A Ecimat analiza o efecto do cambio global nas interaccións entre comunidades microbianas e materia orgánica
A acidificación oceánica provocaría alteracións na abundancia e a produción de poboacións bacterianas da ría de Vigo
Nas condicións previstas, as bacterias responderon ante a adicción da materia orgánica acidificada producida polo fitoplancto
Os océanos, a través da súa capa mais superficial, funcionan como sumidoiros de CO2 atmosférico, chegando a absorber gran parte do excedente gaseoso, que foi en aumento parello á incremento da actividade industrial, entre outras causas. Cando este CO2 se disolve nos océanos, prodúcense cambios nos equilibrios químicos da auga do mar que resulta nun descenso do pH. Este proceso de acidificación oceánica vai en aumento e estímase que a finais deste século a baixada de pH pode ir dende as 0,3 ata as 0,7 unidades podendo ter graves efectos sobre os ecosistemas mariños, os seus organismos e as relacións que se establecen entre eles e co medio. O investigador da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla Antonio Fuentes está a estudar os posibles efectos da acidificación no mundo microbiano, concretamente nas bacterias heterotróficas, “unha parte moi importante destes ecosistemas mariños, encargadas de reciclar toda a materia orgánica producida polos outros organismos e permitir así que se volvan a empregar estes nutrientes na cadea trófica dos océanos”, como destaca o científico.
Fuentes, dirixido pola doutora Cristina Sobrino, traballa no seo do Grupo de Oceanografía Biolóxica da Universidade e contan coa colaboración de investigadores do Instituto Español de Oceanografía e do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e o Instituto de Ciencias Mariñas de Andalucía-CSIC. O seu estudo, que senta as bases para súa tese de doutoramento, ten como obxectivo coñecer as respostas das comunidades bacterianas da ría de Vigo e a súa relación coas comunidades fitoplantónicas por medio da materia orgánica que estas producen ante o futuro escenario de acidificación oceánica. “Aínda que xa existe abundante bibliografía sobre estudos similares realizados noutras partes do globo, o presente estudo diferenciase polo interese centrado nos posibles trastornos da materia orgánica e o seu consecuente emprego polas bacterias”.
Resultados do estudo
O investigador realizou o seu estudo simulando as condicións de pH previstas para o futuro, e os resultados amosan que as bacterias da ría de Vigo “non responderon directamente aos efectos da acidificación oceánica”, sendo indiferentes ás distintas condicións de pH nas que se incubaron. Sen embargo, as bacterias si que responderon de xeito diferente ante a adicción da materia orgánica que foi producida polo fitoplancto en condicións de pH semellantes ao escenario agardado de acidificación oceánica. “Observouse que na metade do transcurso das incubacións, as bacterias medraron en maior numero cando estas empregaban como sustento a materia orgánica producida en ambientes ácidos”, explica Fuentes. Con todo, nos últimos intres do experimento a produción destas bacterias foi maior cando se realizaron incubacións onde se engadiu materia orgánica producida baixo niveis normais de pH. Polo tanto, destaca o científico, “nun escenario futuro de acidificación, a poboación bacteriana sería menor a medida que transcorre o tempo”.
Os investigadores resaltan con estes resultados que as bacterias da ría de Vigo non responderían directamente ante os efectos da acidificación oceánica que podería acontecer na a finais de século, sen embargo existen outras vías de interacción a nivel de ecosistema entre diferentes organismos e as súas relacións que semellan producir efectos dun xeito indirecto nas comunidades bacterianas. Este estudo, conclúe Fuentes, “preséntase como o primeiro de moitos xa que é importante coñecer máis a fondo a resposta destas interaccións ante as novas ameazas que están por vir”.
Traballo de laboratorio
Os experimentos tiveron lugar na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e consistiron en incubacións de mostras de auga de mar da ría de Vigo. As incubacións das comunidades fitoplanctonicas realizáronse durante oito días nos mesocosmos que posúe a Ecimat ao aire libre, simulándose así as condicións de luz e radiación solar, incluída a radiación UV, recibida na superficie do mar. No comezo desta incubación, e para asegurar un bo desenvolvemento das comunidades fitoplanctonicas e tamén adquirir unha boa cantidade de materia orgánica, engadíronse nutrientes inorgánicos en concentracións similares ás atopadas nos episodios de afloramento na ría de Vigo. As condicións de acidificación oceánica agardadas para finais do presente século simuláronse, como relata o científico, “aireando a metade dos cultivos cunha mestura de aire atmosférico e gas CO2 comercial, a outra metade dos cultivos so se aireou con aire atmosférico simulando as condicións actuais dos océanos”.
Por outra banda, realizáronse as incubacións das bacterias heterotróficas nas instalacións isotérmicas da ECIMAT, mantendo así condicións de escuridade e temperatura constante e controlada, do mesmo xeito que no caso do fitoplancto a metade das unidades experimentais foron aireadas coa mestura de aire e CO2 e a outra metade so con aire atmosférico. Por último, “e moi importante”, a todos os cultivos bacterianos engadíronse os inóculos de materia orgánica acidificada e non acidificada acadada nas incubacións do fitoplancto descritas previamente. Durante o experimento fíxose un seguimento da evolución das comunidades bacterianas e da materia orgánica producida polo fitoplancto e diariamente tomáronse mostras para coñecer a abundancia, a produción bacteriana, o consumo de osíxeno e outros parámetros relacionados coa cantidade e a calidade da materia orgánica.