Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
CAPÍTULO 5
A súa historia (Cambios na ocupación de Ons II)
1810- 1812
Grazas a unha serie de oficios relacionados coa fortificación das illas de Ons e Onza con motivo da Guerra de Independencia podemos coñecer como o Cabido da Catedral de Santiago de Compostela se reafirma como propietario de ditas illas. Nestes oficios, o Cabido, a quen como propietario correspondería tal labor, refusa facerse cargo da fortificación por falta de capital, pero ofrécese a permitir dita fortificación, así como o poboamento e cultivo da illa a quen o solicite a cambio dun pequeno canon. [Arquivo da Catedral de Santiago (1810- 1812), “Isla de Ons. Antecedentes sobre su posesión 1810- 1836”, en Islas de Sálvora y Ons. Documentos sobre su pertenencia 1791-1836, IG- 423 (sen paxinar)]
Ao mesmo tempo, atopamos unha petición á Xunta Suprema do Reino por parte de Manuela Correa de Sotomayor como titora do seu fillo Antonio Manuel Montenegro, na que solicita que non se lles impida, na súa calidade de propietarios, o aproveitamento da illa de Ons como consecuencia da construción de fortificacións. Achega documentación relativa ao foro concedido pola Igrexa de Santiago para xustificar eses dereitos que reclama. [Arquivo Histórico Nacional (1810), Sección Nobleza, 77. MOS- VALLADARES, C. 18, D.34]
Ruínas castelo da Roda © Santiago Boado Aguinaga
1833- 1834
En torno a estes anos comeza unha nova etapa no que respecta á cuestión da ocupación da illa: iníciase unha fase de poboamento que se mantivo ata os nosos días, cos maiores índices de habitantes nas décadas centrais do século XX.
Os iniciadores desta nova etapa terían sido dous veciños de Santo Tomé de Piñeiro (Marín, Pontevedra) e un de San Estevo de Noalla (Sanxenxo, Pontevedra), que terían comezado a traballar as terras da illa por necesidade uns anos despois da Guerra de Independencia. [Arquivo Histórico da Deputación de Pontevedra (1834), “Roturacións en Ons”, 349/ 1 (sen paxinar)]
1837-1844
Os concellos de Sanxenxo e Bueu dispútanse a adscrición municipal da illa. No proceso menciónase o asentamento como colonos de veciños de Bueu, que se dedicarían á explotación e cultivo do terreo.
A través dos dous expedientes que recollen os enfrontamentos entre estes concellos podemos coñecer tamén outro tipo de detalles que nos achegan máis á vida cotiá da illa, como o feito de que en 1837 seguía sen ter igrexa. Ao mesmo tempo, atopámonos con diferentes versións do tema da ocupación da illa. Por un lado, nun documento presentado en abril de 1842 por veciños do Morrazo que traballan as terras da illa e piden a unión a Bueu dise o seguinte:
«Ninguno de ellos, Excelentisimo Señor, puede decirse con propiedad vecino delas Yslas sino delas parroquias comprendidas en los distritos municipales de Meyra, Cangas, Bueu y Marin puesto que bautizan, confiesan, casan y ejercen los mas deberes religiosos en las primeras y contribuyen y cumplen los demas cargos concejiles en los segundos como puede comprobarse en los archivos de dichas corporaciones y en los registros delos Señores Parrocos. No se puede decir lo contrario, por que haya una docena que habite la mayor parte del año en las miserables chozas que existen en las Yslas, puesto que estos mismos son delos que se hallan con las circunstancias espresadas y que los demas van generalmente el lunes y regresan el sabado para lo cual hay galeones contratados que periódicamente hacen lo menos estos viages y algunas lanchas delos mismos exponentes».
