Arrancan os actos de celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
Menchu Comas, relato en primeira persoa dunha pioneira na exploración dos océanos
A científica do CSIC impartiu un relatorio en Ciencias do Mar no que contou a súa experiencia
Foi unha das primeiras mulleres españolas en participar en campañas oceanográficas a bordo de grandes buques e tamén en submarinos como o Nautile; xefa científica en barcos coma o Hespérides ou o Sarmiento de Gamboa; realizou estudos na Antártida, no Atlántico profundo, no mar de Alborán… e hoxe compartiu experiencias co alumnado da Facultade de Ciencias do Mar. Menchu Comas, profesora de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas, con destino no Instituto Andaluz de Ciencias da Terra, IACT, visitou o campus para impartir a conferencia Mujeres explorando el océano, una experiencia cercana, un relatorio no que tivo a oportunidade de achegar ás novas xeracións de alumnas e alumnos que papel tivo e ten a muller no mundo da xeoloxía mariña, como foron discriminadas, cal foi o progreso ata chegar a actualidade e cara onde debería ir o futuro. A súa conferencia supuxo o arranque da celebración no campus do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebrará no campus cun completo programa de actividades, impulsado pola Unidade de Igualdade en colaboración coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química.
“Con toda a ilusión e sen medo”
“Eu non son oceanógrafa, son xeóloga mariña”, explicou Comas, que iniciou a súa intervención facendo unha introdución ao campo científico ao que dedicou a súa vida, a xeoloxía mariña, “o que hoxe se coñece como xeociencias mariñas”. Falou da historia das mulleres nesa ciencia, “que non foi doada”, e das súas propias experiencias vitais, que inclúen a participación, en moitas delas como directora, en máis de 25 campañas oceanográficas; da súa vida académica ata converterse en catedrática e de como compatibilizar todo isto coa vida privada “nun momento, hai preto de 30 anos, no que a muller adoitaba ser a responsable de todo no fogar, desde sacar a pasear o can ata o coidado dos fillos, no meu caso dúas nenas”.
Apaixonada polo mundo marítimo dende cativa, sempre tivo claro que quería dedicarse ao seu estudo. “O mar ocupa máis do 70% da superficie terrestre, as costas son máis coñecidas, pero no océano profundo quedaba e segue quedando moitísimo por coñecer”, apuntou a investigadora, que falou con fervor da súa experiencia de traballo no océano profundo. “Non é o mesmo traballar na costa, nun barco pequeno, ca en grandes buques en océano aberto realizando estudos sobre unha superficie que está a máis de mil metros de profundidade”, relatou Comas. “Ser xefe científico dun gran buque oceanográfico como o Hespérides ou o Sarmiento de Gamboa é algo que de momento, no que a xeociencias mariñas se refire, só nos pasou a catro mulleres en España”, recalcou, ao tempo que animou ás novas xeracións a emprender, “con toda a ilusión e sen medo”, esta aventura.
A decana de Ciencias do Mar, Belén Rubio e a conferenciante Menchu Comas. “Mulleres explorando o océano: una experiencia cercana”
“Son campañas duras e longas nas que tes que ir con instrumentación moi pesada, nas que se esixe moito, pero nas que tamén aprendes infinito”, explicou Comas, que apuntou tamén que “no meu caso nunca me sentín discriminada”.
“Sede ambiciosas e atrevédevos a liderar”
A súa primeira experiencia en participar nunha gran campaña oceanográfica foi a principios da década dos oitenta a bordo dun barco americano no que se realizaban os estudos do Ocean Drilling Program (ODP), un proxecto de perforación en augas profundas posto en marcha por Estados Unidos en 1968 para estudar a composición e estrutura das concas oceánicas da Terra. “Fun convidada polo xefe da campaña, o que para min era un auténtico privilexio, pois participaban prestixiosos científicos de todo o mundo. Eramos só cinco mulleres a bordo e ningún español”, lembrou Comas. Foron dous meses traballando todos os días 12 horas, sen descanso, nun verdadeiro labor de exploración, e sen apenas comunicarse coa familia, porque non había as facilidades que hoxe dan as novas tecnoloxías. “Estás tan centrada que chega un momento que te esqueces ata da túa propia vida”, recoñeceu.
Para as novas xeracións de científicas “e para todas as mozas e mulleres en xeral”, deixou sobre a mesa dous únicos consellos: “sede ambiciosas e atrevédevos a tomar o liderado, non tendes que ter medo a ir adquirindo responsabilidades”.