A través dunha exposición comisariada polo profesor Gonzalo Méndez
Un convite a mergullarse na historia de Galicia cos vellos mapas dos séculos XVII ao XX
A mostra pode visitarse na Casa Galega da Cultura ata o vindeiro día 27
D. Besadío | Vigo
Un convite a mergullarse de cheo na historia de Galicia, a buscar nos vellos mapas dos séculos XVII ao XX os lugares e territorios que percorremos de xeito habitual e revisitalos coa imaxinación. Esta é a proposta que fai o docente Gonzalo Méndez coa exposición Mapas e Cartas de Vigo e de Galicia: séculos XVII ao XX, a mostra da que é comisario e que pode visitarse na Casa Galega da Cultura ata o vindeiro día 27. É parte da colección cartográfica da Fundación Penzol, 38 mapas e cartas náuticas sobre Galicia e, máis particularmente, sobre Vigo e a súa ría, un conxunto “extenso e equilibrado” de documentación cartográfica, con atención tanto á temática náutica como á territorial.
Gonzalo Méndez, comisario da exposición, diante da obra de Domingo Fontán
“O conxunto de documentos cartográficos antigos sobre Galicia é amplo e aínda aberto á aparición de novos exemplares”, explica Gonzalo Méndez, xeógrafo de formación, docente nas facultades de Bioloxía e Ciencias do Mar, e todo un referente nos estudos sobre cartografía. A idea é que a persoa que visite a exposición poida comprobar con tan só un pequeno percorrido como ao longo destes catro séculos a cartografía foi obxecto dunha progresiva transformación, resultado do referido progreso científico-técnico. “Estes cambios permitiron unha radical mellora dos mapas e cartas náuticas, que pasaron de representar o territorio e as costas como se pensaba que eran ou como se lembraban e vían, a como realmente eran”, apunta o comisario da mostra, que engade tamén que deste progreso resultaron beneficiadas outras disciplinas e sectores de actividade como a náutica, a urbanística, a ordenación territorial, as infraestruturas, etc.
Gallaecia Regnum de Hernando de Ojea (1635) edición de Blaeu
Documentos senlleiros de elevado valor histórico e tamén artístico
A colección recollida na exposición, composta por arredor de 80 pezas, reflicte a obra das distintas escolas cartográficas e dos grandes editores de mapas, desde os máis antigos como o de Hernando de Ojea (1560-1615), primeira representación que se fai en Galicia de maneira independente, ata o século XIX, no que a cartografía galega atopa na obra de Domingo Fontán o seu punto de referencia. “E xa nos inicios do século XX os traballos da Comisión Hidrográfica a bordo do buque Urania, que tivo sede en Vigo durante as campañas de cartografado do noroeste peninsular levantando cartas náuticas de excelente calidade”, apunta Méndez, que explica que en 1908 se recoñeceu oficialmente a especialidade de Hidrografía na Armada e estableceuse este buque como academia para a súa ensinanza, o que o converteu en escola flotante. Anos despois, en 1916 o Urania volvería a Vigo para o levantamento da enseada de San Simón e a realización do plano dos edificios arrendados pola Mariña na enseada de Ríos en Teis, onde se emprazará co paso do tempo a Estación Naval e finalmente a Escuela de Transmisiones y Electrónica de la Armada (ETEA).
Xunto á importancia histórica destes documentos, Gonzalo Méndez destaca tamén o seu valor artístico, xa que moitos dos exemplares da mostra son claro exemplo da combinación do traballo xeográfico coa función decorativa; e tamén testemuñal, pois transmite con claridade os progresivos cambios nos sistemas de medidas ata a introdución do sistema métrico, o uso de diferentes sistemas de proxección e os cambios nos meridianos de referencia, así como outros progresos paralelos como a evolución nas técnicas de gravado e impresión.
Carte de la Baye de Vigo de Jacques Nicollas Bellin (1764)
A obra de Domingo Fontán, o punto de referencia
A Carta Xeométrica de Galicia que Domingo Fontán e os seus colaboradores levantaron, “con escaseza de medios pero moito empeño”, durante dezasete anos entre 1817 e 1834 é, a xuízo de Méndez, unha das pezas clave da mostra, tanto pola importancia do documento en si como do seu autor, figura de relativo descoñecemento público e quizais o menos coñecido dos residentes no Panteón de Galegos Ilustres. “A súa figura é atractiva para todo o que teña interese no século XIX, na política, no desenvolvemento industrial, na cartografía e mesmo na vida universitaria”, apunta o comisario da mostra, que aclara tamén que a elaboración do seu mapa supuxo, entre outros, un feito moi relevante na cartografía: a introdución do sistema métrico.
Detalle da Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán (1845)
Imaxe destacada:
Descrición do Reino de Galizia de Hernando de Ojea (1603)