As praderías submarinas de ceba en Sálvora revelan un patrimonio oculto

Portada » O Parque Nacional » As praderías submarinas de ceba en Sálvora revelan un patrimonio oculto

Abr 27, 2019 | VIDEOBLOG

As praderías submarinas de ceba en Sálvora revelan un patrimonio oculto

Un extraordinario vídeo de Pedro Alonso sobre a riqueza das praderías de ceba (Zostera marina) no arquipélago de Sálvora

Estes fondos mariños ostentan unha fauna moi rica e diversa

A ceba (Zostera marina) é unha planta herbácea mariña da familia das zosteráceas, de raíces fibrosas, talos con moitas pólas e follas estreitas e achatadas. Non son realmente algas verdes.

Trátase dunha especie que a pesares de vivir baixo o mar pertence ao grupo das plantas con flores e polo tanto non é unha alga verde.

A ceba (Zostera marina) é unha especie propia de substratos brandos (limo, area ou cascallo) onde pode desenvolver importantes poboacións de praderías submarinas ou sebadais, que son de grande interese ecolóxico.

Estas praderías atópanse presentes no mesolitoral inferior e infralitoral de costas medianamente protexidas. Tamén aparecen en esteiros, mergulladas ou a boiar parcialmente.

A ceba (Zostera marina) fíxase ao substrato por medio dun rizoma -talo rastreiro- do que xurden follas de cor verde escuro, lineais e ápice redondeado, de até un metro de alto.

Nas nosas rías podemos observar importantes extensións cubertas por zosteras ou cebadais, que resultan de grande importancia e trascendencia pola súa dimensión ecolóxica, social e institucional nas interaccións entre estas praderías mariñaszonas submariñas cubertas de plantas– e as actividades humanas. Son espazos dunha grande produtividade.

Así, estas praderías de ceba (Zostera marina) albergan unha enorme biodiversidade, como se pode apreciar neste magnífico vídeo, unha outra máis obra de Pedro Alonso.

A través destas imaxes do cebadal de Sálvora distinguimos diferentes especies de signátidos, cefalópodos e multitude de peixes que nos mostran unha pequena parte da enorme riqueza da que se serven estas distintas especies como refuxio, lugar de desove, cría e alimentación.

Desta vez, as imaxes foron gravadas por Pedro Alonso en augas do arquipélago da illa de Sálvora, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

En canto á distribución, extensión, características, biodiversidade e flora asociada das praderías mariñas de Z. marina no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e contorna, atopáronse praderías de Zostera marina nos arquipélagos de Sálvora e Cortegada, mentres a que se atopaba na “lagoa dos Nenos” das illas Cíes desapareceu xa hai anos.

A extensión total das praderías do Parque alcanza 1,03 héctáreas. A de Sálvora é a que presenta maiores valores tanto de cobertura e densidade como de anchura das follas de Zostera marina, mentres que as plantas de Cortegada son máis altas. Atopáronse inflorescencias nas praderías de Sálvora e Cortegada.

Segundo un estudo da U.S.C, o total da flora asociada (substrato + epífitos) mostrou unha elevada riqueza específica, até as 89 especies identificadas: 60 Rhodophyta, 18 Ochrophyta e 11 Chlorophyta. Dezaoito especies epífitas foron atopadas nas follas de Z. marina.

Compre destacar así mesmo que as praderías de fanerógamas mariñas teñen un papel destacado no rapto de carbono da atmosfera, o que as dota de interesantes e importantes características para combater as causas do cambio climático.

Podes desfrutar de máis vídeos sobre os fondos submarinos do Parque Nacional e as nosas Rías Baixas na canle de Pedro Alonso en Youtube

Natureza-Videoblog: As praderías submarinas de ceba en Sálvora, revelan un patrimonio oculto

Audiovisual: vídeo de Pedro Alonso publicado o 22 de xuño de 2017 na súa canle en Youtube

Imaxes audiovisual:

© Pedro Alonso

Imaxe destacada: 

Captura de pantalla a partir do vídeo de © Pedro Alonso

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos