Nun proxecto das universidades de Vigo e Santiago, coordinado polo Grupo de Ecofisioloxía Vexetal
Analizan o deterioro que a planta invasora Carpobrotus edulis produce no solo para mellorar as estratexias de erradicación e rexeneración
Compre modificar as condicións de pH e materia orgánica do solo, para evitar a incorporación doutras invasoras
M. Del Río | Vigo
Carpobrotus edulis, tamén coñecida como herba de coitelo ou uña de gato, foi citada por primeira vez en España no Grove en 1900. Máis dun século despois esta planta invasora coloniza areais de toda a costa da península ibérica provocando unha grave perda de biodiversidade e ameazando a flora autóctona protexida.
Ás dificultade para a súa eliminación, súmase o deterioro que provoca no solo, impedindo unha rexeneración a medio prazo. Para poder poñer freo á súa expansión é preciso coñecer a relación ecofisiolóxica entre a especie exótica e as especies de dunas mariñas e este foi o obxectivo dun proxecto interuniversitario coordinado por investigadores do Grupo de Ecofisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo en colaboración con científicos da Universidade de Santiago de Compostela. Seleccionado polo Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos das Sociedade, o estudo arrancou en xaneiro de 2014 e finalizou, tras tres anos de traballo, con importantes avances de cara á loita contra esta especie invasora, centrados sobre todo na mellora dos mecanismos de extracción manual das plantas.
Imaxe de Carpobrotus edulis en floración na costa cántabra
As estratexias de extracción manual
Orixinaria de Sudáfrica, Carpobrotus edulis empregouse como planta ornamental fixadora de solos en zonas costeiras, explica Luis González, investigador principal do Grupo de Ecofisioloxía Vexetal. “A partir deses cultivos naturalizouse amplamente nos areais, rochedos e cantís costeiros, principalmente nas proximidades de paseos marítimos ou casas axardinadas”.
Pero a realidade é que a pesares de ser unha planta invasora e estar prohibida a súa posesión, utilización e comercio, séguese a vender en viveiros. Ata agora os esforzos por eliminala dos ecosistemas costeiros centrábanse na eliminación manual das plantas, pero en moitos casos os restos almacenábanse no propio lugar de extracción ou ben eran transportados “trasladando propágulos dun espazo a outro”. Isto, sinalan, é especialmente perigoso porque como puideron comprobar neste neste proxecto, os fragmentos de Carpobrotus separados da planta nai posúen a capacidade fisiolóxica para enraizar por si mesmos, engade González, “e demostramos que esta capacidade permanece intacta durante longo tempo, incluso en pequenos anacos”.
Deste xeito, os pequenos fragmentos xerados no proceso de erradicación convértense en invasores latentes polo que é preciso un manexo axeitado dos residuos de modo que o material vexetal retirado non sexa almacenado ou abandonado na área a recuperar ou na súa proximidade.
Example of an area completely covered with ice plant on a French Mediterranean island, Bagaud island, in the Port-Cros National Park
Outro factor determinante para a extensión desta especie é que se trata dunha planta clonal, é dicir, pódese reproducir asexualmente mediante o enraizamento espontáneo das súas ramas máis novas, e isto permite que distintas plantas, unidas entre si, poidan cooperar no proceso de invasión.
“Son capaces de competir nun espazo con gran seca como as dunas xa que as plantas máis expostas reciben auga daquelas máis afastadas e descubrimos que esta competencia faise máis efectiva porque as plantas invisten máis en estruturas aéreas, ao non precisar grandes raíces para procurar auga, e aumentan rapidamente a superficie ocupada”.
A falta de planificación dunha estratexia que atenda a estes factores por parte das administracións pública provocou “a recuperación das poboacións de Carpobrotus edulis naqueles lugares onde se actuara na década pasada”. De feito, en espazos costeiros da Rede Natura 2000, a especie invasora convive, en ocasións separada por un cento de metros, con flora protexida como Alyssum loiseleurii, Crepis novoana ou Limonium dodartii.
Científicos durante os traballos de campo.
Resultados cruciais para poñer en marcha novas medidas de control e erradicación
Neste proxecto, os científicos vigueses e composteláns analizaron a variabilidade fenotípica e os cambios na relación solo-planta durante o proceso de invasión e como apunta o profesor González, obtiveron resultados que “poden ser cruciais para o control de Carpobrotus ou ben que poden iniciar unha nova liña de estudo no tema das plantas invasoras”. Salienta que esta planta invasora “incorpora unha gran cantidade de materia orgánica ao solo no seu proceso de invasión” e no seu proceso de descomposición natural produce cambios no ciclo de nutrientes, pH e nas actividades encimáticas do solo das dunas.
Estes cambios nas condicións físicas, químicas e biolóxicas do solo, provocan que unha vez eliminada a especie invasora o chan queda “nu e transformado” con alteracións nos nutrientes, pH máis baixo, maior humidade, etc. “o que dificulta a recuperación da flora autóctona, adaptada ás condicións extremas da duna, e favorece a aparición doutras especies invasoras”.
En consecuencia, e en función dos coñecementos adquiridos, “afirmamos que a extracción manual require da retirada efectiva do material vexetal, para evitar os restos con facilidade para enraizar; dun seguimento do espazo recuperado, xa que as sementes presentes no solo teñen capacidade de xerminación; da modificación substancial das novas condicións do solo (pH, materia orgánica…) para evitar a incorporación de outras invasoras e dun plan estratéxico que favoreza o establecemento de nova flora autóctona”.
Luis González no centro, coas e cos investigadores do grupo.
Propostas institucionais e de divulgación
Os investigadores destacan que, por unha banda, os esforzos deben ir dirixidos a aplicar a normativa existente que prohibe o uso e comercialización da especies e, por outra, a ampliar o coñecemento dos profesionais do sector, como as asociacións de produtores exportadores de froitas, flores e plantas vivas, de produtores de plantas ornamentais e das administración como a consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de xeito que se poida actuar na orixe do problema.
Pero independentemente, sinalan que hai que seguir o estudo das relacións que se establecen entre as especies para contrarrestar a súa capacidade invasora e evitar o avance en zonas de especial interese mediante a promoción da flora autóctona. Para iso é preciso elaborar os catálogos de actuación axeitados e implicar a cidadanía na investigación para o coñecemento no tópico das plantas invasoras.
Os investigadores tamén demandan formación e información á sociedade sobre a problemática das especies invasoras. “A divulgación das características invasoras e dos problemas ambientais que xera é fundamental” e iso puxeron en marcha hai dous anos un proxecto de ciencia para cidadanía en colaboración co alumnado do IES Illa de Arousa.
*Advertencia: a imaxe destacada deste artigo, correspóndese cunha illa de Oceanía. Non reflicte o acontecido en ningún dos arquipélagos do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Imaxe destacada: example of an area completely covered with ice plant on a French Mediterranean island, Bagaud island, in the Port-Cros National Park Wikipedia