Parque Nacional marítimo-terrestre das illas Atlánticas de Galicia. Arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
Breve aproximación á historia das illas Cíes (I)
Dende a Prehistoria, no Paleolítico e Neolítico, temos rexistros (bifaces ou muíños de man naviculares) que confirman a presenza humana nas illas Cíes. Tamén restos arqueolóxicos de asentamentos da Idade do Bronce, da cultura castrexa, con evidencias da existencia dun castro no lugar de “As Hortas”, así coma diferentes cuncheiros.
Dos gregos, contamos coa suposta relación coas Cassitérides, as míticas illas do estaño. De época romana apareceron áncoras líticas, tégulas, cerámica, ánforas e mesmo un anel, así como tamén lendas asociadas ás Illas dos Deuses como a suposta presenza de Xulio César na batalla contra o pobo portugués dos herminios, refuxiados nas illas Cíes.
Da Alta Idade Media contamos coa posible existencia de fachos–eremitorios, tendo documentada máis tarde a doazón das illas á Igrexa por parte da Coroa e mesmo o establecemento de mosteiros na illa Sur ou de San Martiño e na illa do Faro ou de Santo Estevo. Formaron comunidades das ordes bieitas e franciscanas que ocuparán este espazo ata o século XVI. Posteriormente foron abandonadas na Idade Moderna polas continuas incursións de piratas e corsarios ( principalmente berberiscos e ingleses), que facían uso das illas como cabeza de asalto, fondeadoiro e lugar de descanso.
Compre destacar o personaxe de Drake ou mesmo o episodio da Batalla de Rande en 1702, con lendas e pecios como a do buque “Santo Cristo de Maracaibo”, que en en realidade é o “Nuestra Señora de los Remedios”.
As illas, anteriormente coñecidas como de Baiona, pasaron a depender de Vigo en 1840.
Do convento da illa do Faro non quedan máis ca perpiaños reaproveitados, marcas dos canteiros, fustes, canzorros e a necrópole medieval, cunha tumba antropomorfa visible no Centro de Visitantes. Este edificio, actualmente rehabilitado, foi un almacén de artillaría de principios do XIX construído no lugar do Convento.
Coa fin do corsarismo, no contexto da Guerra da Independencia, idéanse proxectos de fortificación, construíndose ao fin tan só un almacén de artillaría sobre o Convento, un cuartel e calabozos, cunha presenza militar moi limitada no tempo.
Neste ambiente, as illas volven ser poboadas por xentes do Morrazo e do entorno, adicadas á agricultura, gandería ovina-caprina, á pesca e ao marisqueo.
A embarcación tradicional empregada era a gamela, de proa e popa plana.
As vivendas estaban distribuídas en hábitats dispersos, de tipo casa terrea, moi rústicas, actuando como granxas.
Tamén existían os chouzos de pastores que visitaban as illas de xeito periódico.
Sobre 1835/1840, establécense factorías de salgadura de peixe (sardiña), na illa Norte e Sur, decaendo a principios do século XX coa aparición da conserva en folla de lata.
A mediados do século XIX, as illas ofrecían servizo de lazareto para pasar as corentenas, á espera de que se consolidara o lazareto na illa de San Simón.
Así, estableceuse na illa Sur un posto de sanidade e pilotos-prácticos que advertían da presenza de buques sospeitosos de padecer epidemias, sendo controlados e dirixidos ao novo lazareto de San Simón no interior da ría de Vigo.
Entre 1851-1853 constrúese o Faro. No primeiro cuarto do século XX engadiríanse catro máis, os de Bicos, Boeiro, A Porta e O Peito.
Houbo tamén presenza de Carabineiros do Reino controlando o contrabando nos anos vinte.
En 1927 bendícese o novo cemiterio substituíndo ás dunas como lugar de enterramento.
Existían varias tabernas con produtos de primeira necesidade e aloxamento para mariñeiros.
Sabemos de conflitos que os habitantes tiñan cos traiñeiros, que actuaban vandálicamente nun lugar sen autoridades nin asistencia sanitaria-espiritual, salvo alcalde de barrio e torreiro.
A poboación a finais do XIX aproximaríase aos 90 veciños.
Consérvase un muíño hidráulico na illa Sur e un templete de 1930, coñecéndose a existencia na illa do Faro, dun muíño de vento e dun viveiro e cetárea de ostras e langostas de principios do XX na Lagoa.
O faro sumaría presenza de torreiros e familiares, proporcionando asistencia escolar até a súa automatización en 1952. Aínda así, algunha familia seguía transportando o combustible (acetileno) Nos anos 70, os técnicos de sinais operan cun vehículo de transporte, o “Vitrasín”.
Foi coto de caza de perdices e coellos dende principios do século XX, ata os anos 60. Destacaron tamén os concursos de pesca nos anos 40/50/60, os campamentos das Xuventudes Hitlerianas, Educación y Descanso ou da OJE.
Erguéuse un monolito e capela en honor ao Ditador en 1961/63 que foi demolido en 2008 polo seu significado e impacto visual.
A forestación nos anos 50, con piñeiros e eucaliptos faría que a actividade agrogandeira fose decaendo á vez que a maior presenza de excursionistas nos 60/70 foi parella ao abandono da illa por parte dos escasos veciños. Algúns reconvertiron tabernas en servizos para excursionistas, que acoden en masa e descontrol. O campismo libre, o lixo, as liortas e os incendios, motivarían a declaración en 1980 das illa Cíes como Parque Natural para preservar os seus valores e regular as visitas.
En 2002 serán xunto a Ons, Sálvora e Cortegada integradas no Parque Nacional.
Continuará…
Imaxe destacada:
Ramón Patiño