Pardelas (III). A pardela furabuchos por Mar de Aves
Pardelas Procellariidae
As pardelas son aves mariñas de tamaño medio ou grande. A plumaxe é de cor escura, negra, gris ou apardazada, coas partes inferiores polo común máis claras. O peteiro é recto, moi ganchudo no bico e con dous “tubos” colocados en paralelo ao longo do eixo da mandíbula superior.
Formidables voadoras, pasan a meirande parte da súa vida en mar aberto cubrindo enormes distancias tódolos anos. Ás longas, estreitas e afiadas. Peitean as ondas cun voo característico que alterna planadas e bater de ás.
Alimentanse de peixe e de invertebrados mariños que tanto “recollen” en voo como capturan na auga. Son capaces de mergullar uns poucos metros e de irlle enriba ao peixe nadando coas ás.
Os tubos do bico están relacionados co sentido do olfacto que é moi fino nestas aves, o que lles permite localizar o alimento no medio do mar. Este consiste maiormente en peixe peláxico e cefalópodos. Son varias as especies que tiran partido dos descartes da pesca.
Aniñan baixo terra, en tobos e coviñas. onde depositan un único ovo. A vida nas colonias é nocturna.
En conxunto, as pardelas son un dos grupos de aves máis ameazados do planeta, e son varias as especies que están a piques de desaparecer para sempre. Unha das causas desa situación tan desfavorable ven dada por elas concentrar os seus efectivos reprodutores en poucos lugares, por veces nunha illa só o que fai que sexan moi vulnerables a calquera cambio a peor nas condicións ecolóxicas da illa. Ademais ao poñer un ovo ao ano a súa taxa reprodutiva é moi baixa polo que lles costa moito recuperarse das perdas de poboación.
No Atlántico Ibérico só se coñece da existencia dunha especie de pardela a criar, a pardela cincenta, mentres que as outras especies comúns nos mares de Galicia, a balear e a furabuchos, vense no verán e no outono principalmente.
Outras especies de pardela poden observarse nas Rías Baixas, sobre todo no tempo do paso migratorio de outono. A máis abundante delas é, probablemente, a pardela escura (Puffinus griseus).
- Pardela balear (Puffinus mauretanicus)
- Pardela cincenta(Calonectris diomedea)
- Pardela furabuchos(Puffinus puffinus)
PARDELA FURABUCHOS (Puffinus puffinus)
PARDELA PICHONETA / FURA-BUCHO do ATLÁNTICO / MANX’S SHEARWATER
Puffinus puffinus
35 cm de lonxitude × 80 cm de envergadura. É unha pardela pequena, negra por enriba e abrancazada por embaixo. Voo rápido pola tona da auga no que alterna planadas longas con períodos máis curtos de rápido bater de ás.
A área de cría da furabuchos limítase as illas do Atlántico norte, con máis do 90% da poboación reprodutora concentrada nunhas poucas illas da costa occidental da Gran Bretaña. Historicamente, as furabuchos ocupaban un maior número de illas máis a introdución accidental de ratas (Rattus spp.) varreu coas súas colonias de cría.
Non aniñan no Parque nin en localidade algunha do Atlántico Ibérico. Presente nas Rías Baixas principalmente de agosto a outubro.
- Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas
- Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas
- Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla
Imaxe destacada: Pardela furabuchos (Puffinus puffinus) por Wikipedia.