equipamento

M. Del Río | Vigo
Na actualidade, o proceso de criopreservación de células e tecidos de organismos terrestres tense convertido nunha ferramenta de destacada utilidade para a investigación médica, tanto humana como veterinaria. Pola contra, a utilización desta técnica no medio mariño é aínda limitada, e existen moi poucos protocolos que teñan éxito criopreservando células de peixes e moluscos. De feito, a escaseza de metodoloxías efectivas deste procedemento aplicables a tipos celulares clave, como poden ser células xerminais ou embrións, limita o desenvolvemento da investigación en bioloxía mariña. Por iso, a comunidade científica está a traballar no desenvolvemento de metodoloxías para a preservación dun maior número de organismos e/ou tipos celulares. A Universidade de Vigo comezou en 2009 a traballar neste campo, concretamente nunha investigación punteira na criopreservación de embrións e larvas de organismos mariños, que arrancou como parte da tese de doutoramento de Estefanía Paredes. Agora, este traballo converteuse nunha patente nacional que recoñece o único protocolo de criopreservación de estados temperás de desenvolvemento de ourizo de mar con demostrada viabilidade e aplicación en avaliación da contaminación mariña e acuicultura. Esta tecnoloxía e as súas aplicacións son froito do traballo levado a cabo no laboratorio do catedrático Ricardo Beiras e baixo a dirección de Juan Bellas, científico do Instituto Español de Oceanografía de Vigo.

Un protocolo específico deseñado para os ourizos de mar

O procedemento de criopreservación de embrións de ourizo de mar (Paracentrotus lividus) baséase nun protocolo especificamente deseñado para este uso e que permite almacenar en nitróxeno líquido as blástulas (embrións de ourizo de mar) para que poidan ser empregadas fóra da temporada de reprodución natural desta especie. A patente está concedida a Ricardo Beiras, Juan Bellas e Estefanía Paredes. Esta última, que actualmente traballa nos Estados Unidos, explica que a patente desenvolveuse durante a súa tese de doutoramento, que recibiu o premio da Real Academia de Doutores de España en 2015, polo que “boa parte dos datos foron obtidos na Ecimat”. A principal novidade que presenta é que “desenvolve un protocolo de criopreservación de probado éxito para ourizo de mar, un fito que non se tiña logrado con anterioridade”, explica Paredes, que engade que tamén se desenvolveu a súa posible aplicación en ecotoxicoloxía e acuicultura. Destaca a investigadora que o proceso de solicitude dunha patente non é sinxelo, e valora moi positivamente a formación que a Universidade de Vigo ofrece sobre a protección da propiedade intelectual ou o sistema de patentes e a axuda e asesoramento da OTRI.

Na actualidade Paredes atópase rematando o seu posdoutoramento no Laboratorio de Criobioloxía Teórica e Aplicada da Universidade de Tennessee en Knoxville. “Vinme aquí”, explica, “para traballar co doutor Peter Mazur, un dos pais fundadores da criobioloxía e afondar nos aspectos máis teóricos da criopreservación de especies consideradas ‘modelo’ en ciencia”. Tras o falecemento de Mazur en 2015, a investigadora galega estivo a cargo do seu laboratorio e da finalización do proxecto do National Institute of Health (NIH) no que estaban traballando.

Pendentes do proxecto Cryomar

Nun futuro próximo Estefanía Paredes podería regresar a Vigo da man do proxecto Cryomar. Tal e como explica Antonio Villanueva, subdirector da Ecimat, o centro vigués lidera un subproxecto na proposta Assemble+ presentada en marzo á convocatoria europea H2020-INFRAIA en colaboración con outras 24 institucións europeas. A proposta está enfocada ao desenvolvemento de técnicas de criopreservación para diferentes grupos de organismos mariños e no caso de obter o financiamento europeo “este proxecto suporía un impulso moi importante ao desenvolvemento do servizo de criopreservación da Ecimat”. Esta é unha das principais apostas estratéxicas da estación de ciencias mariñas viguesa, dado que se trata dunha ferramenta cunha aplicación moi transversal e cun enorme potencial para facilitar radicalmente o estudo dos sistemas biolóxicos mariños. Como destaca Villanueva, “a dispoñibilidade de recursos biolóxicos mariños é unha das principais limitacións para a I+D mariña debido ao custe de recolección e/ou mantemento de organismos en catividade, á estacionalidade e á escaseza de especimes no medio natural”. A criopreservación é a principal alternativa para o almacenamento ex situ de recursos biolóxicos mariños, e permite reducir custes e espazo de almacenamento, ao tempo que facilita unha preservación intacta e funcional dos organismos.

Financiamento estatal para o Servizo de Preservación Funcional

A aposta da Ecimat pola criopreservación como liña estratéxica de I+D plasmouse na creación dun Servizo de Preservación Funcional, que se integra na Unidade de Cultivos Mariños, e que representa, segundo subliña Antonio Villanueva, “unha das principais achegas da Ecimat ao European Marine Biological Resource Centre (EMBRC). Para a posta en marcha deste servizo, o centro de investigación vén de recibir un importante respaldo do MINECO a través da convocatoria para a concesión de axudas a infraestruturas e equipamento científico-técnico. Esta concesión, destaca Villanueva, permitirá a adquisición de, entre outros, equipamentos de criopreservación de última xeración que permitirán á Ecimat dar un salto de calidade na prestación do servizo debido á incorporación da innovadora técnica de criopreservación por vitrificación con desconxelación láser ultra-rápida que obtén altísimas supervivencias tras a desconxelación”. Deste xeito, o equipamento solicitado “convertería á Ecimat nun dos primeiros laboratorios a nivel mundial en empregar esta tecnoloxía e no primeiro en facelo para criopreservar organismos mariños”.

Fonte:

Duvi

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...