Grazas aos dispositivos de localización empregados, unha iniciativa pioneira en Galicia e da que apenas existen precedentes no resto do mundo, recolléronse xa máis de 11.000 posicións GPS nos dous últimos anos
Os bos resultados da experiencia piloto impulsada en 2018 para facer un seguimento a distancia das poboacións de corvo mariño cristados das Illas Atlánticas levou á dirección do Parque Nacional a darlle continuidade este ano e incluso, a estender o sistema de vixilancia remota a máis exemplares. Así, o pasado maio equipouse cun dispositivo de localización a dous machos pertencentes ás colonias da illa de O Faro, no arquipélago das Cíes, duplicando deste xeito a mostra de partida.
Segundo o balance provisional do proxecto, este ano xa se recolleron preto de 7000 posicións, ás que cómpre sumar as máis de 4000 que foran transmitidas en 2018 polas dúas femias de Ons e Sagres, as primeiras equipadas con dispositivos remotos no marco desta iniciativa. O seguimento realizado ata estes momentos, malia basearse nunha mostra de tan só catro aves (unha delas deixou de transmitir en decembro de 2018), ten proporcionado datos de gran interese.
Deste xeito, a distribución das posicións GPS dos animais obxecto de estudo indica que, en conxunto, os corvos mariños adoitan utilizar unha área mariña moi extensa das Rías Baixas, aínda que con marcadas diferenzas entre individuos. Así, as aves de Cíes estenderon a súa actividade polas augas de Cíes, Ons, Onza, Nerga, Aldán, Sálvora, Ribeira e mesmo A Illa de Arousa. Con todo, o comportamento da femia procedente de Sagres é distinto, xa que adoita desprazarse pouco, sendo raro que abandone as augas entre Aguiño e Sálvora.
Os datos recollidos entre o ano pasado e o que levamos de 2019 suxiren que unha parte importante das poboacións desta ave presentes no Parque Nacional podería estar alimentándose de xeito rutineiro fóra do espazo protexido, e que mesmo pasarían longas tempadas fóra del. Trátase dunha das conclusións máis relevantes do proxecto polas súas implicacións á hora de deseñar e impulsar estratexias de conservación efectivas para estas poboacións ameazadas.
Cómpre lembrar que o corvo mariño cristado conta no arquipélago das Cíes cun núcleo reprodutivo esencial para a supervivencia da especie na Península Ibérica. O patrón de dispersión e uso do espazo detectado polos transmisores de seguimento nos que se basea o proxecto apoia e dá sentido biolóxico á necesidade de ampliar a protección ao espazo mariño existente entre os catro arquipélagos que compoñen o Parque Nacional e mais as augas costeiras da boca das rías.
Dispositivos ultralixeiros e impermeables
Os dispositivos que se empregan para marcar ás aves caracterízanse por ser ultralixeiros, con apenas 17 gramos de peso, e pola súa capacidade para transmitir posicións GPS pola rede GSM, a mesma que ata hai pouco utilizaban os teléfonos móbiles.
Ao tratarse o corvo mariño dunha ave mergulladora, os aparellos tamén son hidrodinámicos e totalmente impermeables, ademais de resistir grandes variacións de presión, xa que os corvos mariños poden chegar con frecuencia ata os 30 metros de profundidade. Os dispositivos funcionan cun diminuto panel solar e monitorízanse directamente vía internet.
O emprego destas tecnoloxías está sendo unha das últimas revolucións no campo do estudo e seguimento da fauna silvestre xa que permiten coñecer, practicamente en tempo real, a localización exacta dos animais. Sen embargo, a súa aplicación para este tipo de ave resulta novidosa e pioneira non só en Galicia xa que apenas existen antecedentes en todo o mundo do seu uso con corvos mariños.
Fonte do artigo: C. de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda