Outono na ría de Vigo. Primeiras luces do día na pequena cala de O Fechiño (Coruxo), fronte ás illas Cíes. Amence un novo día.
As aves mariñas e acuáticas desta contorna empezan a desperezarse a base de estiramentos ou labores de desparasitación, limpeza e amaño. Comeza outra xornada. Hai que pórse a traballar na procura do alimento que arriba á zona intermareal, xa ben na beira, nas rochas ou entre as charcas que pronto se cubrirán por completo de auga.
A marea está a subir e achega á beira materia orgánica e nutrientes. Hai algas pardas, vermellas e verdes. Tamén vermes, pulgas e mosquitos, ademais doutros insectos e microorganismos que constitúen parte da súa dieta.
É a vida, o seu día a día, buscar calorías para seguir adiante e compensar o gasto enerxético ao que se expoñen. Traballar para comer e comer para traballar. Aínda que sempre hai tempo para o lecer e o tempo libre. Descansar nunha rocha tomando un baño de sol é unha práctica habitual. Hai diferentes fases ao longo da xornada.
Reina a harmonía entre as distintas especies de aves que observamos, en boa convivencia. Algunhas son de comportamento gregario e outras máis solitarias e autónomas. Todas están xuntas pero non revoltas. Cada unha ao seu. Hai unha orde establecida.
Entre as primeiras gozamos cun bando de pilros tridáctilos (Calidris alba), coas súas patas e peteiros adaptados a este medio, á beira do mar. Sempre atentos ao fluír da marea. Áxiles, rápidos e concentrados.
As gabitas (Haematopus ostralegus) sobre todo nas rochas, co seu impoñente e robusto peteiro de cor laranxa, que lles permite abrir doadamente diversos moluscos.
Os virapedras (Arenaria interpres) atentos á presenza de insectos, levantando algas ou pequenas pedras.
A garceta común (Egretta garzetta) esperando, descansando e gozando. Preparándose para a pesca. É máis tranquila.
As gaivotas patiamarelas (Larus michaellis) atendendo un pouco a todo. Son oportunistas. Vémolas tanto con plumaxe adulto como subadulto e inmaturo.
Máis ruidosas son as gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus), de menor tamaño que as súas irmáns patiamarelas, aínda que tamén moi oportunistas.
Un corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) anímase ao mergullo en busca de sorte, somerxéndose baixa a auga. Non ten aínda a maioría de idade porque é pardo co peito branco, aínda que non lle falta moito para lucir a súa escura plumaxe negra e máis a súa crista ornamental.
Biodiversidade en estado puro, comuñón de especies. Traballo e dedicación.
Imaxe:
– Pilro tridáctilo: “Calidris-alba-001” by Original photo by Mdf – Mdf’s own work. Licensed under CC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons