Antiga escola. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4 (XV)

Portada » O Parque Nacional » Antiga escola. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4 (XV)

Xuñ 15, 2017 | BIBLIOGRAFÍA, HISTORIA

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (XV)

Os seus lugares

Antiga escola

A antiga escola de Ons estaba situada entre un conxunto de vivendas e construcións domésticas situadas no barrio de Canexol. A construción principal correspóndese con dúas vivendas medianeiras pero que na súa orixe foi casa de labranza e despois a escola da illa, onde tamén vivía a mestra. Segundo A. das Casas esta escola foi creada en 1923 e abriuse en 1925 (das Casas 1934, 168), utilizándose como escola ata 1967 cando empezou a funcionar a nova escola de Curro.
A casa é de planta rectangular, de dúas alturas, feita en cantería de granito cos esquinais e os vans reforzados e posteriormente rehabilitada. A cuberta de tella a dúas augas restaurada con cheminea na vertente orientada ao oeste.

Detrás da vivenda atópanse os hórreos máis monumentais da illa. Os dous son de idénticas características construtivas parecendo un o espello do outro, tendo ambos orientación leste -oeste. Están sobre celeiro feito con pedras no que se mesturan o cachote, cantería e, sobre todo no hórreo sur, varias pezas reaproveitadas doutras antigas construcións. Ambos teñen dúas portas. Teñen tornarratos corrido sobre o que se asenta a cámara. Está feita de cantería con fendas horizontais. Teñen unha porta cada un, na parede costal, orientadas ao interior do patio. O teito é de laxes de pedra ben traballadas con cemento nas xuntas e tella curva ao longo do pinchón. Como motivos decorativos, nos pinches orientados ao leste teñen sendas cruces de granito. Neles se almacenaba o millo recollido, un era para o dono da illa, Sr. Riobó, e o outro para a persoa que lle administraba as rendas e que residía nese conxunto de vivendas.
Entre os hórreos hai un eirado no que antigamente se celebraba a festa en honor a San Xaquín. Chamábanlle o campo da festa. Celebrábase a finais de agosto, e os domingos despois da Asunción da Santísima Virxe, patroa de Beluso á que acudía un numero importante de veciños de Noalla, Bueu, Ribeira, Portonovo, etc., continuando a festa nos días seguintes xa que tamén se lle rendía culto á Virxe dos Remedios e a San Ramón (Portela Pazos 1954, 68-69).

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Imaxe destacada: parte traseira das vivendas onde se pode ver a distribución dos hórreos pechando a eira © CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...

O embarcadoiro de Cortegada en 1906

O embarcadoiro de Cortegada en 1906

O embarcadoiro de Cortegada en 1906 Vella tarxeta postal centenaria que nos mostra o embarcadoiro e parte da aldea da illa de Cortegada, fronte a Carril, no ano 1906, pouco antes da doazón á monarquía e abandono por parte dos seus habitantes. Ao fondo, sobre Carril, o...