As Rías Baixas e o Parque Nacional. Mar de Aves

Portada » O Parque Nacional » As Rías Baixas e o Parque Nacional. Mar de Aves

Set 7, 2017 | NATUREZA

As Rías Baixas e o Parque Nacional

As Rías Baixas son catro vales asolagados polo mar localizados no litoral suroeste de Galicia, no noroeste da Península Ibérica; de sur a norte: ría de Vigo, ría de Pontevedra, ría de Arousa e ría de Muros e Noia.

De entre 20 e 30 kilómetros de lonxitude, as rías van orientadas ao longo dun eixo norleste-suroeste. Ao leste atópase o fondo da ría e alí valeiran un ou dous ríos de caudal considerable. A influencia mariña vai aumentando conforme nos diriximos cara ao oeste, cara a porta da ría.

A cadea de illas situadas á porta das tres rías meridionais, Vigo, Pontevedra e Arousa constitúen o cerne xeográfico do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Así, o Parque confórmase por unha serie de pequenos arquipélagos máis o espazo marítimo que os circunda: Cíes, Ons, Sálvora e, no fondo da ría de Arousa, Cortegada.

calonectris-sisargas_20100715_09

 

As Aves Mariñas e o Parque Nacional

O Parque Nacional é importantísimo para as aves mariñas das Rías Baixas, de Galicia, da Demarcación Noratlántica (Galicia máis Cantábrico) e, en xeral, das costas do Atlántico Ibérico, xa que nas súas illas aniña unha parte principal ou significativa da maioría das especies deses espazos xeográficos. En consecuencia, a conservación das aves mariñas do Atlántico Ibérico depende en boa medida do que se faga ou se deixe de facer no Parque.

Ademais, o espazo marítimo ao redor das illas e, en xeral, as augas das Rías Baixas, conforman unha zona de relevancia especial para especies de aves mariñas migradoras, dispersivas e invernantes.

O Parque Nacional é o único espazo protexido de tal categoría en toda a Demarcación Noratlántica e máis está incluido nunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) mariña que tamén forma parte da Rede OSPAR de Áreas Mariñas Protexidas, o Espazo Mariño das Rías Baixas de Galicia (ES0000499).

No Parque Nacional aniñan seis das nove especies de aves mariñas reprodutoras na Demarcación Noratlántica (Galicia máis Cantábrico).

No Parque Nacional aniña a meirande parte dos efectivos de corvo mariño cristado e de gaivota patiamarela da costa atlántica ibérica, e máis é un dos poucos lugares de cría de pardela cincenta, gaivota escura  e gaivotón.

As augas do Parque Nacional son moi importantes como lugar de alimentación para poboacións de aves mariñas que non se reproducen nel, en especial de pardela balear, unha das aves máis ameazadas de Europa.

Parques

Nas illas e no espazo marítimo do Parque Nacional lévase desenvolvido dende hai anos unha importante labor de investigación científica respecto da bioloxía e a ecoloxía das aves mariñas.

As aves mariñas do Parque Nacional teñen sido obxecto ou modelo de estudo en, cando menos, seis Teses de Doutoramento, sete Proxectos de Investigación ao abeiro do Programa de Investigación do Organismo Autónomo de Parques Nacionais e, como ben se pode comprobar no repositorio deste portal, perto dun cento de artigos publicados en revistas científicas, as máis delas internacionais.

Fonte: Portal Mar de Aves

A finalidade deste portal, Mar de Aves, é recompilar e achegarlle ao público o coñecemento existente sobre as aves mariñas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e da súa área de influencia, as Rías Baixas.

Neste portal atoparás:

Un repositorio de publicacións científicas e técnicas, moitas delas de acceso libre e listas para ser baixadas en formato pdf.

Táboas de datos cos censos das poboacións de aves mariñas e outros datos de interese.

Unha descrición da bioloxía e ecoloxía das especies de aves mariñas máis comúns no Parque Nacional e Rías Baixas.

Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas

Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas

Tamén podes descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla

Imaxe destacada: gaivotas escuras (Larus fuscus) e patiamarelas (Larus michaellis) na beiramar.

© Manuel Agulla Rodríguez

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos