Galicia reivindica a súa importancia na explotación dos recursos do mar no mundo antigo

Portada » O Parque Nacional » Galicia reivindica a súa importancia na explotación dos recursos do mar no mundo antigo

Nov 30, 2016 | HISTORIA

Expertos internacionais afondan na xeografía da produción pesqueiro-conserveira na antigüidade

Galicia reivindica a súa importancia na explotación dos recursos do mar no mundo antigo

O investigador da Universidade Adolfo Fernández presentou na primeira xornada o proxecto ‘Galtfish’

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
As Rías Baixas, en especial as de Vigo e Pontevedra, aglutinan nas últimas décadas importantes achados de instalacións industriais romanas dedicadas á obtención de sal e á produción de conservas de peixe para a exportación a longa distancia. As factorías romanas da rúa Marqués de Valladares ou da praza de Compostela, as salinas de Rosalía Castro, O Areal e da vila de Toralla, así como as instalacións radicadas na praia do Cocho, Sobreira, Nerga ou O Canexol, na illa de Ons, reforzan o papel “salineiro” das Rías Baixas na época romana e a súa vocación como produtoras de salgaduras de peixe no ámbito industrial, o que tamén marcará o devir desta rexión nos seguintes séculos.

Gallaecia, unha zona afastada da área do Mare Nostrum, foi, non obstante, segundo confirman os estudos que se están a realizar desde hai 20 e 30 anos, unha provincia importantísima na explotación dos recursos do mar nos séculos de presenza romana”, explica Darío Bernal, docente e investigador da Universidad de Cádiz e director de Ramppa, Red de Excelencia Atlántico-Mediterránea del Patrimonio Pesquero de la Antigüedad, que asegura que “estes estudos permitirán situar Galicia no lugar que lle corresponde na economía do mundo antigo”. Bernal participa, desde hoxe e ata o vindeiro venres, no workshop internacional Xeografía da produción pesqueiro-conserveira na antigüidade entre o Atlántico e o Mediterráneo, que organiza xunto ao investigador da Universidade de Vigo Adolfo Fernández e o director de Estudios para las épocas antigua y medieval da Casa Velázquez en Madrid, Laurent Callegarin e que reúne en Vigo e Bueu a expertas e expertos de España, Francia, Portugal e Marrocos no estudo da economía pesqueiro-conserveira na antigüidade.

Na inauguración do encontro, que tivo lugar esta mañá no Museo do Mar de Galicia, o director da rede Ramppa, destacou a importancia dunha actividade económica que “xerou un sinal de identidade que se mantivo ao longo do tempo” e tamén puxo en valor o papel dos campus de excelencia internacional e das redes temáticas, que no caso concreto de Ramppa, permiten reflexionar sobre a xeografía da produción e explotación dos recursos marítimo-pesqueiros. Pola súa banda, o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández, agradeceu a organización desta actividade e sinalou a posibilidade de facer da institución académica “un referente tamén en humanidades e non só en ciencia e tecnoloxía”. Mentres, o director de Estudios para las épocas antigua y medieval da Casa Velázquez en Madrid, Laurent Callegarin, lembrou a evolución da rede Ramppa e o director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés, reivindicou a importancia desta instalación como epicentro da explotación pesqueira, así como do xacemento Salinae de Rosalía Castro, “a única salina conservada e musealizada”.

Galtfish, afondando no estudo dos espazos produtivos, a exportación e as técnicas de produción

O estudo dunha importante parte do patrimonio antigo nas costas galegas, como é o da produción pesqueiro-conserveira na antigüidade, verase substancialmente reforzado co desenvolvemento do proxecto Galtfish, Salt and fish saltin in Ancient Gallecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, liderado por Adolfo Fernández membro do grupo Geaat da Universidade de Vigo, recentemente incorporado ao Campus do Mar. Fernández, que hoxe expuxo ante as e os participantes no workshop os detalles do proxecto, que está a desenvolver ao abeiro do campus de excelencia internacional, destaca que “a miña liña de traballo aborda un eixo de investigación ata o de agora ausente dentro do Campus do Mar: o estudo do patrimonio antigo nas costas galegas, con especial atención á costa das Rías Baixas”.

recursos-mar-2
Darí­o Bernal, Manuel Fernández, Laurent Callegarin, Vicente Caramés, Emilio Fernández e Adolfo Fernández

O proxecto, cuxo proceso de documentación que xa está finalizado e no que as prospeccións comezarán en primavera de 2017, aborda diferentes aspectos do patrimonio arqueolóxico no ámbito costeiro, que non só se limitan ao estudo dos sitios produtivos, como salinas e fábricas de salgadura de peixe ou habitacionais, como castros, vilas ou vicus, senón que tamén aborda os modelos produtivos antigos, a exportación dos produtos ou ás técnicas da produción de conservas de peixe en época romana.

“Ademais, préstase especial atención ao estudio e avaliación dos riscos e ameazas que están a sufrir estes xacementos, ata o punto de que unha boa parte deles atópase en perigo de desaparición debido a fenómenos climatolóxicos e algúns pola acción humana incontrolada”, explica Adolfo Fernández. Esta liña de traballo, que xa existe noutros campus internacionais semellantes como CEI.MAR da Universidad de Cádiz, pon especial atención a todos aqueles xacementos dedicados á explotación “industrial” dos recursos mariños, precedentes da actual industria pesqueira e conserveira galega.

Ramppa, traballo en rede sobre a xeografía da produción do recursos marítimos-pesqueiros

Denominada nos seus inicios Salsamenta, a Red Ramppa, atópase neste intre, segundo lembrou Laurent Callegarin, nunha segunda etapa, na que o seu ámbito de traballo estenderase a outras zonas do Mediterráneo como o sur da Galia, Italia, Sicilia e a África Proconsularis. A presentación, coincidindo coa celebración do workshop, dun laboratorio virtual que recolle centos de factorías de salgadura de época prerromana e romana con datos científicos e que poderá consultar calquera persoa, é un dos fitos importantes deste grupo de traballo, que reivindica a importancia da pesca e a industria pesqueiro-conserveira na antigüidade, un dos piares básicos da economía do mundo antigo.

“A carne de atún en salgadura, o garum, o licuamen ou a muria, produtos perdidos desde a época medieval, eran na antigüidade moi consumidos por toda a sociedade, como subministradores de sal e vitaminas e hoxe en día a salgadura é case un produto gourmet”, lembrou Darío Bernal na súa intervención, na primeira xornada do workshop, que o xoves continuará no Museo Massó de Bueu.

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...

O embarcadoiro de Cortegada en 1906

O embarcadoiro de Cortegada en 1906

O embarcadoiro de Cortegada en 1906 Vella tarxeta postal centenaria que nos mostra o embarcadoiro e parte da aldea da illa de Cortegada, fronte a Carril, no ano 1906, pouco antes da doazón á monarquía e abandono por parte dos seus habitantes. Ao fondo, sobre Carril, o...