Astrofísica da UVigo participa na misión espacial Gaia que obtén a imaxe máis completa da Vía Láctea

Portada » O Parque Nacional » Astrofísica da UVigo participa na misión espacial Gaia que obtén a imaxe máis completa da Vía Láctea

Set 14, 2016 | CIENCIA

A astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla participa no proxecto internacional

A misión espacial Gaia obtén a imaxe máis completa da Vía Láctea

GDR1, o primeiro catálogo de Gaia, foi presentado simultáneamente na Coruña e Madrid

Duvi | Vigo
As e os investigadores do Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións de Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña Minia Manteiga, Carlos Dafonte, Daniel Garabato e Marco Antonio Álvarez, xunto coa docente e investigadora do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo Ana Ulla, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya, presentaron este mediodía na institución académica coruñesa os primeiros resultados da misión Gaia, da Axencia Espacial Europea (ESA), na que participan as e os investigadores galegos, xunto a colegas da Universitat de Barcelona, e máis de 450 científicos e enxeñeiros doutros 23 países co obxectivo de elaborar un mapa preciso en 3D da Vía Láctea.

A presentación pública destes primeiros resultados, que se fixo de forma simultánea en Madrid, é un fito importante neste proxecto coa publicación do GDR1, o primeiro catálogo de Gaia, a sonda espacial que en decembro de 2013 despegaba coa misión de “censar” as estrelas da Vía Láctea, cartografíando mil millóns de astros da nosa galaxia, o que representa un 1% das que se estima existen. Logo de tres anos hoxe presentáronse os primeiros resultados dun traballo que recompila 500.000 millóns de medicións astronómicas e a localización de dous millóns de estrelas.

Esta primeira publicación inclúe ademais os datos fotométricos de centenares de estrelas variables, 2.595 estrelas tipo RR Lyrae e 599 estrelas Cefeidas observadas en xullo de 2014, en que o satélite escaneou repetidamente os polos galácticos. Para chegar a estes resultados, Gaia observou en media uns 70 millóns de obxectos celestes, obtivo máis de 637 millóns de medidas astrométricas (posicións no ceo) e 150 millóns de medidas fotométricas (cantidade de luz en cada cor), ao día. Os datos crús que obtén o satélite pasan por un complexo proceso de transformación e análise que leva a cabo un equipo duns 450 científicos de toda Europa, o consorcio DPAC, do que o grupo de investigación da Universidade da Coruña forma parte desde 2007. A misión Gaia producirá versións actualizadas do seu catálogo aproximadamente cada ano a partir desta data, ata chegar ao arquivo final, que se publicarán arredor do ano 2022. Os datos que Gaia proporcionará arroxarán nova luz practicamente en todos os ámbitos da Astronomía e serán unha referencia durante os próximos 50 anos.

Un instrumento clave para un censo estelar sen precedentes

A Vía Láctea é unha estrutura espiral en rotación que mide uns 100.000 anos luz e representa unha galaxia típica, como moitas outras que hai no cosmos. Para medir a súa estrutura e a súa dinámica, necesítase determinar as posicións e movementos dun número estatisticamente significativo das súas estrelas, incluíndo a medida das súas distancias desde a Terra. Gaia é o instrumento clave para tratar este desafío, xa que durante cinco anos será capaz de producir un censo estelar sen precedentes en precisión e en tamaño.

Imaxe destacada:
 
Gaia mapeando a Ví­a Láctea/Foto © ESA
 
Fonte:
 
Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...