Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
A maior parte da superficie terrestre do Parque está cuberta por matogueira aínda que esta presenta particularidades específicas segundo os distintos arquipélagos. A maioría son matogueiras costeiras, outras vexetación de cantil, e noutros casos representan etapas previas á rexeneración da vexetación arbórea, con masas impenetrables de toxos, fentos e silvas. Mesmo aparecen breixeiras húmidas que medran en solos máis profundos, con presenza de carpaza moura, cardo e toxo.
Tamén aparecen na matogueira as xesteiras. En Ons temos unha xesta exclusiva, único endemismo do Parque, a Cytisus insularis que convive coa Striatus.
Do mesmo xeito, xorden formacións de abruñeiros e mesmo estripeiros, salgueiros, loureiros e sabugueiros. Estas masas de matogueira son un lugar ideal para refuxio, aniñamento e cría de numerosa fauna terrestre, xa ben aves, réptiles ou mamíferos.
Sorprende a ausencia de breixeiras nas illas Cíes e a escasa representación de xesteiras.
En próximos artigos afondaremos sobre este tema e a vexetación dos cantís e dos sistemas de dunas.
Imaxes:
Imaxe destacada: abruñeiro en floración.
Santiago Boado Aguinaga