A xerarquía de nacemento, e non os efectos do ovo, determinan o comportamento dos polos de gaivota

Portada » O Parque Nacional » A xerarquía de nacemento, e non os efectos do ovo, determinan o comportamento dos polos de gaivota

Feb 2, 2017 | NATUREZA

Segundo Javier Díaz Real, investigador do Laboratorio de Ecoloxía do Comportamento

A xerarquía de nacemento, e non os efectos do ovo, determinan o comportamento dos polos de gaivota

Independentemente da orde do ovo no niño, os polos que naceron primeiros creceron máis rápido ca seus irmáns

Duvi | Vigo
O investigador Javier Díaz Real, do Laboratorio de Ecoloxía do Comportamento, vén de desbotar unha teoría amplamente aceptada pola comunidade científica. E é que as diferentes estratexias de comportamento entre polos de gaivota patiamarela son determinadas por factores ambientais tras a eclosión e non pola posición do ovo no niño orixinal. Este achado rexeita a aplicabilidade xeral da asunción de que o comportamento tan diferente dos primeiros e terceiros polos de gaivota está programado polas substancias que depositan as nais nos ovos. É dicir, en xeral estes resultados indican que as estratexias de comportamento dos polos son plásticas e están influenciadas pola súa experiencia social temperá.

Polo 2A xerarquía de nacemento, e non os efectos do ovo, determinan o comportamento dos polos de gaivota

Os resultados do seu estudo foron publicados recentemente na revista Behavioral Ecology e amosan que os polos que naceron en terceira posición emitiron máis chamadas de atención aos pais, foron menos propensos a reaccionar ante unha chamada de alarma parental e tiveron unha taxa respiratoria menor ca os polos que naceron en primeira posición. “A orde orixinal do ovo non afectou ao comportamento dos polos”, explica o investigador. Ademais, os terceiros ovos foron máis pequenos e os polos que naceron destes ovos creceron máis lentos que os nacidos de primeiros ovos. É dicir, que independentemente da orde do ovo no niño orixinal, os polos que naceron primeiros no niño experimental creceron máis rápido que seus irmáns.

O obxectivo do estudo

En moitas especies de aves con coidado parental, os irmáns compiten a miúdo polos recursos e coidados dos seus proxenitores, aínda que a estratexia competitiva varía entre irmáns segundo a súa orde de nacemento no niño. Por exemplo, os terceiros polos de gaivota reciben máis andróxenos por vía materna no ovo, e estes inflúe nos seus patróns de comportamento temperás. Por iso, o obxectivo deste estudo era coñecer que factores de influencia materna – sustancias depositadas polas nais nos ovos, ou a xerarquía de nacemento – afectan ao comportamento temperá en polos de gaivota. Para iso, o estudante de doutoramento Díaz Real realizou un experimento de entrecruzamento de primeiros e terceiros ovos en niños de gaivota patiamarela (Larus michahellis). A finalidade era separar a covariación natural entre a orde de posta dos ovos e orde de nacemento dos polos.

Polo 3investigador Javier Díaz Real, do Laboratorio de Ecoloxía do Comportamento

Este estudo contribúe así, segundo o investigador, a un maior entendemento da ecoloxía do comportamento dunha especie tan emblemática como a gaivota patiamarela.

O laboratorio de Ecoloxía do Comportamento

O Laboratorio de Ecoloxía do Comportamento, grupo dirixido polos profesores Alberto Velando e Sin-Yeon Kim, leva anos desenvolvendo unha liña de investigación sobre o efecto da selección natural sobre o ciclo vital e de comportamento das poboacións animais en estado salvaxe, prestando especial atención á conservación das poboacións e das consecuencias que as actividades humanas teñen sobre a biodiversidade. As súas liñas de investigación son moi variadas, dende a avaliación de fenotipos complexos, a expresión xénica, coloración, o papel do estrés oxidativo e os efectos maternos, estudo da senescencia ou a bioloxía da conservación de aves mariñas.

A pesar de que este grupo se centra sobre todo en aves mariñas como corvos mariños (Phalacrocorax), mascatos (Morus bassanus), gaivotas, pardelas (Calonectris diomedea) ou carolos (Alca torda) está realizando ademais traballos de investigación con peixes e outras especies de vertebrados.

Imaxe destacada:

Independentemente da orde do ovo no niño, os polos que naceron primeiros creceron máis rápido ca seus irmáns

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos