Continuación…
Segundo o diario vigués el “Pueblo Gallego” con data de 12 de maio de 1970, en seis días sería transvasado o petróleo do “Polycommander” e se restablecía o tráfico marítimo pola boca norte da ría de Vigo. O embarrancamento e incendio do buque se producira sete día antes.
Así mesmo se produciría unha reunión do presidente do Sindicato Nacional de la Pesca con representantes das cofrarías de pescadores. Tamén se informaba que máis de 500 homes se encargaban da limpeza das praias
Este diario aseguraba que por parte das xentes do mar non existía preocupación algunha, resultando cando menos chocante tal afirmación. A información obxectiva e a liberdade de expresión e prensa semellaba brillar pola súa ausencia. A censura do Réxime franquista cumpría co seu traballo.
O almirante Boado, subsecretario da Mariña Mercante, que exercería de coordinador das tarefas de limpeza dende o cruceiro “Canarias”, buque insignia da Armada Española, emprendeu viaxe de regreso a Madrid, ao considerarse normalizada a situación.
Continuaba o diario asegurando que “el asunto del petrolero noruego “Polycomander”, que desde el pasado martes nos trajo de cabeza, toca a su fin y, con él, la sensación de pesadilla que nuestra ciudad ha vivido en las últimas jornadas”.
Afirmaba “El Pueblo Gallego” que “en junio, las playas estarán más limpias que nunca, y los turistas que vengan a disfrutar de su blanca arena sólo podrán hallar, en vez de huellas del terrible suceso, el recuerdo de un suceso que sirvió, fundamentalmente para poner a prueba los medios de que nuestro pais dispone para cortar de raíz la contaminación de las aguas marinas”.
É dicir, que o que non se conseguiu anos máis tarde co “Urquiola”, “Mar Egeo” ou “Prestige”, xa se producira en 1970. Así, a costa galega estaba preparada para este tipo de situacións con medios vangardistas e ideais, aseguraban. Polo tanto, o remolcador “Elduayen” do porto de Vigo, o cruceiro da Armada “Canarias”, remolcadores da Escola Naval Militar de Marín, a flota pesqueira, militares, voluntarios e mais a axuda aérea estranxeira con dispersantes moi contaminantes, eran os medios ideais para facer fronte a unha situación de marea negra.
Ao contrario que co “Prestige”, o fuel que quedara no “Polycomander” e foi transvasado aos petroleiros “Campaláns”, “Campollano”, “Albuera” y “Camponalón”. O buque quedou fondeado en Barra para logo ser remolcado e restaurado para continuar as súas funcións como buque petroleiro.
Hoxe en día, ademais de restos da marea negra ocasionada polo “Prestige” que aínda seguen nos fondos e rochas do litoral de Galicia, da ría de Vigo e das illas Cíes, o mesmo podemos asegurar en canto ao chapapote vertido polo “Polycommander”. Seguen quedando restos nos fondos e nas rochas da ría de Vigo dende hai 45 anos.
Como xa demos conta, a finais de 1969 sabemos do anuncio da visita ás illas Cíes de Félix Rodríguez de la Fuente para estudar as colonias de aves mariñas durante nunha estancia en ditas illas dunha semana. Por fin, o 12 de Maio de 1970 está en Vigo para entregar un premio e concede unha entrevista en el Pueblo Gallego, xusto sete días despois do accidente do “Polycommander”. Truncaría este episodio os seus plans de estudo da fauna alada das illas?.
Continuará…
Imaxes:
El Pueblo Gallego.
Cruceiro Canarias: De Jose María Gonzalez, Almería – http://www.losbarcosdeeugenio.com/fotos/ae_C21.jpg, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=7585929