O Castrelo dos Mouros. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4

Portada » O Parque Nacional » O Castrelo dos Mouros. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4

Feb 10, 2017 | BIBLIOGRAFÍA, HISTORIA

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (I)

Os seus lugares

O Castrelo dos Mouros

 
Trátase dun asentamento fortificado da Idade do Ferro. Esta entidade está situada sobre a ladeira dun outeiro denominado Alto de Altura, xusto no lugar máis estreito da illa, nunha antiga zona agrícola. A xente da illa tamén chama O Castillo ou O Castillo Vello.

O asentamento ten un único recinto habitacional, inclinado cara o leste, está rodeado por un foxo e un parapeto, ambos con máis potencia no arco norte-oeste-sur. Ademais, obsérvase, o que parecen ser, na parte oeste, dous pequenos foxos separados por un pequeno parapeto.

A través das notas cedidas por José Manuel Caamaño Gesto, tomadas dunha prospección realizada na illa en 1985, apréciase un maior detalle na descrición, xa que nese momento a vexetación era menos abundante e, polo tanto, resultou máis doado acceder ao recinto e ver as estruturas asociadas:

“O xacemento castrexo é de forma elíptica. Croa en desnivel cara o lado leste. Ten foxos e terrapléns. Na zona oeste sucédense tres foxos que alternan con terrapléns e parapetos. Na zona suroeste, o primeiro foxo está escavado na rocha, precisamente este foso rodea todo o castro. En canto aos sistemas de acceso, non se aprecia con claridade ningunha porta de acceso, pero pensamos que estaría situada na parte leste que é a máis accesible”.

Segundo apunta Caamaño “aparece cerámica común romana, tégula e se aprecian restos de muros rectangulares, postos ao descuberto por furtivos. Estas construcións se están ubicadas na zona norte do castro. Tamén nesta zona puidemos ver os restos dun pequeno cuncheiro no que aparecen lapas, mexillóns e osos de animais”. Incluso apunta que “con posterioridade puido ver un fragmento de cerámica sigilata hispánica atopado no castro”.

Estes datos puideron ser contrastados nunha prospección feita no castro por nós, no 2012. Efectivamente documentouse na parte máis alta, ao norte, un depósito de cunchas nunha escavación feita por furtivos. Pola súa escaseza pode tratarse dunha zona marxinal dun depósito maior e mellor definido, ou simplemente dun depósito singular. Está conformado basicamente por lapas e mexillóns de pequeno tamaño. Na superficie había restos de tégula e de ímbrices ademais de materiais construtivos tipo ladrillo de diverso tamaño e en diferente grao de rodamento e estado de conservación. Isto é un indicador de que o uso e ocupación deste asentamento fortificado estendeuse, polo menos ata época romana.

Desde o punto de vista interpretativo, unha vez visto o lugar e cruzando información asociada pode dicirse que é posíbel que as estruturas defensivas pechen o asentamento polo lado oeste, chegando ata a liña de acantilado actual.

Nas proximidades do castro, a uns 10 m ao sur do primeiro foxo, onde hai unha grande parede de granito que foi rota e adaptada a este primeiro foxo, atópase a Cova dos Mouros (Ballesteros-Arias 2009, 87), cova natural que conecta, mediante un túnel imaxinario, este castro co illote do Cairo, fronte ao areal de Canexol e cuxa lenda forma parte da tradición oral dos habitantes da illa de Ons.

Imaxe destacada:

Vista do castro cara o sueste na que se aprecia a forma da muralla.

© CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace.

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...