Hórreos. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4 (XXXVIII)

Portada » O Parque Nacional » Hórreos. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4 (XXXVIII)

Nov 13, 2017 | BIBLIOGRAFÍA, HISTORIA

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (XXXVIII)

Os seus lugares

Hórreos

Na illa tamén reciben o nome de hornios ou piornos. Están feitos en pedra de gra e de cemento e ladrillo. Antigamente tamén eran de madeira, dos que xa non queda ningún exemplar, unicamente os restos dos elementos construtivos feitos en pedra. Os soportes utilizados eran os pés con tornarratos individuais, pero a maioría teñen soleiras e celeiros con tornarratos corrido ao longo da cámara. Os que son de cámara de pedra, esta está feita con grandes bloques de cantería dispostos en fiadas horizontais en cuxa cara superior se practica unha fenda de ventilación. Sorprende tanto a factura como o tamaño destes pedras de cantería, sendo a súa construción moito máis coidada que a maior parte das vivendas ás que están asociadas. Os de cámara de cemento semellan as formas dos balagustos verticais coas cintas horizontais.

A cuberta, a dúas augas é de tella do país ou de fibrocemento, con aleiros pouco saíntes e rematada nos pinches con sobrepenas. Decórase con cruces e pináculos tamén chamados lampións.

Os pinches dos hórreos decóranse con aberturas lonxitudinais paralelas as sobrepenas ou cunha coviña con abertura no centro. Pero hai un motivo que é o que máis se repite: dúas fendeduras convexas polas que tamén atravesa o aire e, en ocasións, cunha cruz gravada no centro. Este motivo atópase nalgúns hórreos na zona de Beluso (Bueu), cos que tamén teñen paralelismos construtivos.

piorno derruído

Hórreo de pedra en estado ruinoso, con tornarratos corrido. © CSIC

Hai dous hórreos na illa que destacan polas súa monumentalidade. Son os hórreos de Canexol. Neles almacenábase o millo provente da renda que lle tiñan que pagar os colonos ao dono da illa naquel tempo. Parece ser que o millo almacenado nun dos hórreos era para sr. Riobó e outro para a persoa encargada de lle administrar as rendas e que residía nese conxunto de viviendas.

A orientación máis frecuente dos hórreos é de norte a sur aínda que tamén os hai de leste a oeste, coma os hórreos de Canexol que acabamos de describir.

Imaxe destacada © Santiago Boado Aguinaga

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...