Deseñaron e testaron un sistema de xestión de fluxo de traballo con presa viva
Investigadores da Ecimat e do IEO desenvolven un sistema de xestión para a alimentación temperá da pescada
Os resultados do traballo foron publicados na revista ‘Aquaculture’
Duvi | Vigo
Polo seu gran potencial industrial e como alternativa á sobreexplotación pesqueira, a diversificación das especies mariñas é unha prioridade na axenda acuícola de moitos países. Pero esta diversificación implica para algunhas especies candidatas, como a pescada europea (Merluccius merluccius), novos retos como a diminución da mortalidade masiva observada preto dos 25 días de eclosión, así como a optimización da alimentación temperá e a xestión larvaria. Co obxectivo de avanzar no estudo da alimentación temperá da pescada europea, os investigadores do Centro Singular de Investigación Mariña da Universidade Mariña, Pablo Presa e Damián Costas e os do Instituto Español de Oceanografía Manuel Nande e Montse Pérez, desenvolveron un proxecto de colaboración no que deseñaron e testaron un sistema de xestión de fluxo de traballo con presa viva. “Para iso, identificamos o tipo e tamaño de presa preferida polas larvas da pescada ao eclosionar, establecemos a densidade óptima das presas que maximiza a alimentación das larvas e determinamos a influencia da intensidade da luz na actividade da alimentación das larvas temperás”, explican os investigadores, que tamén avaliaron as diferenzas de crecemento entre lotes de larvas alimentadas con zooplancto como suplemento nutricional e testaron a eficiencia de crecemento dun protocolo de alimentación progresivo, deseñado para larvas de ata 30 días trala eclosión (dph).
Resultados do sistema de xestión de fluxo de traballo con presa viva
O traballo de cooperación do persoal investigador dos dous centros galegos, que foi publicado en Aquaculture, a revista de maior reputación no desenvolvemento da acuicultura en todos os sus dominios (xenética, nutrición, sistemas de cultivo, etc.), permitiu observar que as larvas comezaban a comer aos 6 dph, seleccionando a presa en función do seu tamaño, pigmentación e comportamento e a súa actividade era máxima en escuridade ou intensidade media de luz (600 lx). Así mesmo, comprobaron que a optimización da crianza con respecto ao cultivo clásico, que utiliza presas comerciais, ten efecto sobre o crecemento temperán e a supervivencia ata os 30 dph e que as dietas baseadas exclusivamente en rotífero implicaban un baixo crecemento larvario e a inviabilidade do cultivo da pescada despois de 15 dph, mentres que a inclusión de zooplancto silvestre en dietas temperás duplicaba o crecemento das larvas de 30 dph con respecto ás dietas baseadas en artemia.
“Así, a dieta adaptativa para larvas de ata 30 días deseñada segundo tamaño de presa viva (MiACop), que combina copépodos, rotíferos e nauplios comerciais de artemia, daba lugar a un crecemento cinco veces superior ao da dieta de artemia ou zooplancto”, sinalan os investigadores, que sospeitan que o canibalismo masivo observado nesta especie a partir dos 25 dph estaría relacionado coa ausencia dun tamaño de presa axeitado para combinar coa alimentación semi-seca do destete. Os autores do traballo consideran que o deseño actual do fluxo de traballo para a alimentación temperá da pescada europea demostrou ser un paso útil para asegurar unha maior proporción de xuvenís que entran na fase de destete.
A investigadora do IEO Montse Pérez
O estudo contou co apoio económico do Ministerio de Economía y Competitividad a través do proxecto Letshake, cofinanciado polo Feder e co respaldo económico do Programa de Consolidación das Unidades de Investigación Competitivas cofinanciado por Feder a través das accións Hakeup e Hakeu+.
Imaxe destacada: Os resultados do traballo foron publicados na revista ‘Aquaculture’