Manexo de matogueira con Cabalo de pura raza galega na Illa de Sálvora
En Sálvora podes observar ao Cabalo de pura raza Galega, teñen unha alzada á cruz de entre 120 e 140 cm.
A cabeza, de fronte ancha e plana con abundante tupé, ollos expresivos e beizos grosos con bigote está asociada a un abdome redondeado e peito con profundidade, os cascos son pequenos e fortes. As extremidades son finas, curtas e fortes. Os cabos, é dicir, crin e cola están moi poboados, cunha melena solta de pelos fortes e grosos. A capa debe de ser obrigatoriamente castaña ou negra e non son admitidos como cabalos desta raza todos aqueles que teñan outras cores diferentes e considéranse defectos marcas brancas ou doutras cores na fronte ou nas patas. En xeral, o seu aspecto físico defínelle como un cabalo forte, robusto e pequeno, adaptado ás montañas do Macizo Galaico e a zonas con climas duros como a Illa de Sálvora.
Nesta Illa axúdanos a manexar a matogueira e a manter o Cabalo de pura raza galega en liberdade, controlado e a realizar unha xestión correcta do medio.
Moitas grazas a todas as persoas que colaboraron nesta actuación e que aos poucos podreis ver os bos resultados.
O cambio de cabalos débese ao alto grao de endogamia (reprodución entre individuos de ascendencia común; é dicir, dunha mesma familia, liñaxe ou grupo), e nestes momentos están a gozar dun merecido descanso , agora atópanse fortes, sans e poderánse reproducir con outros individuos pertencentes a outras familias.
O proceso de retirada destes cabalos foi duro pero mereceu a pena. Recomendámosvos que visitedes Sálvora, con prismáticos e cámara de fotos e poderedes gozar dunha illa sen igual.
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia espera a túa visita.
Podes ler tamén:
Gozando da liberdade en Sálvora
Fonte:
Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
Imaxe destacada: