Conservación das aves mariñas. Avaliacións a escala global

Portada » O Parque Nacional » Conservación das aves mariñas. Avaliacións a escala global

Ago 30, 2017 | NATUREZA

CONSERVACIÓN DAS AVES MARIÑAS

Avaliacións a escala global

© Mar de Aves

© Mar de Aves

Nos últimos poucos anos teñen visto a luz un par de estudos ben substanciais respecto do estado de conservación das aves mariñas no mundo. O primeiro deles, publicado en 2012, baixo a dirección de J.P. Croxall, (Seabird conservation status, threats and priority actions: a global assessment) analiza os datos de conservación de 346 especies recollidos por dúas das principais organizacións adicadas á protección da biodiversidade, Birdlife International e máis a IUCN. As conclusións deste traballo son máis que preocupantes:

DIAGNÓSTICO

  • As aves mariñas son o grupo de aves máis ameazado e o de máis rápido deterioro.
  • A meirande parte das aves mariñas, especialmente as peláxicas (de mar aberto), contan con poboacións reprodutoras reducidas que están a declinar.

AMEAZAS EN TERRA (lugares de cría)

  • Especies invasoras nas localidades de cría: Especialmente o efecto de depredadores introducidos
  • Degradación e destrucción do hábitat axeitado para a reprodución
  • Molestias derivadas das actividades humanas

AMEAZAS NO MAR (zonas de alimentación e xuntanza)

  • Interacción con pesquerías: mortalidade en artes de pesca e competencia polos recursos
  • Contaminación

MEDIDAS PRIORITARIAS

  • Protexer os lugares de cría en terra e os lugares de alimentación e xuntanza no mar.
  • Erradicar os depredadores introducidos nos lugares de cría.
  • Reducir a captura accidental en artes de pesca.

O segundo dos traballos, asinado por Michelle Paleczny, Edd Hammill, Vasiliki Karpouzi e Daniel Pauly, investigadores da universidade da British Columbia en Canadá, e publicado en 2015, examina os cambios ocorridos nunha mostra de poboacións de aves mariñas entre 1950 e 2010 (Population Trend of the World’s Monitored Seabirds, 1950-2010). As súas conclusións suxiren que a situación das aves mariñas pode ser aínda máis desesperada do que parecía:

  • Entre 1950 e 2010 a poboación mundial de aves mariñas veuse reducida nun 70%. Esta redución afectoulle máis ás especies peláxicas que ás de costa.

ESCALA

Tendencia estimada para as poboacións de aves mariñas no mundo entre 1950 e 2010.As liñas picadas representan as marxes de confianza da estima.

Premer sobre as imaxes para as poder ampliar:

 Conservación das aves mariñas nas Rías Baixas

Prácticamente, a totalidade das aves mariñas que crían nas Rías Baixas o fan dentro dos límites do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Só uns poucos centos de gaivotas patiamarelas, media ducia de parellas de corvo mariño cristado e un número indeterminado de paíños reprodúcense fóra dos límites dese espazo protexido marítimo e terrestre.

Aínda así, o estado de conservación das especies reprodutoras é preocupante, por diversos motivos. A táboa que figura de seguido resume a situación:

Parellas Tendencia Estatus
Arao dos cons Uria aalge 0 última observación en 1989 desaparecido
Corvo mariño cristado Phalacrocorax aristotelis 931 -6,9% (2004-2015) en perigo de extinción
Gaivota escura Larus fuscus 26 -9,9% (2011-2015) declive preocupante
Gaivota patiamarela Larus michahellis 10795 -6,7% (2004-2015) declive preocupante
Gaivotón Larus marinus 1 colonización recente (2007) poboación moi pequena
Paíño europeo Hydrobates pelagicus 11 estable non se coñece ben
Pardela cincenta Calonectris diomedea 21 colonización recente (2007) poboación pequena

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, ao incluír a práctica totalidade das illas e illotes que son relevantes para as poboacións de aves mariñas das Rías Baixas, garante unha protección efectiva dos lugares de cría. Existe un programa de control de depredadores introducidos (gato e visón americano) que está a ser moi efectivo e as zonas con colonias de aves mariñas son de acceso restrinxido. No espazo marítimo a situación non é tan boa polas maiores dificultades de xestión e pola falta de medios axeitados.

Fonte: Portal Mar de Aves

A finalidade deste portal, Mar de Aves, é recompilar e achegarlle ao público o coñecemento existente sobre as aves mariñas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e da súa área de influencia, as Rías Baixas.

Neste portal atoparás:

Un repositorio de publicacións científicas e técnicas, moitas delas de acceso libre e listas para ser baixadas en formato pdf.

Táboas de datos cos censos das poboacións de aves mariñas e outros datos de interese.

Unha descrición da bioloxía e ecoloxía das especies de aves mariñas máis comúns no Parque Nacional e Rías Baixas.

Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas

Qué é Mar de Aves?:Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas

Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla

Imaxe destacada:

© GaizinFer

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos