A USC establece un protocolo de cría que reduce á metade os tempos de produción de larvas de ostra plana europea

Portada » O Parque Nacional » A USC establece un protocolo de cría que reduce á metade os tempos de produción de larvas de ostra plana europea

Mar 2, 2017 | CIENCIA

Un equipo do Instituto de Acuicultura establece un protocolo de cría que reduce á metade os tempos de produción de larvas de ostra plana europea

Nos últimos dez anos reducírase á metade a produción deste molusco, do que España é o segundo país produtor do continente

España é o segundo país produtor de ostra plana europea (Ostrea edulis) do continente, cun total de 427 toneladas en 2014 e un valor de 2,2 millóns de euros. A sobreexplotación, a importación masiva de semente doutros países ou o progresivo descenso do recrutamento de semente no medio natural propiciaron que a produción de ostra se reducira á metade nos últimos dez anos. O grupo de investigación ACUIBIOMOL do Instituto de Acuicultura da USC, en colaboración coa Confraría de Pescadores de San Bartolomé de Noia, identificou as condicións óptimas de temperatura, réxime de exposición diaria á luz e ración e composición da dieta de microalgas para o acondicionamento de proxenitores de ostra plan en criadeiro ademais de deseñar un protocolo de cultivo que reduce practicamente á metade os tempos de produción de semente.

Cxmara_de_cultivo_de_microalgas

Cámara de cultivo de microalga. Foto: ACUIBIOMOL

Como sinala Luz Pérez-Parallé, unha das integrantes do equipo, a actual e elevada demanda do mercado “nada máis que pode ser cuberta mediante o control da reprodución en criadeiro, co obxectivo de conseguir acelerar a madurez sexual e xerar un número elevado de semente de calidade ao longo de todo ano, incluso fóra do período natural de reprodución da ostra plana”. Segundo os traballos realizados polo equipo do Instituto de Acuicultura da USC, as mellores condicións de reprodución da ostra plana asócianse con temperaturas da auga de entre 14 e 18 graos, un período de exposición á luz de entre 8 e 16 horas e unha ración de alimento equivalente o 6% do peso seco da ostra por día.

Como explican dende o equipo de investigación, para poder mellorar o acondicionamento desta especie “é imprescindible coñecer a influencia que os distintos factores ambientais e nutricionais teñen sobre o desenvolvemento gonadal deste molusco”. Os intervalos de temperatura e luz así como de composición de alimento sinalado polo equipo investigador permitiron reducir á metade os tempos de produción no criadeiro. O equipo da USC conseguiu o acondicionamento de proxenitores e a produción de larvas despois dun período de catro semanas en inverno e despois de dez no outono. Coas prácticas habituais ata este momento os criadeiros necesitaba un mínimo de 16 semanas en outono e de oito a dez en inverno.

Sistema_de_acondicionamiento_de_progenitores_de_ostra_plana
Sistema de acondicionamento de proxenitores de ostra plana. Foto: ACUIBIOMOL

O período do ano para a cría de ostra cobra unha especial importancia para realizar o acondicionamento, xa que “en outono e en inverno son diferentes as condicións fisiolóxicas dos proxenitores e as condicións ambientais naturais”. Neste senso, “o acondicionamento é especialmente difícil en outono, cando o desenvolvemento gonadal está en repouso”, lembra Luz Pérez-Parallé. Segundo o protocolo de cultivo identificado polos investigadores de ACUIBIOMOL “mellórase de forma notable a cantidade e calidade da semente obtida, reducíndose o tempo e o custe do proceso”.

As ostras foron alimentadas cunha dieta mixta de microalgas (10% Isochrysis galbana, 10%T-iso, 10% Tetraselmis suecica, 10% Monochrysis lutheri, 25 % Skeletonema spp., 10%Phaeodactylum e 25% Chaetoceros spp.) que achegaban unha composición equilibrada de aminoácidos, esterois e ácidos graxos esenciais w-3 e w-6.

O traballo enmarcouse dentro dunha iniciativa europea na que participaron tamén centros de investigación e empresas de Francia, Noruega, Irlanda e España, centrándose nalgunha das etapas crítica da produción en criadeiros da ostra plana, como é o acondicionamento.

Redución da produción
Nos últimos dez anos a produción de ostra plana europea reduciuse nun 50%. Os investigadores identifican entre os factores desta diminución a sobreexplotación de forma continuada, o que levou á práctica desaparición dos bancos naturais das rías galegas noutras épocas moi produtivos. Ademais, os investigadores destacan igualmente a importación masiva de semente de ostra dende outros países, o que trouxo aparellado a presenza masiva de bacterias e parasitos como Marteilia refringens e Bonamia ostreae, ás que se asocian enfermidades e grandes mortalidades nos bancos naturais coas conseguintes perdas económicas no sector.

Finalmente, outro factor que explicaría o descenso dos últimos anos é o progresivo descenso do recrutamento de semente no medio natural e a escasa produción desta en criadeiro, “que non chega a cubrir a elevada demanda do mercado”.

Imaxe destacada:

Larvas de ostra plana

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...