Botánicos da Universidade de Santiago reintroducen con éxito poboacións da planta Rumex rupestris, extinta nesta illa dende comezos deste século e que só se atopa na costa occidental galega, Gran Bretaña e Francia.
Extinta nos primeiros anos deste século na illa de Ons, un equipo da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) comezou o pasado inverno unha experiencia para a reintrodución nesta illa da Rumex rupestris ou labaza de ribeira, unha especie ameazada que conta coa protección legal no Catálogo Galego de Especies Ameazadas ou da Directiva Hábitats.
Conscientes de que os momentos posteriores á reintrodución son os máis determinantes, “a constancia a día de hoxe da permanencia da especie en diversos puntos da illa permite ser moderadamente optimistas con respecto á súa continuidade no futuro”, explica o investigador do Departamento de Botánica Miguel Serrano, coordinador xunto con Roi Carballal do proxecto dirixido por Santiago Ortiz.
Para o desenvolvemento do proxecto, os investigadores da USC contan coa colaboración do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Así, “varios dos núcleos instalados presentan individuos ben establecidos e vigorosos, a pesar da virulencia dos temporais padecidos nos últimos meses e que fixeron temer pola súa supervivencia”.
A Rumex rupestris é unha especie litoral cuxa presenza na Península Ibérica só se localizaba na costa occidental galega, concretamente nalgúns puntos da costa da Coruña e de Pontevedra. Outras áreas onde habita actualmente son o suroeste de Gran Bretaña e a costa oeste francesa, “estando nestes territorios tamén moi localizada e fortemente ameazada”, explican os investigadores.
Co financiamento da Fundación Biodiversidad, o proxecto abrangueu diversos aspectos orientados ao estudo das poboacións de Rumex rupestris ao longo da costa occidental galega dende unha perspectiva conservacionista. Concretamente, a análise dos investigadores foi determinante tanto para seleccionar os lugares apropiados para a reintrodución en Ons como para escoller as poboacións de orixe para os individuos e sementes transferidas a esa illa. Neste sentido, prestóuse especial atención á estrutura xenética das poboacións galegas e a súa relación coas do Parque Nacional, onde se poden atopar en Sálvora e Cíes.
O proxecto desenvolveuse coa denominación “Rumex rupestris, especie en peligro de extinción. Xestión integrada da interdependencia Illas-Continente para a súa conservación no Parque nacional das Illas Atlánticas. Reintroducción en la Isla de Ons”, dentro do grupo de investigación Biodiversidade e conservación das plantas vasculares e en colaboración con María Luz González Caamaño do grupo de Biotecnoloxía do Departamento de Fisioloxía Vexetal.
Fonte:
USC
Imaxe:
www.floralimages.co.uk