Porén, na resposta do concello de Sanxenxo en agosto dese mesmo ano dise que iso non é para nada o que acontece, senón que «(…) hallan que el relato en que la fundan es imberaz en todos sus estremos, y solo encierra en si un discurso lleno de miras particulares de sugetos ambiciosos lo primero por que los en ella inscriptos constituyen formal y material residencia en dicha Ysla para de veinte años con sus mugeres, familias, Ganados, Bacuno, lanar, Cerdos, Gallinas, aperos y mas necesario alas casas de Labradores: lo segundo que no hay tales Galeones contados como suponen, (…)».
Entre a documentación achegada ao longo do proceso figura unha relación feita polo concello de Bueu cos veciños da localidade que traballan as terras de Ons, un total de cincuenta, que terían casa en Bueu á que irían periodicamente grazas aos barcos que comunicaban a illa coa costa. Tamén se fai mención, nunha instancia de agosto de 1842, dunha fábrica de fomento de pesca constituída por Rosa Aballe del Pla na illa.
En xeral, o que se intúe a través da documentación é que as persoas que se trasladaban a Ons a traballar tiñan poucos recursos, o que explicaría que se enfrontaran á dura tarefa de roturar terras que levaban séculos sen cultivar, ademais de ter que construír casas nunha illa na que escaseaban os materiais e moitos recursos básicos.
[Arquivo Histórico da Deputación de Pontevedra (1844), “DIVISIÓN TERRITORIAL. Expediente sobre la agregación de la ISLA DE ONS al ayuntamiento de SANXENXO”, 387/ 9 (sen paxinar)]
Restos inferno dun muíño hidráulico © Santiago Boado Aguinaga
1870
Deste ano é o primeiro padrón de habitantes de Bueu que conservamos no que figuran os veciños residentes na illa de Ons. Figuran un total de 167 veciños, coa profesión maioritaria de labrador. A partir deste ano, dispoñemos dunha serie de padróns que chegan ata a actualidade a través dos que podemos observar a evolución da poboación nas illas: aumento constante ata 1960, ano no que se rexistra a cifra máis elevada (482), e logo descenso brusco que se plasma nos 19 habitantes censados en 1991. [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes do ano 1870]
1878
Como xa comentamos, a nova ocupación da illa que se dá no século XIX segue un camiño ascendente, e así vemos como no padrón deste ano figuran xa 190 habitantes. [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes do ano 1878]
Ermida contemporánea de Ons © Santiago Boado Aguinaga
1891
No concello de Bueu consérvase un inventario do capital invertido en Ons por D. José Estévez Barreiro, quen tiña arrendada a illa á Marquesa de Valladares. No listado figuran 35 colonos, aínda que sabemos polos datos dos padróns anteriores e posteriores que os habitantes da illa serían máis, xa que neste listado só figuran os que tiñan algo subarrendado, pero non as súas familias nin quen non tiña nada.
Este inventario viría probar que nese momento a illa estaba xa en plena explotación, posto que se deixa constancia da presenza de 18 xuntas e media de bois ou 33 vacas de labor e cría, ademais da presenza de colonos que pagan rendas polas casas, o que apunta a unha vivenda permanente na illa. Tamén podemos intuír que, a pesares de ser un lugar pequeno e con poucos veciños, habería algúns máis pobres que o resto, que non dispoñerían de gando en parzaría como os demais.
[Arquivo Municipal do Concello de Bueu, “Inventario de los valores que componen el capital invertido por José Estevez Barreiro en la explotación de la Isla de Ons propiedade de la marquesa de Valladares”, 1891, 326/25 (sen paxinar)]
1896
Joaquina Gelabert Vastella, viúva de Villoch e veciña da Pobra do Caramiñal, solicita unha licenza para instalar unha fábrica de salgadura en Ons. [Arquivo do Concello de Bueu, “Licencia de apertura de establecementos. Industria de pescado salado y prensado”, 1896, 2680/5]
1898
O último padrón do século XIX que se conserva no Arquivo do Concello de Bueu recolle 282 habitantes censados na illa de Ons. [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes, 1898]
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada
Imaxe destacada: ruínas castelo da Roda © Santiago Boado Aguinaga