O arquipélago de Sálvora declarado Ben de Interese Cultural (B.I.C)

Portada » O Parque Nacional » O arquipélago de Sálvora declarado Ben de Interese Cultural (B.I.C)

Abr 27, 2018 | HISTORIA, VIDEOBLOG

Sálvora xa é ben de interese cultural, coa categoría de paisaxe cultural. A declaración protexe camiños, pozos, muíños, fontes, hórreos, lavadoiros, a capela, o pazo ou o peirao, entre outros elementos

Trátase do primeiro espazo natural que terá o título de BIC Paisaxe Cultural, unha categoría creada pola Lei patrimonio cultural de Galicia de 2016.

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao Decreto polo que se declara ben de interese cultural, o arquipélago de Sálvora, coa categoría de paisaxe cultural. A Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria publicará proximamente a declaración no Diario Oficial de Galicia , dándolle a este arquipélago, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, a máxima protección no ámbito do patrimonio cultural. Cómpre sinalar que se trata do primeiro espazo natural que terá o título de BIC Paisaxe Cultural, unha categoría creada pola Lei de patrimonio cultural de  Galicia de 2016. Cómpre lembrar que a aprobación da declaración coincide dentro do mes abril, que a Xunta de Galicia dedica -no marco da conmemoración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural– á candidatura a Patrimonio da Humanidade das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas e contribúe a darlle pulo a esta candidatura.

A delimitación do BIC coincide coa propia identificación do arquipélago na Lei de creación do parque, o que se corresponde con 2.500 Ha marítimas e terrestres pertencentes ao concello de Ribeira nas que se distinguen tres conxuntos de illas cos seus respectivos illotes e cons, en concreto o de Sálvora, o das illas de Vionta e Noro e o das illas de Sagres. O conxunto constitúe un exemplo senlleiro e case único en Galicia da evolución singular dunha poboación adaptada a unhas condicións rigorosas de contorno, con escasos recursos dispoñibles, que desenvolve as premisas da construción tradicional do territorio nun contexto de inmediatez, illamento e extremas condicións climáticas e xeográficas. Estas características derivaron en manifestacións dun singular valor histórico e etnolóxico, que ademais se complementan con aspectos de interese artístico, arquitectónico, arqueolóxico e mesmo científico e técnico.

De feito, a presenza humana no arquipélago remóntase e á prehistoria. Ademais, na propia aldea de Sálvora poden atoparse o xacemento romano de Area dos Bois e dous abrigos (Punta Figueirido e Alto de Milreu) así como o cuncheiro do Almacén, un vertedoiro de lixo altomedieval. Así mesmo, hai rexistros de xacementos arqueolóxicos na illa de Vionta, a maiores doutros vestixios de patrimonio subacuático presentes no arquipélago.

Elementos inmobles 

A paisaxe cultural declarada BIC está conformada por todos os terreos incluídos no ámbito da delimitación, incluíndo elementos inmobles, en especial, na illa de Sálvora, onde foi máis intenso o poboamento e as súas consecuencias construtivas. Neste sentido, a declaración inclúe o sistema viario e os muros, peches e valos. Así mesmo, distínguense os conxuntos arquitectónicos da aldea de Sálvora, do pazo-almacén que ten orixe nunha factoría de seca e salgadura de peixe e foi transformado para acadar un aspecto de residencia palatina e da telleira.

Así mesmo, inclúese o conxunto arquitectónico do faro da illa de Sálvora. Ademais, a raíz da única alegación presentada, a declaración fai mención expresa ao valor antropolóxico desta construción “polo traballo e vida de mulleres e homes que dedicaron a súa vida profesional ao seu funcionamento e que do seu traballo formaron unha vida condicionada por unhas singulares limitacións, en especial de illamento”.

“Ao ficar obsoletas as tecnoloxías que xustificaban os faros, a súa valoración cultural, ademais das súas específicas cuestións técnicas, debe completarse co recoñecemento e difusión das persoas que os manexaban e habitaban”, conclúe o texto.

O decreto enumera, así mesmo, diferentes partes integrantes incluídas na declaración, como son os hórreos, a Capela, os propios edificios do Pazo, a Telleira e o Faro; muíños, o conxunto de mesa e bancos de pedra denominados a mesa da Marquesa, o monumento á Serea, o cruceiro, o peirao, o curro das Cabras, a fonte de Santa Catalina, ou o elemento conmemorativo ao náufrago do vapor correo Santo Isabel, Carlos Verdier Escobar, entre outros.

Dalle ao play e desfruta deste espectacular audiovisual:

Tramitación 

A incoación do expediente de declaración BIC do arquipélago de Sálvora publicouse no Diario Oficial de Galicia o 21 de febreiro de 2017, tras o que se abriu un período de exposición pública e se notificou aos interesados, en concreto, ao concello de Ribeira e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Posteriormente, requiríronse os informes de órganos consultivos: Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega de Belas Artes e Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, que informaron positivamente a declaración.

No período de exposición pública só se presentou unha alegación, que foi contestada en tempo e prazo e incluída parcialmente no decreto.

Fonte: Xunta de Galicia

Audiovisual: Galicia Natural e única

© Arquivo da Luz Atlántica

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...

O embarcadoiro de Cortegada en 1906

O embarcadoiro de Cortegada en 1906

O embarcadoiro de Cortegada en 1906 Vella tarxeta postal centenaria que nos mostra o embarcadoiro e parte da aldea da illa de Cortegada, fronte a Carril, no ano 1906, pouco antes da doazón á monarquía e abandono por parte dos seus habitantes. Ao fondo, sobre Carril, o...