Descobren restos de peixe de hai 1.700 anos nunha factoria de salazón en O Grove

Portada » O Parque Nacional » Descobren restos de peixe de hai 1.700 anos nunha factoria de salazón en O Grove

Xuñ 30, 2017 | HISTORIA

Investigadores de Vigo e Santiago descobren unha gran mostra de peixe de hai 1.700 anos e restos óseos de sete persoas en Adro Vello

Adolfo Fernández (UVigo) e Olalla López (USC) lideraron a intervención no xacemento de O Grove

Co obxecto de estudar as piletas de salazón e as tumbas asociadas e entender cómo comezou o xacemento romano de Adro Vello, no Grove, considerado como unha das necrópoles máis importantes de Galicia, un equipo combinado das Universidades de Santiago e Vigo traballou estes días neste relevante xacemento no que non se realizaba ningún traballo arqueolóxico desde hai 17 anos.


Adro Vello 1   Retos óseos localizados no xacemento (Foto: UVigo)

Adro Vello data da época romana, cunha pequena explotación salazoneira, ata o século XVII. Cando colapsa a explotación, a zona comeza a ser utilizada como necrópole cunha pequena igrexa asociada. É unha necrópole dun longo uso, máis de mil anos de soterramentos, asentada sobre as dunas da praia do Carreiro.

Pola súa dimensión e o seu estado de conservación, a mostra de peixe de hai 1.700 anos de antigüidade que agochaba o pilo número 1 do xacemento “pode ser un achado único”, asegura Adolfo Fernández, docente e investigador do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat), que xunto á docente e investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC Olalla López e un grupo de sete investigadores das dúas universidades se encargou da dirección técnica da intervención na que tamén se localizaron os restos óseos de cando menos sete persoas: un recén nacido e tres nenos e outros tres adultos, de épocas que van dende o século V ou VI ata o XVII.

“A conservación destes restos óseos é moi boa e a súa datación prolóngase durante un período moi longo de tempo”, explicou a antropóloga da USC, que se aventurou a asegurar que se continúan os traballos e seguen a aparecer restos humanos a este ritmo, Adro Vello podería confirmarse como unha das necrópoles máis grandes de Galicia.

“Queremos coñecer cómo eran as persoas de Adro Vello, cómo vivían, qué comían e cómo os enterraron e os achados de esqueletos infantís son especialmente importantes porque os nenos representan o sector da poboación máis fráxil “, explica Costas, que incorporará os resultados da escavación no seu proxecto de investigación ‘La paleodieta gallega/Galician paleodiet’ financiado pola Xunta de Galicia. “Esperamos que esta intervención sexa o inicio dunha serie de estudos científicos que permitan entender e musealizar o xacemento para que todos poidamos gozar desta necrópole excepcional algún día”, asegura.

Adro Vello 3   Foto de grupo de membros do equipo de traballo (Foto: UVigo)

21 bolsas cheas de restos de peixe
Tras a limpeza da vexetación que cubría o xacemento e o baleirado dos recheos que ateigaban os catros pilos nos que se traballou do xacemento, comezou a escavación do primeiro deles onde se atopou unha grande cantidade de restos de peixe, que inclúen escamas e espiñas, coas que se encheron un total de 21 bolsas. “É peixe pequeno, aínda que non sabemos as especies, que se utilizaba para elaborar salsa”, explicou Adolfo Fernández, que asegurou que esta gran cantidade de restos permitirá realizar moitas investigacións sobre o tamaño, o tipo das especies, o seu ADN e a súa evolución. Restos de ostras e doutros moluscos completan os achados localizados nos pilos, cuxos morteiros tamén serán estudados para coñecer os detalles da súa construción.

Adro Vello 4   Restos óseos do recén nacido (Foto: UVigo)

A intervención arqueolóxica desenvolveuse ao longo dunha semana abeiro do proxecto de I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, Salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar e que se centra no coñecemento da produción do sal e as salgaduras no Noroeste Peninsular durante a época romana, da que só existen algúns inventarios que recollen datos superficiais e en moitos casos antigos da presenza de factorías de época romana en diversos puntos do litoral.

Os resultados da intervención foron presentados hoxe unha rolda de prensa na que tamén participaron a vicerreitora de Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo, Asunción Longo e a responsable de Docencia e Captación de Talento de Campus do Mar, Elsa Vázquez.

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...

O embarcadoiro de Cortegada en 1906

O embarcadoiro de Cortegada en 1906

O embarcadoiro de Cortegada en 1906 Vella tarxeta postal centenaria que nos mostra o embarcadoiro e parte da aldea da illa de Cortegada, fronte a Carril, no ano 1906, pouco antes da doazón á monarquía e abandono por parte dos seus habitantes. Ao fondo, sobre Carril, o...