Lavadoiro de Entenza I. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4 (XXIII)

Portada » O Parque Nacional » Lavadoiro de Entenza I. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4 (XXIII)

Xul 25, 2017 | BIBLIOGRAFÍA, HISTORIA

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (XXIII)

Os seus lugares

Lavadoiro de Entenza I

Trátase dun dos dous lavadoiros situados na zona da Entenza, profunda valgada e de pendente acentuada, onde hai unha zona boscosa con carballos, castiñeiros e piñeiros que se estende dende o barrio de Cucorno ao de Curro. Concretamente este lavadoiro sitúase na parte alta da Entenza.

É de pequenas dimensións, de planta rectangular, captando a auga polo lado oeste e sendo a sobrante canalizada polo leste. Está feito a base de cemento, ladrillo, formigón e cachotería de pedra. A pedra de lavar disponse de forma liñal e destaca detrás desta un banco corrido para as lavandeiras. A pía, hoxe en día está colmatada de terra e vexetación ao igual que o resto da construción.

Na esquina noroeste hai unha fornacina que ben puidera corresponderse co sitio onde se podía coller directamente a auga para o servizo doméstico.

A cuberta, a dúas augas de placa de formigón sen cubrición de tella. Destaca no exterior, no frontón do teito, o relevo, feito en cemento, do xugo e das frechas, símbolo da ditadura franquista. A norma era deixar a súa pegada en todas as construcións que se facían ou se rehabilitaban na illa para que quedara constancia de que as efectuara a “Obra Social del Movimiento”.

Posiblemente o topónimo de Entenza proveña de tenza, nome con que se denomina a cada unha das porcións de terreo no que se divide un monte ou tamén a un terreo de cultivo pertencente a todos os veciños.

De feito esta foi unha zona de cultivo intensivo, como o testemuñan as terrazas de cultivo construídas seguindo as curvas de nivel e cuxos restos son visíbeis hoxe en día. A través da fotografía aérea de 1945, ademais de verse esas estruturas, tamén pódese verse, ao sueste da Entenza, unha porción de monte de onde obterían parte da madeira os veciños da illa.

lavadoiro entenza 1

Detalle do lavadoiro co xugo e as frechas, símbolo da ditadura franquista, no frontón mais o ano da súa construción ou acondicionamento.

Imaxe: © CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...