Vigo convértese esta semana en punto de encontro de responsables e xestores das políticas de I+D+i das universidades españolas

Portada » O Parque Nacional » Vigo convértese esta semana en punto de encontro de responsables e xestores das políticas de I+D+i das universidades españolas

Nov 29, 2016 | CIENCIA

Este xoves e venres celébranse as XXIV Xornadas de Investigación de Universidades Españolas

Vigo convértese esta semana en punto de encontro de responsables e xestores das políticas de I+D+i das universidades españolas

Divulgación científica, retos da carreira investigadora e indicadores, abordaránse nas sesións

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Preto de 200 persoas participarán os vindeiros xoves e venres no centro social Afundación de Vigo nas XXIV Jornadas de Investigación de Universidades Españolas, organizadas pola CRUE e a Universidade de Vigo. Ao longo de dous días, a través de relatorios e mesas redondas, as vicerreitoras e vicerreitores de investigación de todas as universidades españolas, así como as persoas responsables das oficinas de transferencia de resultados de investigación, das oficinas europeas de I+D, das unidades de cultura científica e dos servizos de xestión de investigación, abordarán temas, segundo a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo, “seleccionados polo especial interese que representan neste intre para a I+D universitaria en España”. A divulgación científica, o acceso aberto aos resultados de investigación, os novos instrumentos de colaboración universidade-empresa, os retos no desenvolvemento da carreira investigadora e os indicadores e métodos de avaliación da transferencia de coñecemento, centrarán as xornadas, “que son un punto de encontro para as persoas responsables das políticas de I+D+i das universidades españolas e para o persoal administrativo e técnico encargado da xestión das actividades de investigación e desenvolvemento”, explica Longo.

Aínda que a maior parte das e dos asistentes ás xornadas son persoas vinculadas ás universidades, tamén participarán nelas representantes doutros organismos públicos e privados de investigación. Pola súa banda, entre as e os poñentes que tomarán parte nas sesións, atópanse representantes do Mineco, Fecyt, CDTI, Xunta de Galicia e Fundación Barrié, así como profesionais con ampla experiencia en estratexia empresarial, innovación, divulgación científica ou o acceso aberto. “Cómpre destacar, polo complicado da súa axenda, a presenza da secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, nun momento no que se está a preparar, por exemplo, o novo Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación, ou se acaba de iniciar a actividade da Axencia Nacional de Investigación e Innovación. A súa visita supón unha oportunidade excelente para obter información e facer propostas”, explica a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo.

Unha oportunidade para avanzar na visibilización da Universidade de Vigo

Tras destacar o laborioso do proceso de organización destas xornadas e agradecer a disposición das e dos poñentes para participar nelas, Longo considera “moi importante e unha satisfacción” acoller en Vigo ás persoas responsables da política e xestión da I+D+i universitaria española. Ao mesmo tempo, a vicerreitora de Investigación considera que este evento “permitirá avanzar na visiblización da Universidade de Vigo, especificamente no ámbito da política e xestión da investigación e transferencia”.

No transcurso das xornadas celebraranse reunións de traballo da Comisión Sectorial de I+D da CRUE e dos diversos grupos de traballo xerados por iniciativa desta comisión: Red OTRI (Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación), Red UGI (Oficinas de xestión de investigación), Grupo de traballo de Divulgación Científica e Red de Oficinas europeas- I+D+i. “Estas dúas últimas son de creación recente, concretamente a Red de Oficinas europeas – I+D+i celebrará o seu primeiro pleno en Vigo, e reflicten os intereses máis actuais das universidades, con especial atención cara á internacionalización e á comunicación do coñecemento á sociedade”, explica a vicerreitora.

Premer sobre a imaxe para  poder ampliar:

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...