Hai xustamente un ano a prestixiosa revista científica Science publicaba un artigo alertando que o cambio climático xa ameaza gravemente espazos naturais que son patrimonio da humanidade. O diagnóstico científico confirmaba a intuición, cousa que nunca está de máis, e en vista de que a ciencia avala a evidencia paga a pena contar algunhas cousas pertinentes respecto ao respecto nas nosas ultimamente tan politicamente disputadas illas Cíes que serán algún día precisamente Patrimonio da Humanidade e o serán, se conseguimos que se impoña un pouquiño de sentido común, conxuntamente co resto dos arquipélagos do Parque Nacional.
En Cíes temos, entre outros moitos, dous luxos destacables. Un son as guías e os guías intérpretes que fan (entre outras cousas) as visitas guiadas. Deducirán que son amigas e amigos, e o son, pero iso é irrelevante. Unha vez camiñada practicamente toda a rede de parques nacionais temos elementos de xuízo obxectivos para comparar e afirmar que son excepcionais. Oxalá lles valoren algún día como se merecen, en todos os sentidos. Se visitan as illas elas e eles mostraranlles a outra boa amiga, que é a protagonista que nos gustaría presentarlles. É unha planta, chámase Armeria pungens, pero para bonito o seu nome común: Herba de namorar, concretamente Namoradeira das praias, e é outro luxo, en realidade un tesouro. Tenten imaxinar as condicións ideais para unha planta: terra escura rica en humus, temperaturas suaves, humidade constante e homoxénea, equilibrio entre luz e sombra, rego adecuada (por suposto con auga doce). Agora vaiamos ao extremo contrario, Cales serían as peores condicións posibles para que unha planta sobreviva?. Seguro que lles soa coñecida a sensación de pisar a area da praia no verán e queimarse os pés. Pois xusto aí, nese chan ardente no verán, xélido no inverno, sen unha pinga de auga durante meses, sen apenas alimento, soportando un vento constante e uns niveis de salinidade intolerables vive a nosa protagonista. Forma pequenas matas a ras chan, con follas verdes puntiagudas moi compactas para abrigarse e conservar a humidade das que sobresaen uns talos longos, duns corenta centímetros nos que brotan as súas pequenas flores, que parecen únicas, pero en realidade son un acio de decenas de floreciñas brancas e rosadas. E que ten de especial?. Pois que a nosa amiga non só é única, senón que representa unha reliquia; é un recordo vivo de cando o clima era diferente e a súa especie resultaba abundante na nosa contorna, fai tan só uns centos de anos. Gradualmente as súas compañeiras desapareceron ou se foron desprazando, e aquí quedou un grupiño, menos dun centenar, illado nas illas. Só podemos vela en Cíes, non existe en ningunha outra illa do Parque, nin en toda Galicia, nin de aquí para o norte. Teriamos que baixar centos de quilómetros ao sur de Lisboa, para atopalas. Adaptáronse a vivir nesas condicións extremas e dalgunha maneira son prisioneiras das dunas, simplemente xa non poden vivir noutro sitio. É un paradoxo que plantas con esa extraordinaria fortaleza sexan ao mesmo tempo tan fráxiles. A explicación é precisamente que viven ao límite do posible, por iso resulta imprescindible protexer os ecosistemas dunares de calquera alteración. Unha simple pisada pode ser suficente para romper ese delicado equilibrio, por iso cando chegamos a Cíes ou a calquera zona do litoral e atopámonos algúns deses espazos pechados para impedir que os pisemos lembremos que non é por amolar, hai unha boa razón, neste caso nada menos que salvar a unha especie única, porque lembremos que demasiadas veces consideramos algo como un tesouro cando o perdemos, e entón é demasiado tarde.
Para como solucionalo:
Aínda que só fóra por esta modesta e discreta plantiña xa valería a pena protexer as illas. Se conseguimos que se namoren desta Herba de namorar, e a coiden da mellor maneira posible, que é deixándoa absolutamente tranquiliña, xa está xustificado o Parque Nacional. Non debería ser necesario, pero convén lembrar que o turismo só é unha parte do complexo uso público dun parque nacional e que este á súa vez debe supeditarse ao obxectivo fundamental, a conservación. Neste caso a orde dos factores sí que pode alterar, e moito, o produto. Con demasiada frecuencia esquécense e mesmo se intercambian estas prioridades. Estes días nos que segue o proceso, e a rifa consecuente, pola declaración de Cíes como patrimonio da humanidade escoitamos mensaxes preocupantes. Por cada dez veces que se fala do turismo e a súa potenciación (Máis madeira!! Que diría Groucho Marx) cóase apenas unha declaración sobre a conservación deste espazo privilexiado. Tranquilizaría moito que intercambiásemos a proporción das mensaxes. Cíes son unha parte do Parque Nacional. Por que Cíes patrimonio da humanidade e o resto de arquipélagos do parque non? Para utopía pedir que se poñan de acordo as administracións, e para quimera pedilo en período electoral, pero outra vez lembrámolo: esquezamos as cousas con importancia para centrarnos no realmente importante.
Antón Lois
Teixugo S.Coop