Por Iria García Moreiras
O Cambio Global e algunhas das súas consecuencias
É de todos coñecido que os nosos ecosistemas estanse a ver profundamente alterados polas actividades humanas. A contaminación, a ocupación de hábitats, o Cambio Climático, etc., son algunhas das consecuencias deste gran Cambio do que o ser humano é o responsable. O Cambio Climático recente, provocado pola emisión de gases de efecto invernadoiro (coma o dióxido de carbono) produce, entre outros efectos, que as especies (tanto vexetais como animais) estean a mudar o seu comportamento, distribución e incluso morfoloxía.
O clima é un sistema moi dinámico que cambiou moito no pasado debido a causas naturais, como a variabilidade da órbita terrestre, a actividade solar ou volcánica, etc. Fai uns 10000 anos saíamos da última Glaciación e, nun lapso de tan só uns centos de anos, as temperaturas no noroeste da Península Ibérica subiron máis de 2°C. Agora ben, durante as últimas décadas o incremento da emisión dos gases de efecto invernadoiro (Fig. 1A), como resultado do incremento de actividades industriais e do uso de combustibles fósiles (entre outras actividades), provocaron que o Cambio Climático dos últimos anos non teña precedentes.
A velocidade á que está aumentando a temperatura media global nunca foi tan elevada; nunhas poucas décadas observouse un incremento de case 1°C (Fig. 1B) –en contraste cos centos de anos que lle levou mudar 2°C durante a fin do último período glaciar!-. Tamén se observaron cambios sen precedentes no réxime de chuvias a nivel rexional, así como na frecuencia e na intensidade de eventos meteorolóxicos extremos (furacáns, ondas xigantes, terremotos, etc.), o que está a ter consecuencias moi negativas para moitas sociedades e economías e, por suposto, para a integridade de moitos espazos naturais. E por iso o Cambio Climático recente escríbese con maiúsculas.
Ante este panorama, compre coñecer polo miúdo o funcionamento dos nosos ecosistemas para poder desenvolver estratexias de xestión e recuperación. Entender ben a dinámica das comunidades biolóxicas e a súa resposta ante os cambios ambientais é fundamental para predicir as consecuencias ante futuros impactos e promover prácticas útiles. Isto poderá axudar tanto a mitigar os efectos do Cambio Global nos recursos naturais e socioeconómicos, como para recuperar ou restaurar espazos naturais que xa foron estragados. Un caso moi ilustrativo sería investigar cales son os factores (coma o aumento das temperaturas ou as riadas) que provocan a proliferación de microalgas masivas con efecto tóxico (mareas vermellas). Estes coñecementos axudarían a adiantarmos aos futuros impactos, podendo aplicar accións en relación aos bancos marisqueiros para minimizar os efectos negativos (como, por exemplo, adiantar a recollida do mexillón antes de que aparezan as toxinas).
A reconstrucción paleoambiental como ferramenta para coñecer mellor o funcionamento dos ecosistemas
Para comprender como responden os seres vivos ante cambios ambientais é preciso coñecer ben cal é a resposta natural dos ecosistemas ante eses cambio, é dicir, cando non existe impacto debido a actividades humana. O único método útil é estudar que sucedeu no pasado, antes de que se produciran impactos humanos significativos. Para isto, a principal ferramenta é a reconstrución paleoambiental, é dicir, a reconstrución do que aconteceu no pasado a través do estudo de proxys ou indicadores paleontolóxicos (“fósiles”) que perduran ao longo do tempo e nos dan información sobre o ambiente no que viviron. A partir do estudo destes proxys somos capaces de inferir os cambios ocorridos nos seres vivos e relacionalas con oscilacións no ambiente (temperaturas, nivel do mar, precipitacións, etc.).
No laboratorio de paleobotánica da Universidade de Vigo analizamos microscópicamente o pole, esporas de algas, restos de fungos, e quistes (estruturas de resistencia) de dinoflaxelados. A partir do estudo destes palinomorfos contidos nos sedimentos das Rías Galegas (Fig. 2) realizamos reconstrucións paleoambientais. A cronoloxía das testemuñas sedimentarias establécese principalmente a partir de datacións radiocarbónicas.
Os palinomorfos son estruturas resistentes producidas por diversos organismos vexetais (vexetación, fungos, microalgas e dinoflaxelados) que se acumulan no fondo da ría e poden perdurar moito tempo (incluso miles de anos) nos sedimentos. A distribución das abundancias das diferentes especies que producen estes palinomorfos varía en función de diversos parámetros ambientais, como a temperatura ou as choivas, e tamén a dispoñibilidade de nutrientes na columna de auga, no caso das algas mariñas. Así, o seu estudo permite reconstruír a paisaxe vexetal, a produtividade mariña e as condicións ambientais predominantes no momento en que estes microfósiles foron depositados, así coma a súa variabilidade ao longo do tempo.
Reconstrución dos impactos ambientais na Ría de vigo durante os últimos 2 séculos
O estudo de quistes de dinoflaxelados (dinocistes) acumulados nos sedimentos para reconstruír as condicións no medio mariño (paleohidroloxía) é unha técnica moi prometedora e que se está a desenvolver e a perfeccionar na actualidade. Recentemente, unha colaboración co laboratorio de palinoloxía mariña da Universidade de Victoria (Canada) axudou a perfeccionar as técnicas de identificación e interpretación paleoambiental a partir de dinocistes que viñamos realizando no laboratorio de paleobotánica da Universidade de Vigo. Froito desta colaboración xurdiu un traballo que permitiu a reconstrución de alta resolución dos cambios ocorridos nos ecosistemas da Ría de Vigo a partir do estudo de dinocistes mariños e doutras “microalgas” de orixe continental.
Os dinoflaxelados son uns dos compoñentes principais do microfitoplancto, e a súa composición e variabilidade depende do réxime de temperaturas, dos aportes fluviais e da dispoñibilidade de nutrientes, entre outros factores. O estudo dos dinocistes nun rexistro sedimentario da Ría de Vigo que foi acumulado durante as últimas décadas axudou a reconstruír os principais cambios que ocorreron na hidroloxía da ría e a identificar os factores que os causaron. Por exemplo, identificouse unha fase de transición (1855-1910 DC) dende as etapas finais da PIX* cara ás condicións máis cálidas e húmidas que gobernarían a maioría do século XX. Tamén se detectaron fortes cambios na produtividade do fitoplancto e na distribución de especies que se atribúen principalmente ao Cambio Climático recente, a diferentes tipos de contaminación, ao cambio do réxime fluvial e á destrución de hábitats (Fig. 3).
*PIX: Pequena Idade de Xeo. Período de arrefriamento que afectou á maioría das rexións do oeste de Europa durante aprox. 1400-1900 DC.
Fig. 3. Zona de Guixar, O Areal (Vigo), a mediados do s. XX durante a realización de recheos e diques que ocuparon o antigo areal.
Fonte: http://beli-vigoantiguo.blogspot.com
A relevancia deste estudo radica na obtención de datos que permitiron documentar a composición e diversidade de dinocistes nos sedimentos da ría e descifrar as súas principais sinais ambientais, é dicir, estudar o valor destas microalgas como indicadores de cambios no ambiente (nas temperaturas, na pluviosidade, na estabilidade da columna de auga, na dispoñibilidade de nutrientes, etc.). Estes datos serán de utilidade á hora de interpretar secuencias sedimentarias máis antigas, depositadas fai decenas de miles de anos.
Tamén obtivemos datos novos sobre a distribución dalgunhas especies de dinoflaxelados, coma Peridinium ponticum, que ata agora se consideraba exclusivo do Mar Negro. Grazas a este novo estudo, demostramos que esta especie está presente nas augas galegas de forma natural dende alomenos 1830 DC. Por outra banda, relacionamos o crecemento masivo dalgunhas especies potencialmente tóxicas (como Lingulodinium polyedrum) con certos factores ambientais. Parece que o incremento das chuvias e, como consecuencia, das descargas fluviais, aportan nutrientes extra que favorecen a proliferación destes dinoflaxelados.
Ademais, neste estudo comprobamos que a contaminación e outros impactos recentes, como a construción de encoros ou a produción masiva do mexillón (Fig. 4), está a ter efectos na produtividade do fitoplancto. Un dos efectos máis relevantes é o incremento de certas especies heterótrofas, que antes eran moi pouco abundantes, debido ao incremento dos aportes de nutrientes e materia orgánica como resultado da descarga de augas fecais, entre outras causas (eutrofización). Tamén observamos a diminución xeral dos dinoflaxelados autótrofos (baixada da produtividade primaria de dinoflaxelados) debido probablemente ao aumento da turbidez (menor penetración luminosa) e/ou á baixada da dispoñibilidade de osíxeno na auga.
O conxunto de traballos que realizamos no equipo de investigación XM-3 da Universidade de Vigo demostra a elevada sensibilidade dos ecosistemas costeiros ante cambios e impactos ambientais, e resalta a necesidade de apostar por investigacións que axuden a comprender o seu funcionamento e promovan a súa conservación e recuperación.
Fonte: ECIMAT