O CSIC conclúe que cando a femia do peixe pallaso morre, o macho cambia de sexo

Portada » O Parque Nacional » O CSIC conclúe que cando a femia do peixe pallaso morre, o macho cambia de sexo

Mai 12, 2017 | CIENCIA

O CSIC conclúe un estudo pioneiro sobre o cambio de sexo no peixe pallaso

Liderado polo IIM, contou coa colaboración dunha universidade de Arabia Saudita
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) determinou por primeira vez, nun estudo internacional coa colaboración da King Abdullah University of Science and Technology (KAUST), os mecanismos xenéticos asociados ao cambio de sexo, de macho a femia, do peixe pallaso.

O achado enmárcase nunha investigación iniciada en 2013 e desenvolvida entre o Grupo de Ecoloxía Pesqueira do Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo) e a Rede Sexa Research Center da King Abdullah University of Science and Technology (Arabia Saudita).

O estudo, de cuxos resultados se está dando conta a través de artigos en revistas científicas como Scientific Reports, do Grupo Nature, realizouse tomando como mostras 32 individuos de 16 familias de peixe pallaso capturados no mar Vermello; o grao de cambio de sexo de cada individuo determinouse nos laboratorios do IIM empregando técnicas de histología. Ademais, fíxose o primeiro estudo transcriptómico do cambio de sexo nun teleósteo hermafrodita no seu medio natural.

Tanto Laura Casas, investigadora en Rede Sexa Research Center, como Fran Saborido Rei, investigador científico do CSIC no IIM, destacan que “este estudo deu lugar a unha colaboración estable entre ambas as entidades centrada no desenvolvemento dunha liña de investigación, pouco explorada ata o momento, sobre o cambio de sexo en especies hermafroditas, como as maragotas ou os ollomoles”.

O estudo: obxectivo, resultados e novas sublíñas de investigación

“Numerosas especies mariñas comerciais son hermafroditas, e a maioría atópanse sobreexplotadas, polo que indagar nos seus patróns sexuais é fundamental para deseñar e levar á práctica unha estratexia óptima de pesca sustentable que teña en conta o patrón de cambio de sexo“, explican os investigadores.

Neste contexto, o obxectivo xeral do estudo era coñecer e comprender os mecanismos xenéticos, sociais e ambientais subxacentes ao cambio de sexo no peixe pallaso (Amphiprion bicinctus), especie hermafrodita protándrica (cambio de sexo de macho a femia) na que cada familia está conformada por dous ou máis individuos cunha xerarquía social baseada no tamaño, onde soamente os dous de maior tamaño son maduros e monógamos, sendo a femia a dominante.

“Hai dous elementos crave que explican o éxito evolutivo do peixe pallaso. Por unha banda, a súa simbiose coas anemones que lles proporcionan refuxio e, por outra banda, a súa capacidade para cambiar de sexo rapidamente ao falecer a súa parella. O primeiro aspecto foi amplamente estudado, pero non así os mecanismos que orquestran o cambio de sexo de macho a femia”, explica Laura Casas.

O estudo realizouse con mostras de exemplares do mar Vermello, “un laboratorio natural para a investigación científica debido á presenza nos seus arrecifes de numerosas especies mariñas de interese, entre elas o peixe pallaso, especie modelo para estudos científicos porque a súa familia habita sempre no mesmo lugar, polo que unha vez localizada georeferenciada a súa posición, pódese volver con facilidade a analizar ao mesmo grupo de peces ao longo do tempo”, apunta Fran Saborido Rei.

“Observouse que o cambio de sexo de macho a femia no peixe pallaso está controlado socialmente, ao producirse só cando esta falece, e que a primeira resposta do macho á desaparición da femia sucede ás dúas semanas a través de cambios neuronais controlados xeneticamente a nivel do cerebro. Esta transformación transmítese posteriormente ás gónadas, onde os cambios histolóxicos e de expresión génica detéctanse ao tres semanas da desaparición da femia e levan no último termo á transformación dos testículos en ovarios”, explican.

Os investigadores conclúen que este feito contribúe a “que a especie se adapte e sobreviva, grazas á formación dunha nova parella reprodutora sen moverse da súa anemone” e apuntan que “estes resultados abren a porta a novas sublíneas de investigación dentro do estudo do peixe pallaso, como determinar se a aceleración do crecemento nos machos prodúcese antes, durante ou despois do cambio de sexo ou se este proceso adaptativo vese afectado por cambios ambientais, o que axudaría ademais a predicir os efectos do cambio climático sobre a supervivencia desta e outras especies hermafroditas”.

Referencias: Casas, L; Saborido Rei, F; Ruy, T; Michell, C; Ravasi, T. & Irigoien, X. (2016). Sex Change in Clownfish: Molecular Insights from Transcriptome Analysis, Scientific Reports 6, Article number: 35461. Doi:10.1038/srep35461

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...