Baixo a coordinación de Beatriz Mouriño, do Grupo de Oceanografía Biolóxica e Enrique Nogueira do IEO
Investigadores da Universidade, IEO e CSIC estudan os mecanismos de formación de mareas vermellas
O proxecto Remedios trata de determinar o papel da turbulencia no crecemento do fitoplancto tóxico nas rías
Duvi | Vigo
Investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas desenvolven o proxecto científico Remedios (RolE of Mixing on phytoplankton bloom initiation, maintEnance and DIssipatiOn in the galician ríaS, ) que ten como finalidade determinar o papel da turbulencia no crecemento do fitoplancto tóxico que provoca as mareas vermellas nas rías galegas. O estudo, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade arrancou a comezos de 2017 e desenvolverase ata finais de 2019, coordinado polos investigadores Beatriz Mouriño, do Grupo de Oceanografía Biolóxica da Universidade, e Enrique Nogueira, do IEO-Vigo. Xunto con estes organismos, forman parte do proxecto o Instituto Tecnolóxico para o control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), a Universidade de Southamptom (Reino Unido), o Ifremer (Francia) e o Scripps Institution of Oceanography (EEUU).
O estudo, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade arrancou a comezos de 2017
O proxecto Remedios nace como unha iniciativa multidisciplinar que reúne máis dunha vintena de científicas e científicos que, durante os próximos tres anos, realizarán observacións nas rías galegas, analizarán bases de datos e empregarán modelos matemáticos co fin de investigar o papel da mestura no crecemento do fitoplancto. Prestarase especial atención aos xéneros Dinophysis e Pseudo-nitzschia e a súa agregación en forma de capas finas de fitoplancto. Os expertos confían en que os seus resultados contribúan á predición e alerta temperá dos eventos de toxicidade na rexión e, consecuentemente, a mitigar o seu impacto socioeconómico.
Beatriz Mouriño durante as recollidas de mostras
As capas finas de fitoplancto, un reto para a detección de toxicidade
As rías galegas son unha das rexións costeiras máis produtivas do planeta, sendo responsables do 95% da produción nacional de mexillón e do 50% da produción europea. Isto é consecuencia, principalmente, da entrada de nutrientes asociada ao afloramento ibérico, que estimula o crecemento do fitoplancto, composto por microalgas. A investigadora Bea Mouriño-Carballido, responsable dunha das dúas partes do estudo, explica que “o crecemento destas algas microscópicas está determinado pola cantidade de luz e nutrientes que reciben que, á súa vez, depende da mestura da columna de auga”. Sen embargo, cuantificar a intensidade da mestura no medio natural é extremadamente complexo, “e require equipos específicos que ata hai pouco tempo non estaban dispoñibles”, engade.
As capas finas de fitoplancto son un reto para a detección de toxicidade
Pero se ben son responsables desta riqueza natural, os investigadores lembran que non todas as especies de fitoplancto son favorables para a produtividade das rías. Por exemplo, “especies dos xéneros Dinophysis e Pseudo-nitzschia, debido á produción de toxinas diarreicas (DSP) e amnésicas (ASP), respectivamente, son responsables dos peches prolongados na extracción de mexillón” sinala Enrique Nogueira, investigador do Instituto Español de Oceanografía que coordina a outra parte do estudo. Con frecuencia, explica o experto, estas especies agréganse formando “capas finas”, que teñen un espesor menor a 5 metros e poden alcanzar unha extensión horizontal de varios quilómetros. Segundo Nogueira “a formación destas estruturas supón un reto para os programas de detección de toxicidade, xa que, debido ao seu pequeno espesor, moi facilmente pasan inadvertidas”. Por este motivo o estudo destas capas finas será unha das partes centrais do proxecto REMEDIOS, cuxa finalidade última será coñecer os procesos de formación das mareas vermellas provocadas polo fitoplancton tóxico, para así poder desenvolver sistemas de predición e alerta co fin de reducir o seu impacto.
A recollida das mostras faise unha vez á semana
Recollida de mostras e traballo en laboratorio
O proxecto divídese en varias partes, unha delas céntrase na recollida e análise de mostras e outra no estudo de bases de datos xa existentes. Dende comezos de ano e ata a próxima primavera o equipo realiza unha mostraxe semanal nunha estación central de ría de Vigo a bordo do Kraken, embarcación da Ecimat. Unha parte das mostras recollidas son analizadas no IEO de Vigo, que coordina a parte biolóxica do estudo, e outra parte nos laboratorios do Grupo de Oceanografía Biolóxica, en Citexvi, que se centra na parte máis física. Unha vez remate este primeiro ano de mostraxes, en primavera arrancará unha campaña específica de tres semana para o estudo das capas finas de fitoplancto, na que empregarán un barco de maior tamaño que realizará mostraxes nas rías de Vigo e Pontevedra. Unha vez rematado o período de mostraxe, os investigadores e investigadoras centraranse na análise das mostras e o procesado dos datos.
Paralelamente, o proxecto comprende tamén a análise de bases de datos xa existentes, entre elas o conxunto de datos hidrográficos obtidos polo Intecmar, que cada semana recolle mostras en 43 estacións repartidas polas rías para monitorizar a calidade da auga. Grazas a estes datos, os investigadores do proxecto Remedios puideron determinar que no período 2012-2015 observáronse un total de 215 capas finas nas catro Rías Baixas, con maior incidencia na ría de Pontevedra, que é ademais a que sofre períodos de peche de extracción de mexillón máis prolongados debido á presenza de toxinas diarreicas.
Traballo con modelos oceánicos
Un dos obxectivos do proxecto é investigar os mecanismos responsables da formación de capas finas de fitoplancto (TPL, Thin Phytoplankton Layers). Para iso investigadores da Universidade de Vigo utilizan o modelo de circulación oceánica ROMS, acoplado ao modelo bioxeoquímico Pisces, para representar as rías de Vigo e Pontevedra a unha alta resolución espacial (150 m). Deste xeito reprodúcense as condicións do océano antes, durante e despois dun momento no que as observacións feitas desde o barco detectaron unha TPL. Así, por exemplo, se nunha determinada data se detectaron varias TPL en ambas rías, o modelo permite aos científicos investigar que condicións eran comúns a ambas que terán podido levar á formación da TPL. É dicir, grazas a estes modelos validados, os equipos científicos poden entender o que pasa no mar sen ir ao mar.
Imaxe destacada: O proxecto Remedios trata de determinar o papel da turbulencia no crecemento do fitoplancto tóxico nas rías